20081105 people magazine barack obama

Obama, soño e realidade

 Barack Obama; clic para aumentar
Obama é un político do establishment. Retirará as tropas de Iraq antes de 2010, pero xa comprometeu co Pentágono o envío de máis militares a Afganistán, que formará parte canda a crise do turbocapitalismo, a enorme débeda acumulada, a dependencia enerxética, o cambio climático, as grandes bolsas de pobreza e o paro, do seu calvario máis inmediato. Terá que desafiar a lobbys e conspiradores, para cumprir coas expectativas xeradas.
 

Obama salta a última fronteira e fai real o soño de Martin Luther King 45 anos despois. No estrado trunfal de Chicago, a negritude de tres xeracións rompeu o maleficio de dous séculos. O novo presidente entrará na Casa Branca con Michelle, unha muller descendente de escravos. A sensación de asfixia política, económica e moral, por unha banda, e a ameaza doutros catro anos baixo a sombra cazadora do "bushismo", pola outra, fixo o milagre. Un electorado de voluntarios e votantes xoves, aos que se sumaron as minorías e tamén a expansiva e ferida clase media, conseguiu que superase os obstáculos de ser negro, inexperto, liberal e intelectual. Abondou ademais para que un mundo empapado de cultura estadounidense faga mudanza emocional desde o West Side Story de antes ao South Side Story de agora.

McCain non foi só a última vítima de Iraq, guerra que apoiou con entusiasmo. Foino de tódolos excesos de Bush, que acadou por iso o récord de impopularidade "rexéitao o 71 por cento da poboación". Por máis que lle dera as costas no Senado criticando o papel de verdugo que lle impuxera ao exército en Guantánamo, ou mesmo a súa negativa a asinar o Protocolo de Kioto, non conseguiu escapar durante a campaña da sombra cazadora do valedor de Aznar.

Obama é un político do establishment. Retirará as tropas de Iraq antes de 2010, pero xa comprometeu co Pentágono o envío de máis militares a Afganistán, que formará parte canda a crise do turbocapitalismo, a enorme débeda acumulada, a dependencia enerxética, o cambio climático, as grandes bolsas de pobreza e o paro, do seu calvario máis inmediato. Terá que desafiar a lobbys e conspiradores, para cumprir coas expectativas xeradas. Non llo porán fácil. Chega cando diminúe o poder presidencial, como nolo recordaron Rusia en Xeorxia e China nos Xogos que a solemnizaron como potencia. Sen que se libre no interior das provocacións da ultradereita e das envestidas dos poderosos, que non dubidan en sacrificalo todo para salvarse eles. Se cedera, oficiaría á fin o funeral do "american way of life".

Se Obama fai porque o movemento popular que o levou ao poder se manteña activo e vixiante, non ten por que suceder. Como? Traducindo en políticas sociais, en dialogo multilateral, en prohibir Guantánamos, en renunciar ás guerras preventivas e en osixenar o aire que respiramos o que dixo que significaba para el este 4 de novembro: o momento "no que a subida do nivel dos océanos empezou a frear e o noso planeta empezou a cicatrizar". Así sexa.