Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 29 de febreiro do 2024
Ence na ria

Houston, temos problemas medioambientais

Non cabe dúbida de que o problema medioambiental é unha das principais preocupacións a nivel mundial. Recibimos constantemente entradas de información nese sentido. Así, nos últimos días o presidente Biden (EEUU) manifestou –dentro dunha concepción bipolar mundial-  que se hai algo máis perigoso que Putin no mundo, iso é o cambio climático. A alteración das temperaturas, o derretemento dos casquetes polares, ou a extinción de especies de fauna e flora son algunhas das consecuencias xa palpables.
Liñas de investigación Economia
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

En atención a esta preocupación, a UE vén poñendo en práctica instrumentos que promoven a innovación medioambiental, orientados a lograr obxectivos como a redución da pegada de carbono e das emisións nos procesos produtivos, entre outras. Do abano de  recursos dotados desde a UE, destaca o coñecido como Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que supón o 89,67% dos 750.000 millóns dotados por NextGenerationEU (140.000 en España). O relevante desde o punto de vista medioambiental deste MRR vén marcado polo seu obxecto xeral: acadar unha recuperación sostible e resiliente, ao tempo que se promoven as prioridades ecolóxicas e dixitais. Este despregamento en forma de financiamento revela unha posición estratéxica da UE no xogo da competencia mundial, que algúns expertos xa denominan Green Deal. Esta estratexia procuraría dotar de financiamento para abordar os principais problemas medioambientais da actualidade: o combate do cambio climático, a necesaria diminución da pegada de carbono da actividade fabril e humana, a redución do consumo de combustibles fósiles, a promoción do emprego de novas fontes de enerxías renovables, ou evitar as consecuencias do abandono do campo son algúns deles.

Mais as oportunidades de acadar avances no eido medioambiental non están exentas de contradicións. Así, mentres os grandes problemas non entenden de fronteiras, as políticas vertébranse a aplícanse fundamentalmente a nivel nacional e rexional. Estas políticas, coma no caso dos Fondos Europeos, inclúen con frecuencia dualidades coma o apoio simultáneo á transición ecolóxica e á promoción dixital, coma se o modelo de dixitalización masiva imposto (e a IA) non comportasen consumo de recursos naturais escasos. Por outra parte, a posta en marcha de fondos destinados ao desenvolvemento sustentable veu  reforzar fenómenos coma o “lavado verde” (Greenwashing), consistente na comunicación enganosa empregada para aparentar que un produto ou proceso é máis ecolóxico do que realmente é. A RSC, a comercilalización, o financiamento a proxectos, ou as publicacións científicas forman parte tamén deste fenómeno.

image 51

Estamos entón ante unha necesidade ou unha nova moda do “verde”? A cuestión segue a ser controvertida. Incluso figuras histriónicas coma o expresidente Trump ou Milei sérvense desta controversia negando o cambio climático. E a sociedade galega, está exenta destas contradicións? No Informe sobre Economía Circular en Galicia (2020) o 94% das empresas amosaba a súa preocupación polo cambio climático, mentres que o 6% restante opinaba  que sufririamos as consecuencias no futuro. Nunha recente enquisa elaborada por DYM sobre as principais problemáticas en Galicia, os enquisados responderon que a problemática medioambiental era apenas o sexto problema na rexión (1,1% do total), por detrás da situación económica (28,7%), a sanidade (20,9%), o goberno da Xunta (14,8%), a falta de investimentos (12,9%), o desemprego (10%) e a situación da xuventude (5,1%). Neste  lugar colocaríanse en Galicia problemas coma o citado cambio climático, o abandono da Galicia interior, os incendios, a sobreexplotación das pescarías, o modelo forestal baseado na eucaliptización, ou as externalidades consecuencia do modelo enerxético. A esta controversia contribúe ademais o feito de que a día de hoxe fondos como NextGeneration apenas acadan un terzo da súa execución. Hai entón unha burbulla e un exceso de oferta de financiamento para innovación medioambiental? Ou falla a información e a concienciación de parte dos axentes da sociedade? Opinións aparte, sabemos que a capacidade de xestión e absorción de recursos europeos continúa a ser un problema (desde hai décadas) que non facilita nin a concienciación nin a consecución de resultados. Con todo, semella tamén que aínda non se logrou un desexable axuste entre necesidades ambientais-políticas públicas-sociedade. Houston, temos  problemas medioambientais, de xestión de fondos e coherencia.

[Publicado en Nós Diario o 29/02/2024]