galeuscat mapa europa 01

Nostalxia do galeguismo

 Galeuscat; clic para aumentar
Resulta incomprensible como controlando áreas de xestión tan importantes; ou participando de estruturas como Galeuscat, onde a proxección exterior é unha preocupación compartida por todos os seus integrantes, a presenza exterior careza de vertebración alternativa.
 

Antes de que houbera siquera autonomía, o galeguismo, nun tempo histórico ben diferente ao actual, xa tiña dimensionada a clave exterior e sentados os seus principios e orientacións básicas. Hoxe, moitos dos neófitos que defenden a conveniencia dunha acción exterior galega redúcenna á prolongación exterior das competencias autonómicas nese xogo de equilibrios entre a lealdade constitucional e resposta aos desafíos da globalización, onde, por certo, a proposta universalista dos galeguistas do século pasado goza aínda de adecuado predicamento. O galeguismo ía moi por diante e tiña un proxecto moi avanzado para o seu tempo, ambicioso e ilusionante. Con máis poder nas súas mans, o nacionalismo contemporáneo non está á súa altura, cando menos neste aspecto. A clarividencia das figuras daquel tempo non ten paralelo no momento actual.

Voltando ao exemplo da política exterior, resulta incomprensible como controlando áreas de xestión tan importantes; ou participando de estruturas como Galeuscat, onde a proxección exterior é unha preocupación compartida por todos os seus integrantes, a presenza exterior careza de vertebración alternativa, obedeza a impulsos doutros que se aproveitan na medida posible, a tics, anécdotas condicionadas pola necesidade de reaccionar ante o que fai o do lado, etc, etc, pero sen contar cun proxecto global, integral, que sitúe a Galicia, como país, no mundo, dende a óptica nacionalista, e que hoxe non soamente sería declaración programática, senón que disporía dunhas posibilidades efectivas de implementación, infinitamente maiores ás vixentes canda o galeguismo. No tempo actual, a falla de visión e sensibilidade neste aspecto predomina na maioría dos dirixentes nacionalistas contemporáneos.

É probable que a obsesión pola xestión do día a día resulte abafante, pero se non se actúa en paralelo pensando o futuro, innovando saltos no redimensionamento da política galega, non soamente nos eidos internos senón naquelo que atinxe á plasmación dunha identidade internacionalmente recoñecida, unha vez máis desaproveitarase unha importante ocasión. É escasa ou nula a preocupación por suplir ese grave baleiro existente na política nacionalista, desperdiciando así unha excelente oportunidade para xestionar os diferentes departamentos en todo o que afecta á súa dimensión exterior cun proxecto claramente converxente e orientado.

Dá a impresión de que o nacionalismo non se sente parte ou non se lle dá parte na acción exterior do goberno do que forma parte, pero tampouco vertebra unha opción a compartir ou sequera compartida polas súas áreas de poder. Nun país onde se fan seminarios ata sobre o papel do trompo na festa do san martiño, ben poderían organizar un sobre a política exterior do nacionalismo. Castelao, tarde, entendeu perfectamente a súa importancia, cando deixou escrito aquelo que era "fillo dunha patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto ás nosas reivindicacións patrióticas". Plácido Castro, outro visionario a quen o nacionalismo sigue ignorando, comprendeuno á primeira, coma Tobío. Hoxe esta é unha cuestión de galescola. Pero é unha política que non se improvisa. E se se fai, sairá mal e pouco quedará dela.

Ogallá que nesa anunciada reforma do regulamento da Cámara galega, alguén se lembre de introducir a acción exterior no ámbito dalgunha das súas comisións. Aí debería avanzarse na plasmación dunha "política de estado" galega en relación ao internacional. E ogallá que daquela os nacionalistas sexan quen de contar cunha estratexia de país que faga honor á visión de vangarda daqueles galeguistas de comezos do pasado século que foron quen de poñer os primeiros vimbios.