O XVI Congreso do Partido Comunista da China conclúe esta semana e non se agardan grandes sorpresas máis alá das consabidas novidades. Conforme avanzan os días, entre bastidores se confirman tanto a sucesión pactada de Jiang Zemin a favor de Hu Jintao, como a modificación estatutaria que permitirá a universalización do proceso de ingreso no Partido dos novos empresarios privados. A teoría da triple representación que apadriña Jiang Zemin, o secretario xeral saínte, gañará asi a cobertura indispensable para acometer nos próximos anos non soamente a refundación dun Partido que desexa aproximarse ao interclasismo, senón de todo un Estado, agora case plenamente deshinbido.
En apariencia, noutro capítulo esencial da política chinesa, o asunto da unificación con Taiwán, non haberá cambios. No seu discurso inaugural, Jiang Zemin aludiu ó principio de “unha China” como o punto de partida sobre o que restablecer o diálogo entre Beijing e Taipei. E desde a illa, axiña respostaron, tanto dende o Goberno como dende a oposición, rexeitando toda posibilidade de restauración condicionada do diálogo. Como é tónica habitual no proceso chinés, a audacia nalgunhas cousas contrasta co maior dos inmovilismos noutras.
Nas semanas previas, unhas declaracións de Qian Qichen, viceprimeiro ministro e responsable no Partido e no Estado desta cuestión, alimentaran certas expectativas. O United Daily News, con sede en Taipei, afirmaba na súa edición do 17 de outubro que Qian Qichen, que tamén se xubilará neste XVI Congreso, suxeriu denominar os lazos directos de transporte entre Taiwán e China continental como “enlaces entre os dous lados” do Estreito de Taiwán, en vez de “enlaces internos”. Esta última denominación é rexeitada por Taipei. Existe en ambas partes moito debate sobre esta cuestión pois a ausencia de lazos directos de transporte non soamente é un anacronismo propio da guerra fría senón un obstáculo importante para desenvolver as relacións económicas e humanas bilaterais. No Parlamento taiwanés se debatía hai escasas semanas unha proposta do Kuomintang para autorizar voos directos entre Taipei e Shanghai durante o Ano Novo chinés para traer de volta aos numerosos empresarios taiwaneses que se atopan en China continental. O goberno rexeitou a iniciativa.
Pero o propio Qian Qichen, se encargou o pasado domingo de despexar as dúbidas dende a tribuna dunha das comisións congresuais: “todo é negociable sobre a base da aceptación común da existencia dunha única China”. O primeiro ministro taiwanés, Yu Shyi-kun non desaproveitou a ocasión de lembrar que os medios de comunicación oficiais do continente mantiveran un significativo silencio arredor das supostas declaracións de Qian Qichen. O Presidente Chen, pola súa banda, alabou a denominación proposta polo dirixente chinés por representar unha posición máis neutral, que non toca o sensitivo asunto das disputas que os separan.
Con todo, aínda mantendo o tono tradicional do posicionamento continental arredor de Taiwán (reunificación, non renuncia ao uso da forza, etc.), as implicacións da nova teoría que alumbrará o devir da política partidaria en China nos próximos anos, afectarán tamén a problemas como este. A fin de contas, se os empresarios poden militar e convivir no seo dun Partido Comunista, ¿cómo explicar que os taiwaneses non poidan coexistir nunha única China? A inclusión no propio Partido dos herdeiros de clase ou ideolóxicos dos expulsados por Mao a Taipei en 1949, reduce un pouco máis a capacidade argumental de Chen Shuibian nun contexto internacional ““non asi no ámbito da sociedade taiwanesa- que evoluciona a favor das teses continentais.