Ucraína: Buscando a Yúschenko… desesperadamente

Dous feitos recentes – a cimeira co Presidente polaco A. Kwasniewski e a visita do Papa – tiveron unha importancia decisiva para demostrar que a grave crise interna que vive o país non acadou aínda unha envergadura tal susceptible de provocar un rexeitamento inapelable do presidente ucraniano, Leonid Kuchma, por parte desa comunidade internacional, tan preocupada polas liberdades e o respecto dos dereitos humanos.

O presidente polaco fixo oídos sordos ás chamadas da oposición de Ucraína e celebrou a cimeira prevista co seu veciño nun ambiente amistoso. Durante a visita do Papa, Leonid Kuchma tratou de non faltar ás misas do Pontífice pondo de relevo desta maneira que é aceptado polos persoeiros máis significativos e influíntes do mundo de hoxe. Incluso atreveuse a viaxar á cidade de Lviv, o centro político, cultural e relixioso da Ucraína Occidental, onde a súa persoa ten escasa aceptación. Ali se congregaron para acompañar ao Papa un millón e medio de pesoas (en Kíev "soamente" 300 mil), pero algún dos periódicos pro-presidenciais fixo o ridículo insinuando que o palco VIP encherase de xente "para saudar a Kuchma".

A consolidación da posición de Kuchma se debe en maior medida á debilidade da oposición que non soubo promover iniciativas alternativas, máis alá do claro rexeitamento do actual presidente. Semella que a oposición errou tamén no seu apoio incondicional ó anterior primeiro ministro, Víctor Yúschenko, a pesar da súa clara orientación a prol dun estado nacional de corte democrático occidental, sen matiz ningún. Non lograron salva-lo como xefe de goberno nin gaña-lo para as ringleiras da oposición.

V. Yúschenko mantivose a distancia amosando ademais o seu respecto cara ao presidente Kuchma. Alegando que era fácil estar na oposición, afirmaba importarlle especialmente a formulación de alternativas en positivo. Permanecendo á marxe da vida política, por riba do ben e do mal, foise convertendo no político máis prestixioso e popular. Todo o espectro político, dende o centro esquerda ata a dereita, está empeñado en recrutalo para as súas filas.
Hai pouco máis dunha semana, ante unha multitudinaria asemblea que tradicionalmente se convoca polas forzas nacionalistas todos os anos na cima do monte Hoverla, o máis alto da Ucraína, Víctor Yúschenko fixo un xesto que contribuirá aínda máis a incrementar o seu prestixio. Nese acto cargado de simbolismo, fixo pública a súa decisión de liderar un bloco político de orientación nacionalista que se chamará "Nosa Ucraína". Aínda sen configurar de todo a súa composición, é previsible que abranguerá un movemento enormemente amplo.

O anuncio de Yúschenko veu precedido por outro feito de especial importancia para a consolidación das forzas nacionalistas. Os dous fragmentos do histórico Movemento Popular "Rukh" declararon que se presentarán ás eleccións do 2002 nun só bloque e despois das elecciones celebrarán un congreso de reunificación nun só partido baixo o nome de "Rukh" ("Movemento").

Namentres, o ambiente político de Ucraina foi novamente ensombrecido por un crime presuntamente político. No portal da súa casa en Slovyansk (rexión de Donetsk) asasinaban brutalmente a Igor Aleksándrov, director dunha compañía de RTV, que estaba investigando a corrupción na rexión. Neste contexto, o semanario "Dzérkalo Tyzhnia" comentaba: "Sen decatarnos, convertimonos nun Estado donde o mal sempre vence ao ben e sen que éste teña chanzas sequera para se rehabilitar póstumamente".