manolorial

Recoñecemento para Manuel Rial Cadaval

Foi o 30 de novembro de 1996, hai xa vinte anos, cando reunimos en Nigrán, Pontevedra, a diferentes actores para poñer a andar o que logo sería o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Alí estaban alcaldes e concelleiros de formacións políticas diversas, traballadoras sociais, xestores de organizacións non gobernamentais… Manuel Rial, daquela socio na alcaldía de Nigrán nun momento especialmente convulso do municipio, asegurando o apoio persoal e institucional fixo posible a realización daquel encontro inicialmente ideado para analizar a xestión local da solidariedade internacional. Presidíao aquela máxima coñecida de Henri Barbusse: reivindicar o imposible para realizar o posible.

Con posterioridade ao encontro, que tivo lugar na Residencia do Tempo Libre de Panxón, en Patos, distribuíuse a todos os concellos e deputacións de Galicia un breve estudo sobre “Poder local e cooperación internacional”, publicado na revista Grial. Esa separata, financiada na súa elaboración e distribución a toda Galicia polo concello de Nigrán, permitiu que en maio do ano seguinte, xa na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), consumarase a decisión de constituír o Fondo Galego. En seis meses fora posible convencer aos mais comprometidos de que non podería haber cooperación de calidade en Galicia e desde o local se non mancomunábamos esforzos.

Manuel Rial foi quen de apoiar eses primeiros pasos indispensables para que a idea agromara: realización dun diagnóstico previo, identificación dos actores e dos aliados, cronograma, etc., pero tamén a definición de principios guía: pluralidade, independencia, compromiso desde aquí, iniciativa pública, xestión democrática, apertura á sociedade, nun intre en que o municipalismo galego daba pasos para unha converxencia irreversible.

Naquel evento participou tamén a FEMP (a través de Luz Romero) e un representante de Nacións Unidas en España, Carlos Jiménez, hoxe no Centro de Información da ONU en Bruxelas.

Daquela queriamos establecer un amplo intercambio de pareceres. A idea fundamental era que para cooperar con terceiros pensando non tanto na foto aquí como na eficacia aló, debemos cooperar entre nós primeiro. Non hai mellor pedagoxía. Nunha realidade como a local galega, con máis do 90 por cento dos concellos con recursos escasos e orzamentos limitados, aínda destinando o 0,7 por cento a este cometido, as probabilidades de realizar accións de mínimo impacto nos países receptores eran nulas. Coordinándose e sumando era posible. O noso referente para conseguir esa suma foi o Premio Blanco Amor de novela: se os concellos podían poñerse de acordo para crear un premio así por que non haberían facelo para impulsar unha cooperación internacional con sentido de país.

A Manuel Rial cabe recoñecer que soubo entender dende o primeiro momento o alcance da proposta e sumouse a ela procurando concitar vontades sen ánimo ningún de obter medallas a cambio, nin propias nin para as súas siglas. Coa discreción que sempre caracterizou o seu facer público quizais pola súa propia clareza de ideas, despois de participar activamente na comisión xestora do Fondo entendeu que  unha vez constituído o seu papel debía ser outro e aceptouno con total naturalidade. Hoxe, cun Fondo recoñecido como terceiro piar do sistema galego de cooperación, seguimos precisando de persoas así. Non deben quedar fóra do noso relato. E aqueles outros que desde coordenadas próximas teiman en dar pasos atrás non farían mal en deixarse contaxiar polo seu exemplo.