As dúas sesións anuais ou lianghui, que reúnen en Beijing aos integrantes da Asemblea Popular Nacional e a Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés, chegaron ao seu fin. As súas previsións están habitualmente marcadas por unha axenda con pouco espazo para as sorpresas. No entanto, cabería apuntar algunhas “rarezas” desta edición.
As dúas sesións anuais ou lianghui, que reúnen en Beijing aos integrantes da Asemblea Popular Nacional e a Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés, chegaron ao seu fin. As súas previsións están habitualmente marcadas por unha axenda con pouco espazo para as sorpresas. No entanto, cabería apuntar algunhas “rarezas” desta edición.
En primeiro lugar, é rechamante o pouco espazo outorgado no informe sobre o labor do goberno presentado polo primeiro ministro Li Keqiang á política exterior. Máis rechamante aínda tendo en conta o crecente protagonismo diplomático de China e o seu significado papel en crises próximas como a península coreana ou as tensións no Mar de China meridional e tamén o interese suscitado por iniciativas como a Franxa e a Ruta da Seda. Apenas uns trazos moi xerais foron recollidos no informe.
En segundo lugar, a tamén débil presenza do primeiro ministro nun evento no que, habitualmente, brilla con luz propia na medida en que as dúas sesións constitúen un foro bicameral cuxa primeira función é facer balance da acción de goberno, que preside o propio Li (que se reuniu con deputados de Guangdong), e proxectar obxectivos para o exercicio seguinte. Pola contra, a omnipresencia do Presidente Xi (reunido con deputados de Shanghai, militares, etc.) permitiu abundar na consideración dun protagonismo que vai camiño do exceso crebando a imaxe de colexialidade que definiu nas últimas décadas ao liderado chinés.
En terceiro lugar, nese peculiar exercicio de parlamentarismo informativo en base á reiteración de conferencias de prensa, tendo en conta que a reestruturación do tecido produtivo terá importantes consecuencias no plano laboral, botouse en falta unha comparecencia de responsables nesta materia, especialmente dos sindicatos, para ofrecer o seu punto de vista. Isto é máis rechamante aínda cando o ministro de Facenda, Lou Jiwei, despachouse a gusto, nun exercicio cualificado polos propios medios chineses de inusual crítica, contra a vixente Lei de Contratación Laboral por estar demasiado inclinada a favor dos traballadores. Acusada agora de “desequilibrada” e “sobreprotectora dos empregados”, esta norma foi aprobada en 2007 pola APN tras 19 meses de tramitación e catro lecturas. Lou Jiwei di que “debilita as posicións dos patróns”…. Estímase que máis de cinco millóns de traballadores serán despedidos en China como consecuencia da reforma en curso das empresas estatais. Non houbo menciones nas lianghui aos avances rexistrados na redución das desigualdades e acrecéntase a sensación de que o actual liderado ten menos sensibilidade social que o anterior (Hu Jintao, 2002-2012) e máis inclinación a referendar todo canto permita proxectar poder do Estado.
En cuarto lugar, nesa mesma liña, cabo destacar o espontaneismo e frescura á baixa nas conferencias de prensas con intentos de limitar as preguntas, especialmente dos xornalistas estranxeiros, nun afán de reducir ao mínimo situacións que puidesen considerarse incómodas. Este aspecto é indisociable do novo clima que se vive nos medios chineses, cunha nova e acusada volta de rosca da censura a todos os niveis.
Para rematar, houbo balance e trazáronse as liñas mestras do inmediato futuro (XIII Plan Quinquenal), pero sobre todo un persistente esforzo reafirmador das políticas decididas, que foi inxente, xa falemos dos obxectivos xerais da reforma económica, o papel da innovación ou as reformas noutros campos (gobernanza, xudicial, ambiental, financeiro, fiscal, tributario, etc). No político, a chamada á orde para preservar a lealdade ao PCCh primou como mensaxe a todos os estamentos burocráticos. Iso connota a particularidade do momento ante o tamaño das dificultades, a necesidade de evitar fisuras ou o xurdimento de dúbidas sobre a idoneidade do rumbo elixido nun contexto de débil aplicación xeral das decisións adoptadas polo Grupo Dirixente responsable da reforma.