Este artigo fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Fonte: Parlamento Europeo

Galicia e a Conferencia para o Futuro de Europa

Logo dun ano de discusións, a Conferencia sobre o futuro de Europa (CoFoE) concluíu os seus traballos nunha sesión plenaria en Estrasburgo o 9 de Maio de 2022. A CoFoE é o penúltimo estadio e resultado dun longo proceso de autoexaminación por parte das institucións europeas sobre o futuro da UE que se ten tido lugar desde o referendo británico (proceso Bratislava-Sibiu 2016-2019, Libro Branco sobre o futuro da UE de 2017, Consultas e Diálogos Cidadáns que culminaron nas Conclusións do Consello Europeo de Decembro de 2018 ). A pesar de ter sido posta en marcha (con grandes dificultades ante os receos de gobernos, parlamentos e comisións) coma unha grande novidade, na realidade copia e amplía o formato da Convención sobre of Futuro de Europa de eurodeputados, deputados nacionais, comisarios que deu a luz en 2001-2003 ao que sería o Tratado de Lisboa. A todo isto esta CoFoE engadiulle, signo dos tempos e as tecnoloxías, máis mecanismos de participación e representantes da sociedade civil, sindicatos e organizacións empresariais. Como era predicible a CoFoE rematou con moitos dos seus participantes (e rapidamente secundados polo Comité de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo, como era predicible) esixindo unha Conferencia Intergobernamenal, ou cando menos unha nova Convención coma a de hai 20 anos para redactar un novo tratado.

É pouco probable que isto suceda. De tódolos xeitos desde a entrada en vigor de Lisboa en 2009 tivemos os tratados fiscais e a reforma de facto que supón o endebedamento colectivo co gallo do COVID-19, Next Generation EU, que tronzou o nó gordiano do funcionamento das finanzas da UE. Aínda así, a CoFoE ten sido un CoFoE un bo termómetro político do papel das Comunidades Autónomas e concretamente en Galicia na UE.

Como na Convención de 2001, na CoFoE os representantes territoriais proceden fundamentalmente (salvo os membros con dobre mandato nacional/europeo e territorial) do Comité das Rexións. Daquela, como agora, o Comité das Rexións (CdR) aproveitou ao máximo o seu ancoraxe institucional e os seus vínculos cos partidos políticos paneuropeos para conseguir non só ata 22 delegados, senón tamén un asento de observador no seu Consello Executivo, algo que non obtivera hai 20 anos. Ainda máis, as asociacións territoriais paneuropeas quedaron totalmente sometidas á axenda do CdR, pois os seus supostos representantes eran todos membros do CdR. O único no que o CdR saíu perdendo foi no feito de ter que compartir espazo cos actores da sociedade civil, a diferenza da Convención de 2001, que fora exclusivamente política.

Daquela como agora as chamadas rexións con poder lexislativo (REGLEG) tentaron influír directamente na Convención-Conferencia pero tamén articulando externamente a elas. Hai vinte anos, Galicia de Fraga, xunto con Cataluña, País Vasco e Estremadura, tivo un papel moi destacado en REGLEG. Esta rede organizárase daquela ao máis alto nivel (presidentes de practicamente todas as rexións con competencias lexislativas da UEa) co fin de presionar para que estes territorios “rexións fortes, rexións constitucionais” tivesen un papel específico nos Tratados. Tal e como propuxo en 2001 ao comezo da Comisión no famoso informe do parlamentario vasco-francés Alain Lamassoure reflectindo nun foro europeo o estatuto constitucional que teñen estes territorios nun foro interno . A pesar do enorme poder político desta coalición paneuropea de líderes territoriais, non foron capaces de organizarse o suficiente para pesar na Convención e acabaron por disolverse anos despois.

Por iniciativa de Euskadi, nos albores do CoFoE creouse unha nova rede destes territorios, esta vez denominada “RLEG”, reunida o 7 de maio de 2021 (coa presenza de Lamassoure , para significar aínda máis a reencarnación desta iniciativa) para solicitar de novo, como xa fixo hai 20 anos, que se recoñeza un estatuto específico nos tratados e por suposto, postos na propia CoFoE, o que non ocorreu.

Porén, a diferenza das máis de sesenta rexións de hai 20 anos (polo menos en papel) só 14 ofrecéronse para participar nesta nova rede : Illas Aaland , Azores, Baleares, País Vasco, Carintia, Cataluña, Flandes, Baixa Austria, Salzburgo, Tirol, Alta Austria, Comunidade Valenciana, Vorarlberg e Córcega como observadores.

Desta volta, Galicia claramente non estaba entre eles. Agora ben, iso non implica que non quixera involucrarse coma daquela. Nese sentido, a antigüidade e a continuidade poderían ter xogado ao seu favor. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea é o mesmo que hai 20 anos e leva máis dun cuarto de século como membro activo do grupo PPE do Comité das Rexións (por iso, sen sendo observador do CDR na Convención hai vinte anos, puido participar nalgúns debates). Galicia tamén ten sido un membro bastante activo da asociación paneuropea dos lexislativos “rexionais”, CALRE, que, a diferenza da REGLEG (en parte pola súa maior homoxeneidade, os parlamentos son máis parecidos entre si que os gobernos). ) sobreviviu aos anos de crise económica e apatía na construción europea a finais da última década.

Aparte de que a Galicia de hoxe non é politicamente a de hai 20 anos, cun Fraga que deixaba aos seus técnicos e cargos negociar cos de Pujol, Ibarra e Ibarretxe, a postura retraída de Galicia na CoFoE tamén anticipaba unha expectativa de magros resultados. De feito, o Informe Final apenas fala da cuestión territorial e a subsidiariedade (ao contrario do texto da Convención). Nin existe o ardor “rexional” daquela, nin as palabras significan o mesmo: malia os chamamentos á “subsidiariedade activa” acordadas nunha Task Force de Parlamentarios estatais, Comisión e CdR xa no 2018 o termo hoxe estase volvendo politicamente tóxico ao ser usado coma escudo por gobernos que debilitan o Estado de Dereito. Tamén na práctica polos de Tribunais Constitucionais non só neses países senón tamén o alemán, se ben a aceleración do activismo das institucións europeas si que debería invitar a unha reflexión dos límites deste.

Emporiso, non é sorprendente que a contribución máis tanxible de Galicia na CoFoE viñera da man do instrumento oficioso da Xunta que é a Fundación Galicia Europa, fundamentalmente na súa outra función principal, a de agit-prop europeísta, neste caso na organización de diálogos e eventos, particularmente entre os mozos.

Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí