Pasos cubanos

Con pequenos pero significativos xestos como a restauración da celebración navideña, o réxime cubano gaña algo máis de tempo e achega ilusión e confianza a unha sociedade que non albisca unha saída da crise. A cambio, o Vaticano robustece a súa influencia para ocupar unha das posicións predominantes na Cuba post-Fidel.

As evidencias dunha lenta pero inexorable distensión tamén chegan de Washington. O Presidente Clinton anunciou a comezos de xaneiro novas medidas de aproximación á illa que inclúen a ampliación do dereito de enviar axuda económica dende Estados Unidos, máis comunicación aérea, posibilidade de establecer un servicio de correos directo, maiores facilidades para exportar alimentos, etc.

Pero por agora ninguén parece disposto a modificar as súas posicións de principio. Coarenta anos despois do trunfo revolucionario, cando menos en apariencia, os líderes cubanos manteñen sólidamente as súas conviccións políticas. Non estamos ante a "nomenklatura de oficio" que campaba ás súas anchas polos extintos dominios soviéticos. A vixencia dos ideais de xustiza e dignidade, a conciencia crítica respecto da actual situación política e económica internacional, a propia pequena escala da corrupción, etc, evidencian que será moi duro para Cuba retocar os sinais de identidade da Revolución. Ninguén desexa perder os innegables avances logrados ata hoxe (en materia de saúde ou de educación) e son moitos os que temen ó borrón e conta nova que anuncian os exiliados de Miami. Tampouco a Casa Branca semella desexar unha revisión a fondo da súa política cara a Cuba, en boa medida controlada aínda polos grupos de exiliados máis visceralmente anticastristas.

Pero gradual e incesantemente, as autoridades cubanas deben impulsar medidas de reestructuración e de apertura, menos cosméticas e máis profundas, se de verdade pretenden controlar e dirixir un proceso que a uns anos vista, de persistir na defensa numantina, pode resultar infinitamente máis complexo. Un cambio é imprescindible para reinventar un sistema de xustiza social que lamine os fracasos da Revolución. Resultará difícil defender as conquistas sociais sen acadar unha maior eficacia do sistema económico ou manter o alto nivel de adhesión popular ó proxecto político se non se adoptan iniciativas para respostar á complexidade e pluralidade das sociedades contemporáneas.

E igualmente Washington debería reexaminar a súa estratexia levantando un embargo non soamente inxusto senón tamén claramente caduco. Ninguén pode seguir actuando coma se o mundo non cambiara dende 1959 ou 1989.