20060326votacion en kiev

O lugar de Ucraína

 Electores votando en Kiev, clic para aumentar
Cos resultados das eleccións do domingo sobre a mesa, deberá producirse un acordo político. Ou se restaura a coalición laranxa ou pode darse unha repetición do precedente do 22 de setembro cando o partido de Yanukovich apoiou a candidatura de Ejanurov ao cargo de primeiro ministro. (Foto: Electores emiten o seu voto nun colexio electoral de Kiev o 26 de marzo de 2006).
 

Despois de máis dun ano cheo de confusión, era previsible que ninguén gañase con maioría absoluta as eleccións parlamentarias do pasado domingo. Nin programas, nin candidatos, podían variar o estado de ánimo dunha poboación que debe soportar unha grave crise económica e política, cuns dirixentes que non saben como atallala. Ese é o problema que mais afloraba na superficie. O outro, mais de fondo, ten que ver coa identidade xeopolítica de Ucraína. Os ucraínos podían levantarse este luns cun novo goberno disposto a decretar que a súa lingua oficial pasaba a ser o inglés, que abrazaban a relixión musulmana ou disposto a emitir na Tv local todos os partidos do Celta en vez do Dínamo de Kiev, pero non podería alterar a posición xeográfica de Ucraína.

As chamadas revolucións de cor, e que eu chamaría de papel, de papel carbón para ser mais exactos (a última copia, Belarús, non saíu, como tampouco en Asia central), fanse e desfanse aproveitando situacións de desesperanza social e inmobilismo político, coa reflexión de fondo da elección entre Rusia e Occidente. É unha elección política que trata de impoñerse á xeografía, e podería ter o mesmo destino que outros empeños anteriores de distinto signo, aínda que algunhas cousas esquécense pronto e sempre hai persoas obstinadas en mover montañas pese ao absurdo da tarefa. Nin á URSS, a fin de contas, lle foi posible sovietizar ou rusificar os países do centro e leste de Europa, como tampouco cabe considerar a Rusia un país totalmente alleo a Europa. Aínda sendo euroasiático, e iso imprime carácter, está en Europa.

Nin o achegamento á UE debería basearse nun afastamento de Rusia, nin á inversa. Kiev debe tomar conciencia da súa posición xeográfica e convertela nun activo en vez de nun problema; por iso, só participando en formatos conxuntos de cooperación entre a UE e Rusia pode tirar proveito desa identidade fronteiriza. Dialogar e acordar coa UE en materia enerxética ou emigración, de costas a Rusia é, sinxelamente, imposible. A Europa tamén lle resultará máis fácil xestionar unha aproximación ucraína, de realizarse sen tensións con Rusia. A opción europea de Ucraína debe ter máis socios, só pena de transformarse nun enredo interminable. Ucraína necesita espírito creador e iniciativa para minimizar as contradicións e ser quen de acreditarse coma ponte e non coma fronteira.

Cos resultados das eleccións do domingo sobre a mesa, deberá producirse un acordo político. Ou se restaura a coalición laranxa ou pode darse unha repetición do precedente do 22 de setembro cando o partido de Yanukovich apoiou a candidatura de Ejanurov ao cargo de primeiro ministro. A saída a esta crise debe xestionala un presidente con menos poder, en virtude da reforma política impulsada por el mesmo e da que agora non poderá desdicirse. Caso de seguir Ejanurov ou alguén similar, Moscova estará satisfeito porque o acordo sobre o subministro de gas está garantido. Caso de optar por outra figura, a revisión dos acordos entra dentro do posible. E con independencia de quen goberne, os apoios parlamentarios esixirán entendementos moi amplos, cunha negociación que promete ser dura, en especial con Iulia Timoshenko, cuns intereses dificilmente compatibles con Yuschenko. Yanukovich, o candidato proruso, non aspira a colocar a un dos seus no posto de primeiro ministro, pero o seu respaldo electoral non pode ser ignorado por Yuschenko. O futuro de tal labirinto é predicible: inestabilidade, loita polo poder, desilusión social.

O romanticismo da "revolución" non durou nada, incluso na aproximación a Europa, xenerosa nas grandes palabras, pero cicateira sempre na letra pequena. Se algo positivo pode facer a UE na crise ucraína é ser consciente da posición xeográfica deste país e actuar en consecuencia. O éxito da estratexia occidental en Ucraína non pode ser proporcional ó grao de distanciamento logrado por este país con respecto a Moscova. Porque a identidade non só é lingua, cultura, ou historia, tamén é xeografía, e non a podemos variar.