O Comité Europeo das Rexións (CDR) é a voz das rexións e cidades da Unión Europea (UE). Representa ás autoridades locais e rexionais de toda a Unión Europea e asesora sobre novas leis que inciden nas rexións e cidades (70 % da lexislación comunitaria).

Xa está aberto o “Erasmus para os representantes do territorio”

Os procesos europeos poden semellar inintelixibles para os concelleiros e deputados locais. A xestión cotiá do territorio, a responsabilidade cidadá, os proxectos en marcha... non deixan tempo nin oportunidade para profundar no nivel comunitario. No entanto, existe unha obriga de aplicar as regras da UE, e os diferentes fondos rexionais son instrumentos clave para a política pública local.
Liñas de investigación Paradiplomácia União Europeia
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Para axudar a romper esta dicotomía, o Comité das Rexións (CDR) creou o programa “Novos representantes políticos” – YEP pelas súas siglas en inglés. Esta iniciativa ten como obxectivo crear “oportunidades para establecer redes, intercambiar mellores prácticas, recompilar información sobre a lexislación da UE e as oportunidades de financiamento da UE, participar no traballo do Comité Europeo das Rexións e reunirse e debater con membros do CDR e outros políticos locais, rexionais e europeos.

O programa traballa en tres grandes eidos: a reforma democrática, o cambio climático e o futuro da política de cohesión. Durante un ano, os YEP son convidados a participar en sesións de formación, información, debate… Despois deste primeiro ano, fican como “alumni” para inspirar á seguinte xeración de YEP e, sobre todo, para continuar o dialogo coa Unión Europea sobre a cuestión territorial.

As avantaxes permiten integrar ao representante ( e á súa entidade local) na “burbulla” de Bruxelas. Por exemplo: establecer redes de política local ao nivel europeo, intercambiar as mellores prácticas, comprender as oportunidades que ofrece a UE, contribuír á elaboración das políticas da UE e aumentar o perfil nos círculos europeos.

Para solicitar a entrada, os representantes políticos das entidades locais deben ter menos de 40 anos (nados despois do 1/1/1983), falar inglés e encher este formulario antes do 10/04/23.