Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 9 ao 15 de xaneiro de 2017

Taiwan Hebdo 3-2017

1. Informe

Nove días e oito noites durou esta segunda xira exterior da presidenta Tsai Ing-wen quen abandonou Taiwan escoltada por catro cazas F-16. Honduras, Nicaragua, Guatemala e El Salvador, máis dous tránsitos en EUA, quixeron servir de mostra da “diplomacia consistente” que promove Taipei e cuxo signo de identidade é a promoción de intercambios que beneficien a ambas partes. A través dela, Tsai quere buscar unha nova dirección á diplomacia taiwanesa baseada en intercambios comerciais máis fortes, pasando dun modelo de asistencia unidireccional a un modelo bilateral que axude ao desenvolvemento económico e social dos seus aliados. 

Liñas de investigación Observatório da Política Chinesa
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Idiomas Galego

1. Informe

Nove días e oito noites durou esta segunda xira exterior da presidenta Tsai Ing-wen quen abandonou Taiwan escoltada por catro cazas F-16. Honduras, Nicaragua, Guatemala e El Salvador, máis dous tránsitos en EUA, quixeron servir de mostra da “diplomacia consistente” que promove Taipei e cuxo signo de identidade é a promoción de intercambios que beneficien a ambas partes. A través dela, Tsai quere buscar unha nova dirección á diplomacia taiwanesa baseada en intercambios comerciais máis fortes, pasando dun modelo de asistencia unidireccional a un modelo bilateral que axude ao desenvolvemento económico e social dos seus aliados. 

Nesta viaxe, Tsai exhibiu dous obxectivos a destacar. Primeiro, a consolidación das relacións cos seus aliados diplomáticos. Segundo, consolidar as relacións económicas e comerciais e profundar nos programas bilaterais de cooperación. Descartado calquera contacto nin con Donald Trump nin coas autoridades de transición foi recibida con todo cun trato de alto nivel, aínda que de baixo perfil, nas súas escalas en EUA. Foron desmentidos varios encontros con persoas próximas ao presidente electo estadounidense atribuídos polo Liberty Times.

Unha das primeiras conclusións da viaxe apunta a un reforzamento da escala da presenza comercial taiwanesa en Centroamérica e dos vínculos en materia de educación, especialmente mediante a ampliación do programa de becas. Tsai revelou plans para axudar ás empresas taiwanesas a formar un grupo específico para visitar aos aliados centroamericanos a partir deste ano. En Nicaragua, o punto máis sensible da xira polos rumores de ruptura, a salvo de incidentes cos medios de comunicación (os xornalistas taiwaneses non foron invitados a cubrir a reunión mais importante), o balance do encontro Ortega-Tsai parece que discorreu de forma bastante diferente á que se viña prognosticando. Tanto en Honduras como Guatemala ou El Salvador, os programas de intercambio cultural e económico, con implicación en aspectos que van desde as microempresas, as infraestruturas ou a saúde pública, centraron os acordos. Tsai puido dirixirse ao Congreso guatemalteco nunha sesión na que estiveron presentes 120 deputados dun total de 158. No Salvador tamén visitou a Secretaría do Sistema de Integración Centroamericana (SICA). Todos os aliados prometeron apoio a Taiwan para a súa participación nas organizacións internacionais

O KMT, ausente na comitiva, acusou á presidenta de incitar á confusión co uso do nome oficial da nación ao ser referida polos aliados diplomáticos como presidenta da República de Taiwan e non da República de China.

Beijing acompañou e examinou a viaxe marcando o paso co portaavións Liaoning e unha flotilla de buques de guerra cruzando o Estreito de Taiwan. Ademais de reiterar a súa oposición ao contacto entre funcionarios de EUA e Taiwan, a presenza do seu ministro de exteriores, Wang Yi, en Nixeria serviu para anunciar un confuso traslado da misión comercial taiwanesa da capital Abuya a Lagos, debendo funcionar con persoal reducido. Nixeria tamén prohibiría a funcionarios e institucións gobernamentais calquera contacto con funcionarios taiwaneses. Desta forma, Beijing lanza a mensaxe de que Taiwan terá problemas nas súas relacións exteriores tamén cos aliados non diplomáticos e con quen poida manter agora unha relación substancial. China continental abre outra fronte de presión. O KMT alerta sobre o risco de crer que se poden evitar os ultimatos continentais ao aniñarse á sombra de EUA e Xapón. O ocorrido en Nixeria demostra que pouco ou nada poderían facer para evitar as tácticas de illamento, aseguran fontes nacionalistas. 

2. Observacións de contexto.

* A batalla pola presidencia do KMT, que se dilucidará o próximo 20 de maio, xa ten os seus nomeados. Ademais da actual presidenta Hung Hsiu-chu, sumáronse Hau Lung-bin (64 anos), Wu Dean-yih (68 anos) e Han Kuo-yu (59 anos). Hau é fillo do ex primeiro ministro e xeneral de exército, Hau Peit-sun, e podería contar o apoio do colectivo Huang Fu-hsiung que agrupa a veteranos e os seus familiares. Wu, pola súa banda, foi vicepresidente da República de China entre 2012 e 2016 e  protagonizou unha longa carreira política iniciada nos anos 70 da man do entón presidente Chiang Ching-kuo. Han foi presidente de Taipei Agricultural Products Marketing Corp. e é coñecido polo seu estilo combativo (unha vez, nos anos 90, atacou fisicamente ao entón lexislador Chen Shui-bian). O partido parece cada día máis dividido entre os partidarios e detractores de Hung Hsiu-chu. Esta denunciou que o número de membros do partido “aumentou de súpeto, o cal non é unha situación normal”. 

* China continental alertou contra “as crecentes incertezas, riscos e desafíos” que enfrontarán as relacións a través do Estreito en 2017, acusando ao PDP de elixir o camiño da confrontación. Aínda así, Beijing di alentar novas políticas para promover o investimento de Taiwan, desmentindo as informacións que apuntan a que varios miles de empresas de Taiwan abandonarían Dongguan, en Guangdong.

* Taipei aprobou unha emenda legal que permitirá o fornezo de enerxía verde directamente aos consumidores e a reestruturación da estatal Taiwan Power Company. 

* A Universidade Nacional Chengchi aprobou unha moción para retirar as estatuas de Chiang Kai-shek presentes no seu recinto como parte dos esforzos para promover os dereitos humanos e a xustiza transicional. 

* Un proxecto de lei foi presentado na Cámara de Representantes de EUA para estimular as visitas entre altos funcionarios de Taiwan e EUA.

3. Datos relevantes

* Uns 223 taiwaneses foron deportados nos últimos nove meses de varios Estados (Kenya, Malaisia, Camboxa, Armenia, Vietnam) baixo sospeita de fraude de telecomunicacións e continúan en China continental. 

* As exportacións de compoñentes electrónicos aumentaron en 2016 un 8,1 por cento.

* Un total de 3,61 millóns de chineses do continente visitaron Taiwan en 2016, uns 800.000 menos con respecto ao exercicio 2015. 

* Taiwan incrementará os investimentos en infraestrutura pública en 2017 como parte dos seus esforzos para fomentar o emprego e equilibrar o desenvolvemento rexional. A suma prevista ascende a US$ 11.550 millóns. 

4. Nomes relevantes

* Wong Chi-huey, ex presidente da Academia Sínica, foi acusado por cargos de corrupción relacionados coa compañía OBI Pharma Inc.

* Yeh Kuang-shih, ex ministro de transporte e comunicacións, acusou a Hung Hsiu-chu de “levar o KMT ao tanatorio”. Yeh foi asesor da campaña presidencial de Hung en 2015. 

* Rex Tillerson, nomeado Secretario de Estado, reafirmou ante o Senado estadounidense o compromiso de Washington con Taiwan.