Panorama electoral ruso

En plena ofensiva militar en Chechenia, o 19 celébranse as eleccións lexislativas na Federación Rusa. A excesiva concentración de poderes que o sistema constitucional ruso, feito á medida de Boris Ieltsin, outorga ao presidente fai que as parlamentarias teñan un papel moi secundario. De feito, as do domingo estanse a converter nunha especie de primarias para as presidenciais a celebrar dentro de seis meses. O interese céntrase en comprobar se o fulgurante ascenso, anunciado polas enquisas, da coalición Unidade, a última invención do Kremlin, é unha realidade ou o resultado de manipulacións interesadas.

Hai poucos meses que Ieltsin e o seu entorno, coñecido como "A Familia", estaban coa auga no pescozo e poucos apostaban por que non se afogase. Hoxe a situación ten mudado substancialmente: Ieltsin gañoulle o pulso á Duma cando esta pretendeu destituílo e impúxolle a Stepashin despois de despedir a Primakov. Seica as manías legalistas do primeiro lle custaron o posto e pronto foi substituído por Vladímir Putin quen foi ademais investido como sucesor. Iniciabase así o acelerado proceso de preparación do post-ieltsinismo, consistente en recuperar primeiro o control político por parte da corte presidencial e despois asegurarse a supervivencia política e manter os emporios económicos erguidos, sen deterse en ningunha caste de consideración, durante os últimos oito anos.

A estratexia deseñada dende o Kremlin vaise cumprindo: arrefriar as relacións con occidente, gañarse o favor dos xenerais e constituír en torno a Putin unha coalición de intereses que lle permita gañar as presidenciais do dous mil. Se no verán a alianza entre o ex primeiro ministro Primakov e os alcaldes de Moscova (Luxkov) e San Petersburgo (Iakolev) era a máis firme candidata a vencer nas presidenciais, hoxe esta posibilidade semella remota. Na rápida mutación das expectativas electorais ten moito que ver a guerra desencadeada polo Kremlin en Chechenia.

O complexo sistema electoral ruso, agravado pola evidente manipulación dos medios, as presións sobre os candidatos e a escasa participación fai moi difícil facer prediccións. A Duma está composta por 450 deputados, dos que a metade son elixidos en listas de bloques electorais e sistema proporcional e a outra metade por circunscrición maioritaria. Xa que logo, as previsións son validas, e con moitas reservas, para as listas partidarias.

As enquisas adiantan un novo triunfo do Partido Comunista que podería acadar o 25% dos deputados electos. Xubilados e mozos constitúen o seu principal apoio que se concentra nos "cintos vermellos" das cidades da Rusia europea. A súa podería ser, outra volta, unha victoria pírrica, que só confirmaría que Ziugánov vai ser derrotado de novo nas presidenciais. A proposta política do PCFR xira en torno á pretensión de aglutinar en torno á súa minoría maioritaria os 2/3 dos deputados que lles permitiría aprobar as leis que considera fundamentais, entre elas a reforma constitucional.

A certa distancia e seica practicamente emparellados sitúanse os dous bloques que se disputan o poder. A coalición Patria-Toda Rusia (Primakov, Luxkov, Iakolev) e a alianza Unidade, inspirada polo Kremlin e dirixida polo incombustible Ministro de Situacións de Emerxencia Serguéi Shoigú. Os analistas dubidan que os resultados reflictan finalmente un empate entre ambas dado a escasa popularidade da coalición Unidade, mais o Kremlin tomouna como referencia e Putin expresou abertamente o apoio do goberno a Shoigú. Tamén o primeiro ministro era un descoñecido hai catro meses e hoxe é un firme candidato á presidencia, aínda que seis meses son moitos nas actuais circunstancias de Rusia. Agora ben para "A Familia" o éxito de Unidade e a victoria de Putin nas presidenciais é cuestión de vida ou morte.

Nun terceiro nivel de representación estará o bloque Iábloko de Grigori Iavlinski e, a maior distancia, o Movemento de Apoio ao Exercito de Viktor Iliuxin. O primeiro ten logrado darlle unha estabilidade ao seu partido de centroesquerda, o único xunto ao comunista que pode ser considerado como un partido, dotalo dunha certa coherencia opositora e reforzalo coa incorporación do ex primeiro ministro Stepashin como número dous. Mentres, o segundo, destacado membro da fracción comunista da Duma, tentará aglutinar aos sectores do exercito descontentos, e aos seus familiares, e restarlle apoios ao neofascista Partido Liberal deXirinovski e ao carismático ex xeneral Liebed, actualmente gobernador de Krasnoiarsk. Con ambos conta Ziugánov para acadar eses 2/3 da Duma que lle permitirían saltarse o veto presidencial na aprobación das leis, mais os dous están ameazados polo listón do 5% que cumpre superar para entrar no reparto de escanos elixidos por sistema proporcional.

Os que teñen, en principio, máis difícil acadar o teito do 5 por cen son persoeiros tan coñecidos como o ex primeiro ministro Chernomirdin, líder do, noutra hora, partido presidencial A Nosa Casa é Rusia, os citados Xirinovski e Liebed, Rusia Democrática, o partido que lle permitiu a Ieltsin gañar as presidenciais de 1991 ou Opción Democrática liderada polo ex primeiro ministro que implantou a "terapia de choque", Iegor Gaidar. Así mesmo, tamén preocupado por superar a porcentaxe inicial, está o grupo aglutinado na Unión de Forzas de Dereita (UDF), inspiradas polo ex viceprimeiro ministro Anatoli Chubáis que conta entre os seus dirixentes co ex primeiro ministro Kiriienko e co ex vicexefe do goberno Boris Nemtsov que tentará aglutinar o maior número de apoios posibles para venderllos a bo prezo a Putin cando este necesite deles na segunda volta das presidenciais.

Todos se preparan para o post-ieltsinismo, nomeadamente o grupo de intereses conformado en torno a administración presidencial que se sinte seriamente ameazado.