O CAEX celebrouse no Consello Económico e Social. Foi o seu oitavo encontro, desde a súa creación no 2009.

Participamos no CAEX para impulsar a EGAEX 2023-2027

O martes 21 de marzo do 2023 celebrouse o Consello de Acción Exterior de Galicia (Consello Económico e Social de Galicia, Santiago de Compostela), no que o IGADI é membro desde o 2009, ano da súa creación, como representante das asociacións de estudos internacionais.

A xuntanza do CAEX desenvolveuse con normalidade, cunha primeira intervención do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e a presentación do documento da Estratexia Galega de Acción Exterior 23-27 do Subdirector de Planificación, José Manuel Blanco. Posteriormente produciuse unha quenda de intervencións por parte das entidades presentes, como a Confederación de Empresarios de Galicia, a representante dos sindicatos maioritarios, a Coordinadora Galega de ONGD´s ou o Consello da Cultura de Galicia. O Eixo Atlántico ou o Sistema Interuniversitario de Galicia, entre outros, escusaron a súa asistencia. O texto aprobouse por unanimidade.

Intervención do Director do IGADI, Daniel González Palau.

“Hoxe é un día importante para unha entidade como a nosa. Os máis de 31 anos de historia do IGADI están marcados polo noso papel parapúblico e a nosa misión constituínte de construír unha política de acción exterior para Galicia. Colaboramos activamente co goberno de Manuel Fraga, co de Emilio Pérez Touriño, co de Alberto Núñez Feijoo e desde o primeiro día co de Alfonso Rueda.

Desde esa natureza de think tank comprometido co desenvolvemento da Autonomía, naceu o IGADI no 1991. Naquela altura, que Galicia puidera ter unha Lei de Acción Exterior ou unha Estratexia de acción exterior eran ensoñacións. O IGADI naceu 5 anos antes da creación da SX de Acción Exterior e hoxe somos a única Comunidade Autónoma en España que conta cunha Lei de Acción Exterior. Sentímonos parte deste éxito, que tamén consideramos propio.

Como no 2018 coa primeira EGAEX, identificamos no texto da EGEAX 23-27 moitas grandes ideas e unha guía moi boa para entender a natureza en rede e chea de potencialidades da nosa acción exterior. Sen embargo, como no 2018, na EGAEX 23-27 fanse evidentes as eivas estruturais, ao fuxir o texto de mecanismos de seguimento, coordinación, comunicación e avaliación, regulares e transparentes. Lamentamos por iso que ningunha das nosas suxerencias nesta dirección, presentadas no mes de novembro do ano 2022, fose atendida.

A globalización que vén xa non é a que coñeciamos ata hoxe. Por iso, faise máis necesario que nunca que no Parlamento de Galicia se consigan os vimbios dun Plan de acción para a EGAEX, que fagan o texto operativo, identificando eses mecanismos de seguimento, coordinación, comunicación e avaliación. E tamén unha EGAEX que defina obxectivos e indicadores, que desenvolvan o conxunto de boa ideas que aparecen no documento actual.

Da mesma maneira, solicitamos ao goberno e aos grupos parlamentarios que fagan un esforzo para aumentar os apoios á nova EGAEX, despois da Covid-19 e a primeira coa Lei galega de acción exterior en marcha. Leven o texto a ponencia e traballen por un documento de todas e de todos, é o que se aspira no mundo enteiro en relación á acción exterior de calquera territorio.

Dito todo isto, no marco do CAEX hoxe votamos que si á EGAEX 23-27 co ánimo de coidar o noso pérfl parapúblico, mudar a atmósfera do escenario dos últimos anos neste ámbito tan específico das políticas públicas galegas, así como para recoñecer a colaboración coa SX de Política Linguística.

Moitas grazas pola atención”