20061111 managua daniel ortega e seguidores

O novo sandinismo

 Daniel Ortega e seguidores, clic para aumentar
Este novo Ortega (á esquerda na foto) que agora chega á presidencia de Nicaragua ven coa sona de ser pragmático. Seica levanta temor a súa amizade con Chávez ou con Fidel, pero eses mesmos reticentes salientan a súa capacidade de compromiso e vontade de reconciliación. E lembran, a maiores, que só conta con 29 deputados na Asemblea, número inferior aos 36 necesarios para dispor de maioría absoluta. El mesmo situou a reconciliación como un dos eixes do seu mandato, á par da redución da pobreza. Dous obxectivos ben sensatos. En Nicaragua sobra miseria: 70 por cento da poboación sobrevive a duras penas.
 

Daniel Ortega gañou as eleccións en Nicaragua e as pantasmas do pasado regresaron a algúns despachos. En EEUU, un portavoz do Departamento de Estado fixo depender a existencia de relacións normais con Managua do respecto á democracia por parte do novo presidente. É ben sabida a historia: despois de financiar á "contra" coa venda secreta de armas a Irán para provocar unha guerra civil que se saldou con máis de 38.000 mortos e de recibir a explícita condena do Tribunal Internacional da Haia, EEUU atrévese aínda a dar leccións de democracia a Nicaragua.

Con anterioridade, a Casa Branca anunciara a súa disposición a cortar todas as axudas a Managua e a limitar mesmo, na medida do posible, o envío das remesas dos inmigrantes procedentes deste país que traballan en EEUU. Esa suma, segundo o The New York Times ascende a uns 860 millóns de dólares, cifra equivalente ao 16% do produto interior bruto do país. Unha migalla comparada cos 17 mil millóns de dólares de custe dos danos económicos causados por aquela guerra. Nicaragua é hoxe o país máis pobre da zona despois de Haití e resulta inevitable pensar que sen guerra, a realidade da maioría dos seus cinco millóns de habitantes podería ser outra ben distinta.

Este novo Ortega que agora chega á presidencia de Nicaragua ven coa sona de ser pragmático. Seica levanta temor a súa amizade con Chávez ou con Fidel, pero eses mesmos reticentes salientan a súa capacidade de compromiso e vontade de reconciliación. E lembran, a maiores, que só conta con 29 deputados na Asemblea, número inferior aos 36 necesarios para dispor de maioría absoluta. El mesmo situou a reconciliación como un dos eixes do seu mandato, á par da redución da pobreza. Dous obxectivos ben sensatos. En Nicaragua sobra miseria: 70 por cento da poboación sobrevive a duras penas.

O sandinismo que gañou con Ortega en Nicaragua alíase con certa banca (Jaime Morales) e invoca a Deus, calmando así a poderes terrenais e celestiais a partes iguais. A súa adaptación aos novos tempos completouse co voto a favor da prohibición do aborto, conciliándose cos sectores máis recalcitrantes daquela poderosa igrexa católica que amoestara ao humilde e lúcido Ernesto Cardenal. Pero semella que non é suficiente, queren facelo axeonllarse e que pida perdón. Ese mea culpa que moitos dos seus adversarios nunca esixirán "nin escoitarán" de Washington.