Este artigo fai parte do Informe anual da acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Foto de Xurxo Lobato, El País 1992. Manuel Fraga e Fidel Castro en Láncara.

Unha ollada a catro décadas de acción exterior galega: dos contactos furtivos á Lei de Acción Exterior de 2021

A xuntanza dun funcionario ou representante político galego cun homólogo estranxeiro é un feito normal, habitual e legal. Cando as institucións galegas comezaron a súa andaina nos 80 a situación era ben distinta. Os contactos episódicos coas autoridades alén do Miño para tratar cuestións de interese común debían realizarse de xeito furtivo ou disimulado. Hoxe existe un marco legal, autonómico e estatal, que ampara a denominada acción exterior galega. Estas páxinas presentan de forma abreviada unha panorámica histórica da acción exterior despregada polo Goberno galego durante catro décadas. Desde as primeiras iniciativas episódicas, illadas e limitadas, a acción exterior evolucionou ata a configuración dun marco legal propio (Lei de Acción Exterior, 2021) que asume a acción exterior como unha fenómeno cotiá, integral e indispensable para o autogoberno galego no que están chamados a participar diversos actores.
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí

Introdución

A xuntanza dun funcionario ou representante político galego cun homólogo estranxeiro é un feito normal, habitual e legal. Cando as institucións galegas comezaron a súa andaina nos 80 a situación era ben distinta. Os contactos episódicos coas autoridades alén do Miño para tratar cuestións de interese común debían realizarse de xeito furtivo ou disimulado. Hoxe existe un marco legal, autonómico e estatal, que ampara a denominada acción exterior galega. Estas páxinas presentan de forma abreviada unha panorámica histórica da acción exterior despregada polo Goberno galego durante catro décadas. Desde as primeiras iniciativas episódicas, illadas e limitadas, a acción exterior evolucionou ata a configuración dun marco legal propio (Lei de Acción Exterior, 2021) que asume a acción exterior como unha fenómeno cotiá, integral e indispensable para o autogoberno galego no que están chamados a participar diversos actores.

A diáspora galega, a fronteira con Portugal e a pertenza á UE foron factores catalizadores e, ao mesmo tempo, lexitimadores da acción exterior galega. Así, os territorios que atraeron a atención galega foron Portugal, Europa, especialmente a UE, América Latina e, posteriormente, os países da lusofonía. Isto tamén explica que, nun principio, as áreas temáticas prioritarias fosen a cooperación transfronteiriza, a asistencia aos emigrantes galegos ou a presenza e actuación nas institucións europeas. Despois, a cooperación ao desenvolvemento, o fomento da internacionalización das empresas galegas, a proxección exterior da imaxe de Galicia viñeron a aumentar e completar ese conxunto.

Primeiras experiencias

Os iniciáticos contactos externos do Goberno galego foron coas autoridades portuguesas para coordinar iniciativas en materia de comunicacións, infraestruturas de paso fronteirizo, intercambios culturais e científicos. En 1982, o presidente Fernández Albor viaxou a Porto para asinar un convenio de colaboración entre a Xunta e a Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal. Esta foi seguida por outra viaxe oficial (1984) ao norte de Portugal. A diáspora galega en América Latina tamén centrou a atención galega. En 1982, o presidente Albor viaxou a Bos Aires (e a Montevideo e Río de Xaneiro) con motivo do 75º aniversario do emblemático Centro Galego bonaerense.

Institucionalización e formulación da acción exterior

O presidente González Laxe continuou as viaxes institucionais a América (Arxentina, Uruguai, Venezuela) que se enchían con xuntanzas con autoridades políticas e axentes empresariais. A novidade principal foi a constitución da Fundación Galicia-Europa (1988) que pretendía servir como canle bidireccional coas Comunidades Europeas.

En 1989, o acceso de Manuel Fraga á presidencia da Xunta supuxo a potenciación política da acción exterior e a configuración progresiva dunha organización administrativa integrada na estrutura da Xunta encargada desta área. En 1990 creouse a Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas para realizar accións asistencial-humanitarias a favor do colectivo emigrante[1]. En 1993 botou a andar o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para apoiar a internacionalización das empresas galegas e atraer investimento estranxeiro. Xa en 1997, dunha banda, creouse a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, dependente da Presidencia da Xunta e, doutra banda, a Comisión de Acción Exterior da Xunta, presidida polo presidente da Xunta e composta por varios directores, secretarios xerais e directores xerais. Este órgano estaba orientado á formulación de propostas de acción política e á coordinación de iniciativas e actuacións da Administración galega. Máis adiante (2001), creouse a Consellería de Emigración e Cooperación Exterior para atender ás necesidades destes dous eidos.

Tamén deben ser referidos os primeiros documentos estratéxicos destinados a formular e artellar a acción exterior (prioridades xeográficas e sectoriais). Neste senso, en 1998, presentouse o I Programa Cuadrienal de Acción Exterior 1998- 2002, seguido polo II Programa Cuadrienal de Acción Exterior 2003-2006 (2002) e polo Libro Branco da Acción Exterior Galega (2004).

A acción exterior galega adquiriu un perfil máis político e, ao mesmo tempo, personalista, a causa do forte liderado de Fraga Iribarne. Multiplicáronse as viaxes ao exterior do presidente da Xunta e diversificáronse os destinos (América, Asia, África e Oceanía). En xeral, durante os mandatos do presidente Fraga, asistimos ao artellamento dun discurso político sobre a acción exterior, á definición dunha mínima estratexia, á institucionalización e permeabilización no seo da Administración galega (coordinación administrativa) e á concienciación sobre a crecente relevancia da dimensión exterior nas políticas galegas.

Consolidación

En 2005, Pérez Touriño accedeu á presidencia da Xunta. En xeral, a acción exterior despregada foi continuísta. Durante o goberno de coalición merecen ser subliñados tres aspectos:

» o reforzo do aparello executor da acción exterior galega coa creación e inclusión (2006) na estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

» a creación das delegacións oficiais da Xunta, concretamente, en Bos Aires (2007) e Montevideo (2008).

» o desenvolvemento dende una óptica integral da Estratexia de Acción Exterior (2007).

En relación a América Latina, tanto o presidente Touriño coma o vicepresidente Quintana (e algúns conselleiros/as) realizaron viaxes institucionais a Arxentina, Brasil, Uruguai, México ou Cuba para promover as relacións económicas e a cultura galega, principalmente.

Reorientación e desvalorización institucional

En 2009, Núñez Feijóo converteuse no cuarto presidente da Xunta. Por unha banda, a crise económica e as medidas de austeridade e, por outra banda, o conflito político entre o Goberno español e o catalán (2010) xeraron un clima pouco favorable, mesmo desprezativo, respecto da acción exterior das CCAA. En xeral, a acción exterior galega adoptou un perfil económico-funcional, orientado á promoción empresarial e comercial. En consecuencia, destacan as actividades da Consellería de Economía e Industria e do IGAPE. No aspecto organizativo eliminouse a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, sendo substituída pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, integrada na estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Na actualidade, na vixente estrutura do goberno de Alfonso Rueda (2022), esta Dirección Xeral está encadrada na Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. En definitiva, a acción exterior non recuperou a condición político-administrativa da etapa Fraga ou Touriño. Tamén, en 2009, constituíuse o Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX) como órgano consultivo do Executivo galego[2].

De xeito semellante aos seus predecesores na Xunta, o presidente Feijóo realizou (2009 a 2022) visitas institucionais a capitais europeas (Bruxelas, principalmente) e a América Latina (Uruguai, México, Arxentina, Panamá, Colombia, Brasil, Pe rú ou Cuba). Houbo que agardar ata xuño 2017 para que un presidente galego realizase a primeira viaxe institucional á China. Máis recentemente, en 2021, reactivou a súa axenda exterior para reunirse en Lisboa co presidente da República portuguesa, Rebelo de Sousa, e co primeiro ministro, Costa.

Outra dimensión da acción exterior galega manifestouse a través dos catro plans de cooperación ao desenvolvemento (2006-2009, 2010- 2013, 2014-2017 e 2018-2021) promovidos pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e aprobados polo Parlamento de Galicia. Apréciase unha relativa continuidade en canto aos países beneficiarios da axuda galega (África lusófona, América Central e do Sur).

Marco legal e pluralidade de actores

No eido cultural, o Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade, a Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (popularmente denominada “Lei Paz-Andrade”). Partindo da afinidade culturallingüística, pretendía estimular as relacións económicas, comerciais, culturais… con ese grupo de países de lingua portuguesa oficial.

Neste mesmo ano, aprobáronse a Lei 2/2014, do 25 de marzo, da Acción e do Servizo Exterior do Estado e da Lei de Tratados e Asuntos Internacionais. Aínda que ámbalas normas foron impulsadas polo goberno conservador de Rajoy no contexto do crecente avance do independentismo catalán, supuxeron a aceptación política e o recoñecemento legal da dimensión exterior das actuacións das CCAA (e das entidades locais). Trala aprobación destas leis estatais, o Goberno galego impulsou o Decreto 178/2015 polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia[3]. Dende unha perspectiva integral e coordinada, pauta cuestións como a participación do Goberno galego nas institucións europeas, así como a acción exterior galega fóra deste marco institucional, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as relacións co ámbito da lusofonía. ou o protocolo que rexe as obrigas de comunicación das viaxes ao estranxeiro do presidente e dos conselleiros da Xunta. Este Decreto prevía a elaboración da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX)[4]. Presentada en 2018, identifica basicamente os principais actores, os sectores temáticos e os espazos xeográficos da acción exterior e vén a dar continuidade aos programas cuadrienais da década dos 90.

Deste xeito, arribamos á aprobación da Lei 10/2021, pola que se regula a acción exterior e a cooperación para o desenvolvemento de Galicia. É o primeiro texto de rango legal dirixido a mellorar a proxección galega e a coordinación da acción exterior, a participación galega na negociación de tratados internacionais, a atención dos galegos no exterior; a consolidar a Eurorrexión Galicia. A finais de 2021 anunciouse o desenvolvemento dunha nova Estratexia Acción Exterior Galega para o período 2022-2026. Norte de Portugal e a súa proxección nos países lusófonos, e dotar a Galicia dun maior liderado na cooperación ao desenvolvemento. A lei asume a crecente internacionalización experimentada en diversos ámbitos da competencia e responsabilidade galega. En consecuencia, enumera unha serie de sectores nos que se pode realizar acción exterior: emigración, emerxencias, formación dos empregados públicos, medio ambiente e cambio climático, I+D+i, docencia e universidade, cultura e lingua, turismo, voluntariado, saúde, sector marítimo…

En liña coa extensa e diversa composición do CAEX, a norma galega adopta unha concepción pluralista e aberta da acción exterior. Asume a intervención dunha pluralidade de actores, públicos e privados (“suxeitos privados concorrentes”), capacitados para intervir no campo da acción exterior (municipios, universidades, entidades culturais, empresariais…). Este apurado percorrido pola acción exterior galega reflicte a progresiva capacidade de adaptación ao contexto global, europeo e estatal e o constante interese pola acción exterior, aínda que a intensidade teña abaleado.