Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 21 de abril do 2024
20060807 satelite terra fogos espanha portugal

Cinco décadas de apertura nas relacións económicas de Galicia con Portugal

A distancia cultural non é un tema destacado nos debates económicos. Fronte á idea de comercio global, a realidade das relacións económicas é que estas adoitan producirse de maneira frecuente dentro de bloques rexionais -con características comúns a nivel xeográfico, histórico, cultural, social, etc.- e a nivel interrexional. De esta idea xorden construcións históricas como a Unión Europea (UE), pero tamén outros espazos como NAFTA, ASEAN, MERCOSUR, ECOWAS, CAN ou o ALBA. Neste sentido, os vínculos culturais e históricos son un factor clave xa que, a menor distancia cultural entre países, menor cantidade de barreiras que sería preciso derrubar para comerciar.
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza

As relacións de Galicia con Portugal no tempo

As relacións galegas con Portugal teñen unha raíz histórica fonda. A singularidade de termos compartido parte do territorio, da cultura e da fala durante moito tempo fai que exista unha ligazón moi particular entre as empresas e as xentes, especialmente coa Região do Norte.

Galiza e Portugal tiveron desde moito tempo atrás relacións comerciais de certa entidade e con diferente intensidade. Desde a invasión romana, pasando polo Reino de Galicia e a Idade Media, os séculos posteriores e ata a actualidade. Así, desde o século XVI existen estudos confirmando as relacións comerciais bilaterais a través do mar e dos portos. A intensidade destas relacións históricas dependían de factores como as relacións monárquicas, dos gobernos, das guerras, ou da maior presenza da inquisición, que expulsaba poboación. Máis coñecido é o caso recente do “estraperlo”, nacido na posguerra supoñía unha relación informal de comercio que permitía a supervivencia ás clases sociais máis baixas en ambos os dous lados da raia durante a época das ditaduras. Precisamente, a caída dos respectivos réximes autoritarios supuxo un paso na normalización das relacións transfronteirizas. Mais foi a entrada na UE a que supuxo un fito no pulo ás relación económicas interrexionais, explicando a intensidade dos intercambios comerciais existentes na actualidade.

A día de hoxe, as relacións económicas entre Galiza e Portugal contan cun nivel de consolidación importante. Con datos de 2023, Galicia exporta máis de 4.000 millóns de euros anuais a país veciño, o que supón aproximadamente unha sexta parte do conxunto das exportacións do Estado español ao país. As exportacións céntranse sobre todo no sector do metal, animais vivos, téxtil, minerais, materiais de transporte, produtos da madeira e maquinaria. E se ben os valores das exportacións triplicaron en termos absolutos nos últimos vinte anos, o certo é que o peso das vendas a Portugal sobre o total foi variando neste período. De superar o 18% nalgúns momentos previos á Gran Recesión, a caer nos exercicios posteriores -froito da maior diversificación de destinos e produtos- ata situarse en valores en torno ao 13-14%1.

Por outra parte, Galicia compra ao mercado luso produtos por valor superior aos 2.700 millóns de euros anuais. O tipo de produtos que compramos garda bastante semellanza coas nosas vendas. Adquirimos produtos do metal, materiais de transporte, animais vivos, materiais do téxtil, pero tamén materiais plásticos, outras mercadorías, e produtos da madeira e alimentarios.

image 54
Gráfico 1: Expor-Impor GZ-PT 2000-2023 (miles €)
Fonte: Elaboración propia de datos do Ministerio de Economía e Comercio, e Sande2

A pesar da competencia entre os territorios, existen unhas fortes relacións de complementariedade entre Galiza e a Região do Norte. Unha proba disto é a similitude entre as especializacións produtivas a un lado e outro da raia. Esta similitude facilitaría a creación de sinerxías, desde o desenvolvemento de proxectos, á cooperación na planificación e organización dos recursos e infraestruturas, ou incluso na comercialización. Ademais disto, unha relación forte con Portugal podería facilitar a entrada e consolidación no resto de mercados da CPLP, o que suporía achegarse a preto duns 300 millóns de consumidores.

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en datos

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal foi a terceira constituída dentro do proxecto comunitario, e a primeira na península ibérica. A día de hoxe, nos máis de 51 mil km2 da Eurorrexión viven máis de 6,2 millóns de habitantes, dos cales o 60% son portugueses e o 40% galegos. A superficie da Eurorrexión é superior á de países como Bélxica, Países Baixos, Dinamarca ou Estonia. O nivel poboacional sitúa á Eurorrexión por diante de países como Dinamarca (5,9 millóns), Finlandia (5,5), Eslovaquia (5,4), Irlanda (5,1) ou Croacia (3,8). O PIB da Eurorrexión situáse perto dos 142.000 millóns de euros, case no nivel de países como Hungría (168.000), e por diante doutros coma Eslovaquia, Bulgaria, Luxemburgo ou Croacia. En canto á comunidade de traballo da Eurorrexión, cada día atravesan a fronteira arredor de 15.000 traballadores.

A nivel institucional, son múltiples axentes os que interveñen no proceso de construción das relacións luso-galaicas, desde a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galiza-Norte de Portugal (AECT-GNP), cuxa constitución en 2008 supuxo o punto de arranque da Eurorrexión, ata o Eixo Atlántico e a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal. Ademais cóntase co apoio institucional da Comisão de Coordenação de Desenvolvimento Regional da Região do Norte (CCDRN) e da propia Xunta de Galicia, entre outras. No terceiro sector, axentes como o IGADI participan activamente neste proceso. Por outra parte, dentro do espazo transfronteirizo, as Eurocidades naceron como acordos entre municipios próximos, vinculados historicamente pero pertencentes a distintos Estados da UE. Estas están baseadas no principio de compartir recursos e sinerxías para a promoción conxunta. O seu obxectivo no longo prazo consistiría, pois, en converterse nunha única cidade cun só goberno.

Os retos: a política industrial e a estratexia atlántica como motores económicos

Como consecuencia dunha estratexia historicamente radial en canto á configuración dos Estados, a acumulación de infraestruturas e servizos adoita producirse nas capitais dos estados. Neste contexto, parece conveniente que as rexións periféricas se asocien e cooperen para lograr obxectivos de desenvolvemento comúns que poidan dalgunha maneira mitigar as dinámicas centrípetas. Este argumento, unido ao desenvolvemento industrial en Galicia, son os que defendemos recentemente no documental sobre a Eurorrexión GNP titulado “O diamante galego” (Youtube)3, no que tiven o pracer de asesorar nos aspectos económicos e na selección de axentes políticos e económicos a entrevistar.

En canto á vertebración atlántica, proxectos como a Alta Velocidade vólvense cruciais para fomentar as relacións económicas. Neste sentido, hai varios aspectos clave que cómpre non esquecer. En primeiro lugar, a aposta polas infraestruturas atlánticas non é unha demanda nova na península, senón máis ben unha débeda histórica se temos en conta que hai varias décadas que o goberno español apostou polo desenvolvemento de infraestruturas no corredor Mediterráneo. En segundo lugar, o desenvolvemento de infraestruturas atlánticas ten que ver co potencial destas para vertebrar e reforzar a conexión dos portos marítimos con outras vías de comunicación, tales como as coñecidas autoestradas do mar e o chamado corredor atlántico. Por último, a oportunidade descansa no feito de que o goberno portugués é consciente que a unión atlántica é estratéxica para a súa economía, por enriba da unión Madrid-Lisboa e como consecuencia da capacidade de absorción da actividade económica por parte da capital española.

Referencias

  • 1,2 Sande, D. (n.d.). Las relaciones comerciales de Galicia con la Comunidad de Países de Lengua Portuguesa. ¿Cómo afrontarlas en el actual contexto económico? Revista de Estudios Regionales
  • 3 Nós Televisión (2024). O diamante galego [en liña]. En Youtube, www.youtube.com [ref. 2024]. Proxecto elaborado por AGAL, e financiado pola Deputación da Coruña. Dispoñible en: www.youtube.com