Portugal: crise e futuro incerto

Nos últimos tempos, a República Portuguesa atravesa unha etapa abondosa en dificultades. O benestar e a calidade de vida dos seus cidadáns estanse a ver poderosamente malferidos. Ao longo da década 2000, a economía portuguesa puxo de manifesto a súa crecente improdutividade, converténdoa nun actor pouco atractivo e competitivo no mercado internacional, incluso chegando a caracterizala como un dos países máis pobres da Europa Occidental.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Nos últimos tempos, a República Portuguesa atravesa unha etapa abondosa en dificultades. O benestar e a calidade de vida dos seus cidadáns estanse a ver poderosamente malferidos. Ao longo da década 2000, a economía portuguesa puxo de manifesto a súa crecente improdutividade, converténdoa nun actor pouco atractivo e competitivo no mercado internacional, incluso chegando a caracterizala como un dos países máis pobres da Europa Occidental.

Os seus principais valedores en termos monetarios eran as exportacións e a súa tradicional dependencia da economía española, dúas pezas estas que levan fortemente achantadas pola incidencia da recesión económica. Portugal non fixo os seus deberes e unicamente centrouse en formar mao de obra barata sen especializar e ademais, non destinou partidas de gasto verdadeiramente decentes á investigación e mailo desenvolvemento que lle permitisen sobresaír nalgún eido específico.

O ano 2007 como comezo da crise

O ano 2007 será o momento no que o país comece a percibir os primeiros síntomas de malestar económico, cando o seu Instituto Nacional de Estatística revelou que as súas taxas de desemprego levábanse disparando desde o ano 2002, incrementándose desde o 5% até o 8% (o que se traduciu nun incremento do 65% das persoas paradas) e iso sen ter en conta a aquelas persoas que tiñan traballo de carácter precario, co que literalmente só podían malvivir.

Isto no plano político xerou tamén unha fonda inestabilidade que deu como consecuencia que nas eleccións presidenciais do ano 2009, o socialista José Sócrates recuncara no poder, mas nesta ocasión ficaba sen maioría absoluta na Assembleia da República. Como derivación do contexto económico, o presidente deberá xogar toda a súa política económica a unha mesma carta: cumprir co sacrosanto obxectivo do déficit público esixido polas autoridades de Bruxelas estabelecido no 3% do PIB (o do país chegaba até case o 10%).

Desta maneira, ao longo do ano 2010, a situación no país será verdadeiramente cruenta: aprobaranse tres planos de medidas anticrise e antisociais que contribuirán de maior forma a empobrecer de maneira máis nítida ao país. Entre elas destacan: recorte dos salarios dos funcionarios, redución do gasto social, incremento da carga de impostos ás rendas máis altas, macizas privatizacións de bens públicos e subida dos impostos, destacando, o incremento do IRPF e do IVE, que dun 20%, pasará, en primeira instancia, a un 21%, mais cando non transcorrera nin sequera medio ano desta medida, volverá a incrementar o seu valor até o 23%.

Na mesma medida, os sectores mais desprotexidos da sociedade tampouco se librarán da tesoira gobernamental e os pensionistas tamén verían como o seu subsidio ficaba conxelado.

Mas estaba por chegar a fase máis cruel e 2011 sería un ano ben quente tanto no político como no económico. O goberno de José Sócrates presentará entón un novo plano de medidas de axuste económico entre as que establece un novo recorte do gasto e da obra pública, un abaratamento dos despidos, menos gasto sanitario ou unha actualización dos impostos sobre o consumo, medidas estas coas que o Parlamento non secundará, consecuencia: Sócrates vese na obriga de presentar a súa dimisión, co que automaticamente o presidente Aníbal Cavaco Silva tamén vese na obriga de convocar eleccións lexislativas anticipadas. Todo isto aderezado polo incremento da presión dos mercados sobre a débeda soberana lusa, quen está comezando a ter que facer fronte a uns intereses desmesurados.

Baixo o dominio da “troika”

Isto comeza a afogar ao país, de aí que os acontecementos se precipiten e no mes de abril o aínda primeiro ministro en funcións, Sócrates anuncia que solicitoulle o rescate económico á UE: os homes de negro da “Troika, conformada pola Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional, desembarcaban en Lisboa para realizar unha avaliación preliminar.

Após levar a cabo un bo exercicio de negociación, finalmente as autoridades lusas e a “Troika” establecen, no mes de maio de 2011, que o montante do plano de axuda financeira ascenderá aos 78.000 millóns de euros a desembolsar ao longo dos seguintes tres anos en pequenas escalas previo cumprimento dos ditames marcados pola “Troika”. Mais esta achega non podía saír de balde e os sacrificios sociais esixidos polos axentes económicos foráneos serán inxentes: redución de pensións e do período de obtención de prestacións por desemprego, conxelación do soldo dos funcionarios, recortes en sanidade e educación,…..

Posteriormente, co decorrer das eleccións(1) o país virará á dereita e Pedro Passos Coelho, do Partido Social-Demócrata, será quen encabece o novo goberno do país, poñéndolle fin a seis anos de hexemonía socialista.

Porén, toda esta serie de acontecementos non contentarán aos mercados e darán como consecuencia que a débeda lusa pase a ser considerada pola axencias de cualificación do crédito como “bono-lixo”, o que dispara a prima de risco por riba dos 1.000 puntos e co conseguinte sobrecuste que iso vaille a supoñer ao país á hora de comercializar a súa débeda nos mercados.

De novo, entramos nun círculo vicioso, posto que o goberno debe aplicar máis recortes e incrementos dos impostos. É froito da esixencia das autoridades de Bruxelas, no cometido da aprobación da transferencia dos fundos do rescate financeiro. E o peor de todo é que a economía seguiu contraéndose arredor dun 1,6% e o déficit non era quen de baixar do 9%, o que se traduciu en novas medidas de austeridade exemplificadas pola supresión de pagas extra e o incremento da xornada laboral, unha situación límite que fará que os sindicatos, como o resto da sociedade, bótense á rúa.

Isto non arredará ao Executivo e rapidamente aprobaranse uns novos presupostos xerais para o ano 2012 fortemente restritivos en materia de gasto social e de grande carga a nivel de impostos.

Así é como neste novo ano, a economía interna seguirá a contraerse e sen visos no horizonte de que esta tendencia poda reverterse. O que vese alimentado pola crise da súa banca, onde unicamente a filial portuguesa do Banco Santander será capaz de tirar algún tipo de beneficios.
A contestación social

Doutra banda, a contestación social seguirá “in crescendo” e unha nova folga xeral será convocada polos sindicatos, para os que non hai ningún tipo de luz ao final do túnel coa reforma laboral proposta polas institucións. E mesmo Lisboa daralles a razón: afirma que neste 2012 haberá máis paro e máis recesión. Ademais, os combustíbeis disparan os seus prezos o que incide de cheo no xa maltratado poder adquisitivo da sociedade. Outra mala nova será que o paro acadará o récord histórico do 15% (agora mesmo atópase no 15,8%)(2) da poboación activa, o que dará lugar a que xa mais de 800.000 persoas se atopen facendo cola na lista do IEFP (Instituto do Emprego e Formação Profissional).

Mas os exames trimestrais da “Troika” seguirán facendo das súas e o goberno deberá seguir aplicando a tesoira se quere seguir vendo como os seus tramos de rescate non son obstaculizados. Desta forma, Passos Coelho anunciará novas medidas de control do gasto entre as que destacan: o aumento da cotización dos traballadores á Seguridade Social (do 11 ao 18%), a redución da cotización das empresas para fomentar o emprego (do 23,75 ao 18%) ou a recuperación dunha paga extra para os funcionarios. Ademais, incrementa a carga fiscal ao capital e dalgúns bens de luxo, así como fixa un maior control e persecución dos paraísos fiscais. 

No entanto, a situación segue a ser dramática e as estatísticas salientan, mais unha vez, que a economía do país segue a contraerse, fenómeno este que adquire xa cifras intolerábeis como amosa o feito de que no 2º trimestre do 2012 contraeuse até nun 3,3%, cando as estimacións do executivo eran que isto non acontecese alén do 3% en todo o ano.

Toda esta serie de acontecementos rematará definitivamente por caldear os ánimos da poboación, a cal, indignada, botarase á rúa e fará, en certa maneira, recuar nas súas intencións ao executivo de Passos Coelho, quen a través do seu Conselho de Estado deberá buscar alternativas mais encamiñadas cara a concertación social e que palíen a sangría do déficit público, algo que os datos macroeconómicos volven poñer de manifesto que non se está a cumprir e a recadación fiscal do país séguese a ver comprometida polo esmorecemento do consumo (nos seis primeiros meses de 2012, o déficit é do 6,8%, un 1,8% por riba do baremo fixado no 5% pola “Troika”).

Porén, desde os centros de poder económico foráneos seguirán marcándolle a pauta ao goberno de Coelho (“Esta proposta de orçamento é a única possível na sequência do quinto exame regular……,não temos qualquer margem de manobra”, Vítor Gaspar: Ministro das Finanças)(3) e así será como novamente o goberno portugués decídase a anunciar unha nova forte carga impositiva sobre a cidadanía, como o incremento dos impostos indirectos, aderezado ademais cun incremento do imposto sobre a renda das persoas físicas do 9,8 ao 13,2%, unha forte redución do número de traballadores ao servizo dos organismos estatais e a redución da paga dos xubilados (aínda agarda poder subir as pensións mínimas ao longo do 2013).

Mais nin así o país deixará de proseguir a súa caída libre e no terceiro trimestre do ano o PIB volverá a rexistrar unha caída interanual do 3,4%, visibilizando a sangrante crise da economía portuguesa.

Finalmente, neste último mes de novembro, o goberno de Pedro Passos Coelho (conformado por social-demócratas e demócrata-cristians) apelando ao heroísmo, e abstraéndose completamente do clamor popular ven de aprobar os seus presupostos para o 2013 (falta que sexan promulgados polo Presidente da República), nos cales, vaia a redundancia, o mais apremiante segue a ser cumprir co sacratísimo obxectivo do déficit público, o cal fixouse no 4,5% en 2013(4).

Este documento establece as partidas de gasto destinadas a sufragar as actividades dos entes públicos que serán recortadas; o IVE de momento mantense nos seus parámetros do 23%, mentres o número de funcionarios do Estado tamén verán reducido o seu cadro; os tramos empregados pola Facenda Pública para calcular o gravame (que oscilará entre o 14,5 e o 48%) á que lle debe facer fronte cada persoa para aboar o seu IRPF redúcense de 8 a 5; os inmobles de grande custo tamén pasarán a pagar meirandes impostos; o acceso e a contía dos subsidios por desemprego tamén se verán afectados; as rendas por xubilación superiores aos 1500 € sufrirán un corte progresivo que pode oscilar entre o 3,5 e o 10%; toda vez que as pagas extra desaparecen alén de incrementarse os impostos sobre o capital e suspender a  colaboración coa meirande parte das fundacións.

Aínda así, o Banco de Portugal xa ten saltado á palestra a anunciar que ninguén agarde que o PIB do país se contraía menos dun 1,6% ao longo do ano 2013, algo que di que se sustenta na grande incerteza que xeran na economía as fortes medidas de austeridade aprobadas polo goberno de Lisboa.

Adeus ao Estado de Benestar?

En conclusión, a situación socio-económica en Portugal non fai mais que evidenciar que o Estado do Benestar comeza a ser unha forma de organización social totalmente deixada de man.

Os gobernos occidentais están centrando os seus esforzos en poñer os seus ben precarios recursos ao servizo da voracidade dos mercados, deixando de lado o mais mínimo atisbo de preocupación polo destino da vida da súa cidadanía, a cal comeza amosar cada vez con mais notoriedade unha forte imaxe de rabia e desesperación que están dando lugar a que as protestas se estendan polas principais vilas e cidades do países da Europa.

Ollie Rehn, Comisario Europeo para os Asuntos Económicos asegura que: “Portugal está no bo camiño”(5). O que non nos especifica é cara onde nos leva ese carreiro e se seremos quen nun futuro de sentarnos a relatar a experiencia. 

 

NOTAS:

(1) Información consultada en: http://electionresources.org/pt/asamblea.php?election=2011
(2) Este e outros indicadores sociais pode ser visionados na web do Instituto Nacional de Estatística Português: http://www.ine.pt/xportal/xmain?xpid=INE&xpgid=ine_main
(3) Noticia extraída da web: http://www.noticiasaominuto.com/economia/15048/%E2%80%9Cproposta-de-or%C3%A7amento-%C3%A9-a-%C3%BAnica-poss%C3%ADvel-e-n%C3%A3o-tem-qualquer-margem-de-manobra%E2%80%9D#.UL34K2eD_gF
(4) Unha completa e detallada información sobre todo o contido referido á proposta de orzamento para o exercicio do 2013 pode ser consultada en: http://www.dgo.pt/politicaorcamental/Paginas/OEpagina.aspx?Ano=2013&TipoOE=Proposta%20de%20Or%C3%A7amento%20do%20Estado&TipoDocumentos=Lei%20/%20Mapas%20Lei%20/%20Relat%C3%B3rio
(5) Noticia que pode ser ollada ilustrada cun vídeo en: http://pt.euronews.com/2012/03/15/ollie-rehn-portugal-esta-no-bom-caminho/