Este artigo fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Interreg IIIB Espace Atlantique

Trece anos dun anseio azul: A Macro-rexión Atlántica

Hai trece anos da primeira proposta dunha macro-rexión atlántica, nun editorial para un boletín transnacional. Co gallo do desenvolvemento da Estratexia Báltica, aquel texto amosaba a pertinencia dunha iniciativa similar para o Arco Atlántico1. Só existen actualmente catro macrorexións: a Báltica, a do Danubio, a Alpina e a Adriatico-Xónica. As tres últimas foron aprobadas despois das primeiras reivindicacións do Arco Atlántico para ter unha de seu; a débeda europea con o espazo atlántico aínda non se saldou. 
Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Hai trece anos da primeira proposta dunha macro-rexión atlántica, nun editorial para un boletín transnacional. Co gallo do desenvolvemento da Estratexia Báltica, aquel texto amosaba a pertinencia dunha iniciativa similar para o Arco Atlántico1. Só existen actualmente catro macrorexións: a Báltica, a do Danubio, a Alpina e a Adriatico-Xónica. As tres últimas foron aprobadas despois das primeiras reivindicacións do Arco Atlántico para ter unha de seu; a débeda europea con o espazo atlántico aínda non se saldou. 

Pero ¿que é unha macro-rexión ? A máis pequena escala, podemos atopar este tipo de iniciativas na política urbana e rural europeas, onde son coñecidas como “Estratexias integradas”  ou ITI / CCLD (Leader).  Tamén presenta similitudes coas euro-cidades e as euro-rexións, aínda que estas últimas son muito menos estendidas e muitas veces simplemente bilaterais. Pensada para o nivel transnacional, esta verba bárbara de macro-rexión implica, en termos de ordenación territorial europea, unha consideración específica para un espazo transnacional ; espazo constituído por varias rexións europeas, de varios países que se ven afectadas por unha serie limitada de prioridades comúns. E “europeas” neste caso sendo no senso continental, no só comunitario. A pioneira estratexia Báltica reúne así rexións de Suecia, Dinamarca, Finlandia, Estonia, Alemaña, Lituania, Letonia e Polonia, ademais de cooperacións con Islandia e Noruega e, até hai uns meses, con Rusia e Bielorrusia. As prioridades deben ser transnacionais – a intervención comunitaria debe ser pertinente e presentar un alto valor engadido. Así, neste exemplo do espazo Báltico, as prioridades comúns identificadas son –relativamente – poucas (tres obxectivos con catorce áreas políticas ) pero xeográficamente esenciais : salvar o mar, conectar a rexión e reforzar o desenvolvemento económico ( a “prosperidade”). 

En termos de programación e instrumentos, a macro-rexión representa un nivel superior respecto dos programas, fondos e políticas tradicionais. Neste senso, pódese observar unha macrorexión dende dous enfoques diferentes mais complementarios. O primeiro enfoque é o dunha cooperación reforzada, representada por un “Grupo de Alto Nivel”, entre os Estados nos que se localiza a macrorexión europea. A decisión pasa por un acordo dos 27 no Consello Europeo, pero sobre todo por unha aposta en común dos Estados interesados. Estamos así perante un dos mecanismos máis federalizantes da lexislación europea, onde as sinerxías desprazan as individualidades soberanas. O segundo enfoque é o dunha subsidariedade, transversal e asumida, para os entes subestatais e/ou non gobernamentais. O proceso de co-creación dos Planos de Acción e de selección das prioridades é un símbolo da Gobernanza multinivel asociada as macro-rexións. Igualmente, a estrutura temática dunha macro-rexión permitelle ás partes interesadas asumir o papel de “Coordinadores de Área” e polo tanto liderar unha serie de instrumentos europeos no espazo da macro-rexion. 

Por suposto, non se pode esquecer que este tipo de iniciativas estratéxicas son moi interesantes dende o mero punto de visto económico. Mesmo se a regra inicial era a dos tres “non” (ausencia de novas regras, de novo financiamento ou de novas estruturas de gobernanza), tal e como acabamos de ver, este tripla obstáculo case non se aplica. Para a prohibición de crear novos fondos xa non existen uns límites tan estritos, xa que a experiencia amosou que eran contraproducentes. Por unha banda existe a posibilidade de reorganizar a concordancia entre todos os fondos existentes na macro-rexión (públicos e privados, nacionais e internacionais) en torno as prioridades. Isto ten dous efectos maiores no uso destes fondos: as economías de escala, que permiten atraer investimento e pensar proxectos dunha envergadura maior (coñecidos coma flagship) e a liberación de remanentes para outras accións (moitas veces de pequena escala e coñecidas coma micro-proxectos.) Pola outra banda, sobre todo nas épocas de programación europea (algo que só sucede cada sete anos) ou nos momentos de “re” programación europea (especialmente en caso de crise maior) é posible de determinar o fondo e a forma dos programas europeos e polo tanto adxudicar unha parte dos programas (especialmente INTERREG) ao cumprimento dos obxectivos da macro-rexión. 

Aínda que o momento clave da presidencia francesa xa rematou, non se pode esquecer que España vai liderar a Unión Europea a partir de xullo 2023. Sabendo que os programas das presidencias comunitarias se redactan con anterioridade, cómpre pensar que a mobilización dos territorios atlánticos (españois pero non soamente) é urxente para aproveitar o contexto favorable. 2023 tamén é a data prevista para iniciativas esenciais no eido da macro-rexión Atlántica, como as discusións sobre as regras do orzamento europeo, as primeiras avaliacións dos programas europeos actualmente en curso, a finalización de varias infraestruturas esenciais do Corredor Atlántico ou mesmo a celebración do Día marítimo europeo en Brest. 

Sabendo que o proceso depende dunha participación estendida dos actores, poderíamos nembargantes hoxe identificar tres ou catro prioridades fundamentais para o Arco Atlántico como a cultura, o cambio climático, o transporte, e, por suposto, a política marítima. Esta última prioridade cobrou vida de seu, dando lugar a unha decisión do Consello Europeo en 2010: A Estratexia marítima Atlántica.  Consolidada arredor da noción de bacia, este tipo de estratexias recollen os principios das macro-rexións dunha maneira simplificada e muito menos ambiciosa. No entanto, tal e como evidencia o caso da macro-rexión Adriática, a cooperación en política marítima pode ser un primeiro paso cara unha macro-rexión pluritemática no Arco Atlántico. 

Resulta obvio que estas prioridades poderían ser axeitadas para o desenvolvemento territorial e económico galegos. Alén diso, unha regra non escrita das macro-rexións é a inclusión dunha dimensión significativa das relacións exteriores da Unión Europea. No caso da macro-rexión alpina, débese mencionar o caso de Liechtenstein e Suiza, no Danubio podemos falar de Ucraína, Moldavia, Bosnia Herzegovina, Montenegro, Serbia; no Adriático de Albania e tamén de Bosnia Herzegovina, Montenegro, Serbia e Macedonia do Norte. Esta dimensión internacional favorece particularmente a Galiza dadas as súas redes e historia nas Américas e no resto do mundo. 

Finalmente, para trazar a nova ruta da macro-rexión atlántica, habería que respectar os criterios establecidos en 2012 pola Comisión Europea no tocante á Báltica : 

  • Obter o compromiso político de todos os niveis envolvidos: das institucións locais ás institucións da UE;
  • Asegurar unha coordinación operacional entre as diferentes políticas, programas e fontes de financiamento; 
  • Crear, xa na etapa de planificación, un sistema de Gobernanza aberto;
  • Basearse nunha participación significativa de todos os actores, incluíndo a sociedade civil e o sector privado;
  • Contar con a implicación de todos os países da UE, e en particular do Consello Europeo; 
  • Mobilizar as plataformas e redes existentes, incluíndo as organizacións internacionais; 
  • Preparar as accións de sensibilización e de apropiación dos actores. 

Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí