Retirada ou non

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Barack Obama dixo, no seu discurso do día 22, que para este mes habería unha retirada de tropas no Afganistán equivalente a un 7 por 100 das mesmas. Como lle sinala John Nichols dende as páxinas de The Nation, ao ritmo de retirada proposto haberá ao remate do seu mandato aínda máis tropas en Afganistán  do que en tempos de Bush.

E outros mil millóns de dólares, di Nichols, seguirán gastándose cada semana nunha aventura que nin queren os afgáns nin tampouco o pobo dos EE UU. Ninguén se impresionou co discurso de Obana, engade: nin o Congreso nin os americanos. Porque o presidente está un pouco alleo ás bases do seu propio partido e aos mesmos estadounidenses.

Os electores queren ver menos soldados en Afganistán; por iso Obama parece dar a entender que vai acelerar os seus plans de retirada. A clave do que verdadeiramente está sucedendo penso que a da, no mesmo xornal, Robert Dreyfuss  ao subliñar unha frase de Obama, pola que suxire que agora o que hai que facer é centrarse na construción nacional do país afgán.

Isto último, pensamos nós, sería a xustificación do ritmo acelerado na construción de bases para manterse no territorio, cos engadidos das supostas conversacións cos talibáns bos, as contradicións entre políticos e militares (os primeiros falando de saída e os segundos que xa se irá vendo) e a pouca claridade que vemos no desenvolvemento deste asunto.

É evidente que Obama, se quere ser reelixido, ten que demostrar que terá en conta o que os votantes desexan, que é a retirada; pero tamén se está vendo que os intereses que realmente moven os fíos da política americana son diverxentes en relación cos intereses dos votantes. Se estamos no certo ou non, irémolo vendo.