20061014 dhaka bangladesh muhammad yunus

Mohamed Yunus, un banqueiro con alma

 Mohamed Yunus, clic para aumentar
O mérito de Mohamed Yunus foi racha-lo círculo vicioso do proceso crediticio, baseándose case exclusivamente na confianza que lle ofrecía a necesidade de que os seus clientes tiñan de saír da miseria.
 

O xurado do Premio Nóbel da Paz do ano 2006 acordou o pasado venres a concesión de tal galardón ó economista bengalí Mohamed Yunus pola creación do Banco dos Pobres, ou literalmente "Banco das vilas". Trátase dunha organización financeira pioneira na concesión micro-cretos a clientes moi pobres que doutro xeito non poderían acceder ós mecanismos de financiamento tradicionais debido á inexistencia de garantías para avalalos. O mérito de Yunus foi racha-lo círculo vicioso deste proceso baseándose case exclusivamente na confianza que lle ofrecía a necesidade que estes clientes tiñan de saír da miseria.

A fundación deste banco innovador, formula a pregunta de se non sería tamén merecedor do Premio Nóbel de Economía en función da apertura dun novo camiño no campo das Finanzas.

O certo é que a taxa de devolucións rolda o 99 %, e a clave podemos atopala no feito de que a maior parte dos debedores son mulleres (actualmente un 97%), máis dadas a xestionar mellor os recursos familiares e con maior coñecemento das necesidades reais das súas familias cós seus homes, máis proclives estes a malgasta-los cartos de forma pouco eficiente.

As cifras do Banco Grameen son realmente importantes: máis de 6´5 millóns de debedores, 2.200 oficinas abertas, máis de 5.000 millóns de dólares acumulados en préstamos, preto de 20.000 traballadores, presencia en case a metade dos países do mundo aínda que concentrados en Bangla Desh. E todo iso a través de préstamos cun tipo de xuro máis baixo que o oficial (para os máis pobres é case o 0%) e cun nivel de depósitos que cubre amplamente as necesidades de financiación deses préstamos.

Pero amais, neste home dáse un interesante paradoxo. Mr. Yunus, está doutorado en Economía pola universidade estadounidense de Tennessee, e por tanto partiu dunha formación económica ortodoxa, onde a proposta é estudala economía dende o punto de vista teórico-abstracto que tantas veces ignora a realidade que analiza. Yunus soubo saír desa espiral estrictamente economicista, para darlle un aspecto humano poucas veces visto e, dende logo, pouco interesante para os elevados puntos de mira dos Papas da economía.

Cun certo paralelismo con Stiglitz, foi quen de facer o que nin o FMI nin o Banco Mundial son quen de acabar coa pobreza no mundo. Estas dúas institucións financeiras encargadas da estabilidade económica mundial atopan no Banco Grameen un contrapunto que debería ruborizar a máis dun funcionario que cos seus informes arruinou as posibilidades de desenvolvemento de moitas persoas nos países pobres.

Agora agardemos que non veña o Botín de quenda e lance unha OPA (non sei se hostil) contra o Banco Grameen para tratar de facerse con eses 6 millóns de clientes do banco con maior rendibilidade (humana) do mundo, aínda que os seus beneficios puramente económicos non fagan conmover ás Bolsas como o fan cos corazóns dos soñadores dun mundo mellor.