Aquela instalación foi, ante todo, un acto de xustiza. Plácido Castro, nacido en Corcubión e formado desde moi novo no Reino Unido, elixira Vigo como lugar de residencia despois de que o Tribunal de Responsabilidades Políticas o condenase, entre outras sancións, ao desterro a máis de cen quilómetros de Muxía en “razón” da súa militancia como dirixente galeguista. Entre Vigo e Coruxo foi reconstruíndo a súa vida, entre expectativas frustradas e unha vocación intelectual que atoparía novos horizontes en Londres, onde acabaría traballando para a BBC.
Plácido tiña unha orixe familiar acomodada. Non parece, por tanto, que sexa a súa extracción social o que máis moleste aos autores destas agresións, nin probablemente o recoñecemento á súa traxectoria como xornalista, poeta, ensaísta ou tradutor. O verdadeiramente insoportable para eles debe ser outra cousa: que Plácido Castro fose quen representou Galicia en Berna en 1933, nun congreso que significou a súa incorporación ao ámbito das nacionalidades europeas recoñecidas.
Aquel recoñecemento non foi unha invención posterior nin unha fabulación do nacionalismo galego. No congreso, o representante da Sociedade das Nacións, Ludvig Thorvald Krabbe, historiador e diplomático danés que exerceu como funcionario de alto rango na Sección de Minorías do Secretariado, tomou boa nota da presenza galega xunto ás delegacións vasca e catalá. Castelao recollería máis tarde en Sempre en Galiza unha afirmación que conserva toda a súa vixencia: “Galicia é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”.
Vigo foi tamén unha parte importante da biografía de Plácido. Frequentaba a tertulia do Derby e a taberna de Eligio, residiu durante unha tempada na rúa Lepanto e, durante máis tempo, no número 11 da propia rúa Reconquista. Colaborador de Faro de Vigo nos anos sesenta e próximo a Álvaro Cunqueiro, deixou unha pegada intelectual que merece ser coñecida e reivindicada. A placa de Pepe Molares quixo precisamente devolverlle á cidade unha parte desa memoria.
Pero hai algo máis. Plácido Castro foi unha persoa de múltiples dignidades intelectuais; a súa obra e a súa biografía abondarían para xustificar calquera homenaxe. O que parece resultar indixerible para estes aprendices de fascistas que agroman coma cogomelos neste outono é a súa condición de protagonista dunha afirmación colectiva: Galicia compareceu en Berna como nación e fíxoo con voz propia, nun tempo no que os totalitarismos comezaban a ensombrecer Europa.
Poden os vándalos volver cubrir de pintura a placa, como xa fixeron noutras ocasións. Poden estragar unha peza fermosa, ofender a memoria dunha persoa e tentar intimidar a quen considera a historia de Galicia un patrimonio común. O que non poden é alterar o que aconteceu. Nin a pintura, nin o esquecemento imposto, nin a intolerancia conseguirán borrar aquel 1933.
Porque, lles guste ou non, Galicia é unha nación. E iso non se borra cun spray.

