I.
Un eterno minuto de emocionado silencio, en memoria dos catro mozos brasileiros aos que a vida se lles detivo no fondo dun barranco peruano, camiño do VI Foro Social Mundial , precedeu ao vibrante canto de misa composto por Juan C. Núñez, e interpretado pola sinfónica de Aragua, na cerimonia de clausura, na noite do domingo.
Tres horas, antes outro enigmático manto de prolongado silencio cubrira o diálogo anunciado entre o Presidente Hugo Chávez e a Asemblea dos Movementos Sociais, que finalmente foi suspendido.
Algunha relación ten o feito de que, dous días antes, no mesmo Poliedro caraqueño, Chávez, dirixíndose á marea de participantes fixera unha vehemente intervención que xerou inmumerábeis aplausos, profundos debates, non poucas decepcións e silencios.
Dende hai dous anos, dentro do FSM escóitanse voces que estiman esgotada a fase de larva embrionaria; o modelo ao que o éxito que acompañou na curta historia da media ducia de foros. Un sector pronúnciase abertamente por deixar de ser a crisálida dos laboratorios de ideas, dos escaparates de experiencias, para converterse nunha bolboreta política que estenda as súas alas por todo o universo, cun mesmo proxecto político definido e unitario. A estas alturas da travesía, situados na encrucillada do VI FSM, aparecen tres grandes camiños posíbeis para continuar a marcha:
1. O da tradición, representado fundamentalmente polo núcleo dos fundadores brasileiros. Convencidos de que o modelo é novo e por tanto perfecionábel. Para estes consistentes ideólogos, o FSM ten que continuar a ser un espazo aberto de encontro multicolor, plural, diverso…no que se intercambien experiencias, se perfeccionen aprendizaxes e conecten persoas que traballan nos mesmos ámbitos sociais. Un gran escaparate no que poder sentirse cómplices dun proceso de transformación mundial. Todos responderían solidariamente a múltiples e diversas denominacións ou conceptos: socialismo, dignidade, liberación, revolución, progresismo, antiimperialismo… etc.
Para un dos ideólogos máis respeitados, Boaventura de Sousa Santos, o proceso de cuestionamento é lóxico nunha organización nova. Non existe suxeito histórico no que procurar as fontes da esencia do FSM. É saudábel que se cuestione todo… "Hai catro anos debatíamos intensamente sobre se quedarnos nas instalacións da Universidade Católica, porque pensábamos que era elitista…, agora estamos reunidos no Hotel Hilton Caracas. Isto é o FSM, facerse preguntas constantemente.. esta é a razón do seu éxito". O noso papel é crear axenda para os proxectos políticos. Nos últimos tempos, para fortuna da humanidade, homes fortes nos teñen roubado unha parte axenda política desde ópticas diversas: Lula, Chávez, Morales… Mais os políticos son impacientes, teñen outros tempos…en definitiva os homes veñen e van…, mentres os movementos e as ideas permanecen.
2. Na segunda das vías estarían personalidades como Ignacio Ramonet, Richard Gott, Ricardo Alarcón, ou o venezuelano, Edgardo Brandel. Para eles, os feitos demostran que máis do 25% dos relatorios presentados ao FSM, teñen contido político. É o tema que concilia máis inquietudes dos participantes.
Foi precisamente a intervención do Presidente Chávez no Poliedro, nunha apaixonada defensa desta gran segunda tendencia, demandando con urxencia un movemento único, articulado, mundial… a que elevou a temperatura dos posicionamentos: "Se trata de salvar a vida do planeta. Mañá pode ser demasiado tarde. Temos que construír o Socialismo do S.XXI, sen copiar de vellos modelos. Un socialismo no que Xesucristo e os cristiáns teñen moito que aportarnos".
Alén das lexítimas posicións ideolóxicas do convidado Hugo Chávez, que falando fora de programa interferiu no fértil debate interno do FSM, demandando a radicalización do seu rumbo no espírito do "Socialismo ou Morte", algunhas das súas afirmacións xeraron máis dunha molestia entre os artífices do éxito dun evento que o ano pasado foi quen de reunir a máis de 150.000 persoas: " Resulta estraño que os FSM(s), rematen sen conclusións. Deberían existir unhas resolucións comúns para que o FSM non quede reducido a unha feira".
O discurso do Presidente Chávez, encendeu adhesións entre a maioría dos asistentes, pero provocou duras críticas entre boa parte dos pais ideolóxicos. Para Cándido Grzybowsky, cabeza do Comité Internacional do FSM, este organismo resistirá a proposta de converterse nunha especie de Quinta Internacional, que estaría destinada a correr a mesma sorte que os outros catro intentos de organizar un partido mundial. Máis claro foi Eric Toussaint, quen manifestou sentirse decepcionado, porque sempre escoitara a Chávez pedindo as organizacións sociais para que se mobilizasen e premesen sobre os seus gobernos, e non para que se pasasen aos gobernos.
3. Entre posturas tan diferentes que ocupan o núcleo dos grandes debates sobre as relacións de poder internas no FSM ou o seu futuro, non existe espazo para terceiras vías. Así lle acontece a outro dos históricos, o brasileiro Roberto Savio, quen profundamente satisfeito por que todos os FSM(s) fosen un punto de referencia para a sociedade civil mundial que comparte os mesmos valores, aínda que non estean organizados, propugna varias modificacións. Recoñecendo a diversidade dos movementos sociais e que cada país require de respostas política propias, sen embargo propugna que o FSM propoña unha axenda común, e un plan de acción no que exista consenso. Para Savio non é labor do FSM dar respostas globais e comúns, pero si tratar de compaxinar unidade de discurso con diversidade de propostas. En definitiva, non dar alternativas, pero si deixar plantexadas as preguntas globais. Por outra banda, Roberto Savio ou Samir Amín, reclaman, sen moita comprensión, o seu dereito a facer público, a título individual ou dun colectivo identificado, o seu parecer sobre temas de actualidade.
As 80.000 persoas que participaron no primeiro FSM, que saíu das fronteiras brasileiras, non só debateu sobre comunicación, cultura, educación, diversidade, identidade, estratexias imperiais, poder e política, recursos, traballo, xénero… tamén tomou contacto coa realidade dos grandes proxectos sociais que Venezuela ten en marcha. O vigor da Revolución Bolivariana impactou na inmensa maioría dos asistentes, e vai ser un grande referente no futuro para o FSM.
Pero os enigmáticos silencios da cancelación do diálogo previsto entre a Asemblea Mundial dos Movementos Sociais, no domingo, parecen indicarnos que a fortaleza dos FSM(s), resistirá o ímpeto da irrupción bolivariana. Continuará perfeccionando estratexias, modelos, incidencia social… pero transitará por camiños autónomos. O próximo ano en África.
II.
Se por casual un neófito participante no Foro Social Mundial de Caracas, aterrase no seminario sobre Lula e Kirchner, organizado pola Sociedade Brasileira de Economía Política e polos Economistas de esquerda arxentinos… atoparíase con afirmacións feitas dende a tribuna como: " De Kirchner non se esperaba nada e deu algo. De Lula se esperaba moito e non fixo nada… Lula representa a continuidade institucional… Con Kirchner e Lula, os donos da economía manteñen o poder… Lula é un regalo para a dereita, representa a profundización do modelo neoliberal, fai unha distribución de recursos públicos inmoral, está ao servizo dos intereses dos rendistas e financeiros, apoiar a Lula é apoiar a continuidade do neoliberalismo e a concentración do poder".
¿Serán estes os novos paradigmas doutrinarios do FSM, tras Caracas 2006, tal como recollen algúns medios de comunicación, especialmente os brasileiros próximos ao PSDB (Partido Social demócrata Brasileiro)?
Nada máis lonxe da realidade. A este nutrido obradoiro de traballo, asistían fundamentalmente ex-petistas como Lida Paulani, presidenta da Sociedade Brasileira de Economía Política, ou importantes cadros de partidos sen grande apoio social, integrados no grupo de Economistas de Esquerda Arxentinos.
Se para os moitos defensores de Lula, entre os que se encontraban a maioría dos organizadores bolivarianos venezolanos, houbo grandes silencios mediáticos, non é debido ao FSM de Caracas.
O seminario sobre Lula e Kirchner, foi un de tantos dos que coincidían no horario. Un dos 150 eventos para a reflexión, aos que os participantes podían acudir a media mañá do sábado 28 de xaneiro.
Os FSM, que fixo da pluralidade e a diversidade virtude, atópase preso desas mesmas ataduras. Calquera pode inscribir por internet, unha actividade, á que os organizadores do FSM, están obrigados a dar cobertura no programa e un local para a súa realización.
Un dos máximos responsables venezolanos da organización, Edgardo Brandel, se queixaba amargamente da pouca eficacia do procedemento. En moitas das actividades inscritas non apareceron os relatores, sementando certo caos entre os participantes. O mesmo aconteceu cun número significativo dos participantes inscritos por internet.
No FSM, non hai declaracións programáticas, non existen resolución plenarias, non hai asembleas decisorias, non hai declaracións solemnes, nin plans de actuación comúns.
Que os medios de comunicación reflictan certas afirmacións individuais ou que existan silencios sobre outras actividades, non ten máis explicación que o interese do xornalista que cubre o FSM, ou a súa ventureira escolla do seminario entre unha variopinta gama de posibilidades, ou da decisión da cabeceira editorial.
O mesmo día do obradoiro sobre Kirchner e Lula, había na oferta títulos tan chamativos como: Os Tratados de Libre Comercio: unha porta aberta ao turismo sexual; Sobre o carácter plurinacional do Estado español, organizado por Izquierda Castellana….. .Títulos de tan rabiosa actualidade como as pandillas en Centroamérica, os paraísos fiscais, os fluxos migratorios, e economía social, a violencia urbana… etc.
Os organizadores gozan de grande autonomía organizativa. Este ano, Venezuela centrou os seus esforzos en aportar xentes da propia Venezuela, para dar a coñecer internacionalmente a transformación social do país, en atraer participantes de Colombia ou os EEUU, "por razóns obvias", en palabras dun portavoz oficial.
Todas as peticións de relatorio, encadráronse en seis eixes temáticos: a) Comunicación, culturas e educación: dinámicas e alternativas democratizadoras; b) Diversidades, identidades e cosmovisións en movemento; c) Estratexias imperiais e resistencias dos pobos; d) Poder, política e loitas pola emancipación social; e) Recursos e dereitos para a vida: alternativas ao modelo civilizatorio depredador; f) Traballo, explotación e reproducción da vida. Ao tempo actuaban como eixes transversais o xénero e a diversidade.
Cada cambio xeográfico de sede vai significar grandes novidades organizativas, modos de afrontar os eventos adaptados ás peculiaridades nacionais, e contextos particulares.
No 2006, organizou o FSM un país que no ano anterior só aportara o 0,4% dos 155.000 participantes. O feito de realizarse este ano en Venezuela, limitou considerablemente a presencia de figuras relevantes da política activa mundial, presentes nos últimos foros.
O ano próximo corresponderalle a África, que no 2005, entre todos os países do continente, só supuxeron o 1,6% dos asistentes dese mesmo ano. O cambio de lugar comportará grandes novidades.
Con certeza, haberá continuidade en moitos aspectos, pola que velarán os sabios gardiáns do Comité Internacional. A liberdade de expresión da que gozan os participantes continuará existindo. É máis, será amparada e fomentada, pero sempre a título individual.
Entre as peticións con máis éxito, que os organizadores se propoñen atender no futuro próximo están o fomentar os intercambios e debates entre os propios relatores para que non queden só entre relatores e participantes, ou dar continuidade durante o resto do ano ao FSM con encontros sectoriais, temáticos ou rexionais.
O próximo ano existe o grande reto de facer máis visible ao continente africano. Saír dos habituais e pertinaces silencios cos que no resto do mundo se "fala" do continente máis pobre.