Artigo orixinalmente publicado en Nós Diario, 20 de outubro do 2026.
Imaxe da Praza do Obradoiro o 11 de novembro do 2026, antes da saída da manifestación das 18h en Santiago de Compostela no marco da Folga Xeral.

O dereito á vivenda, unha débeda internacional

“Os Estados Partes no presente Pacto recoñecen o dereito de toda persoa a un nivel de vida adecuado para si e a súa familia, incluso alimentación, vestido e vivenda adecuados, e a unha mellora continua das condicións de existencia.”
Apartados xeográficos Outros

Así é como o artigo 11.1 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais afirma o dereito a unha vivenda digna e adecuada. Un dereito humano co que 174 Estados asumiron o compromiso xurídico de respectalo, protexelo e garantilo, “até o máximo dos recursos dos que dispoña”. Porén, na voraxe dun agresivísimo capitalismo residencial que progresivamente atormenta o noso mundo, este dereito está a ser socavado constantemente, paradoxicamente, e máis marcadamente, nalgúns dos países máis prósperos.

O Estado español atópase entre os Estados partes no Pacto máis denunciados en relación co dereito a unha vivenda digna e adecuada. En reiteradas ocasións, o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais expresou a súa preocupación polo cumprimento das obrigas do Estado español en materia de vivenda, denunciando o impacto das medidas de austeridade, a escaseza de vivenda a prezos accesíbeis e a falta dunha protección axeitada da seguridade na tenza. Tamén manifestou a súa preocupación pola falta de garantías para as persoas afectadas por desafiuzamentos forzosos.

Así mesmo, dende o 2013, o Comité ten competencia para considerar comunicacións individuais de persoas que aleguen ser vítimas dunha violación dos dereitos consagrados no Pacto por parte dun Estado que ratificase o Protocolo Facultativo. Até agora, son 31 os Estados que o fixeron, entre eles o español. Neste mecanismo, a cuestión da vivenda en España ocupa un lugar destacado: das 156 comunicacións individuais presentadas ante o Comité, cando menos 105 foron dirixidas contra o Estado español por casos relativos ao dereito a unha vivenda adecuada. A maioría foron arquivadas por diferentes causas, mais nos 11 nos que o Comité entrou no fondo, concluíu que se producira unha violación do dereito, en todos eles por desafiuzamentos forzosos. Á luz deste panorama, podemos concluír que o Estado español non cumpre coas súas obrigas internacionais en materia de vivenda.

Por suposto, o Estado español non é o único nesta situación. Máis ben, o seu caso reflicte unha desatención xeral dos Estados occidentais cara ao dereito á vivenda e, máis amplamente, cara aos dereitos económicos, sociais e culturais. Esta desatención remóntase a propia aprobación do Pacto en 1966 e a separación dos dereitos económicos, sociais e culturais dos dereitos civís e políticos, que quedaron recollidos nun pacto internacional propio. Mentres que os segundos foron recoñecidos en termos xerais, os primeiros quedaron supeditados á súa realización progresiva.

Porén, os dereitos económicos, sociais e culturais e, entre eles, o dereito a unha vivenda digna e adecuada, non son dereitos de segunda categoría nin meros principios programáticos. Constitúen a base esencial sen a cal non é posible unha participación plena na sociedade nin, polo tanto, o exercicio das liberdades civís e políticas. A comunidade internacional recoñeceu isto na Declaración de Viena de 1993: “Todos os dereitos humanos son universais, indivisíbeis e interdependentes, e están relacionados entre si. A comunidade internacional debe tratar os dereitos humanos de maneira global, xusta e equitativa, en pé de igualdade e dándolles a todos o mesmo peso”.

Pouco queda deste recoñecemento na práctica, tanto no Estado español como alén del, no que respecta á vivenda. Mentres o dereito a unha vivenda digna e adecuada segue fóra do alcance de moitas persoas, a miúdo co argumento de que os recursos son limitados, a propiedade privada duns poucos conta con mecanismos estatais efectivos para a súa protección e execución. Estes mecanismos actívanse unha e outra vez, como amosan os casos de desafiuzamentos forzosos, mesmo cando as súas consecuencias son devastadoras e, ás veces, mortais. O dereito ao servizo das clases dominantes.

Resulta necesario, polo tanto, reapropiármonos do dereito. A mocidade xa o está a facer, saíndo á rúa para reclamar o que lle pertence. Para esixirlles aos Estados, comezando polo español, que cumpran coa súa débeda en materia de vivenda. Unha débeda de dereitos humanos coas súas propias sociedades.