Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior
Presentación
Se na última edición do Nós No Mundo 2021-2022 fixemos balance histórico da política pública de acción exterior de Galicia, desde a perspectiva dos 25 anos transcorridos desde a creación da Secretaría Xeral da Acción Exterior na Xunta de Galicia e a oficialización da Lei de Acción Exterior e Cooperación para o Desenvolvemento 10/2021, de 9 de marzo, na edición deste 2022-2023 poñemos a atención nos acontecementos dos últimos doce meses, delimitados pola preparación da Estratexia Galega de Acción Exterior 2023-2027 (EGAEX 23-27).
Para esta misión contamos no Informe 2022-2023 con cinco artigos da rede de persoas do IGADI, que achegan as lentes ao desenvolvemento e construción da EGAEX 23-27, a primeira coa Lei de Acción Exterior en curso (Daniel González Palau) subliñando as relevancias da mesma nas relacións coa Unión Europea (Serafín Pazos), a dimensión económica da nosa internacionalización (Diego Sande), o voto da diáspora (María Xosé Porteiro e Facundo Reyna Muniín) ou a implementación en Galicia da Axenda 2030 (Miguel Ángel Martínez Pellitero). O conxunto destes artigos retrata unha fotografía en movemento do estado da nosa acción exterior, apuntando os avances e os éxitos, así como os camiños que temos por mellorar.
Para completar a visión máis teórica o Infome 22-23 conta coa valiosa achega ao estado da cuestión desde a Xunta de Galicia, poñendo o foco na relevancia e impacto da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento (Jesús Gamallo) e a proxección internacional da lingua galega (Valentín García). Nas achegas institucionais, moito agradecemos tamén, a visión que nos ofrece desde as cidades para coñecer os novos tempos para a proxección internacional de Santiago de Compostela (Goretti Sanmartín) e A Coruña (José Manuel Lage). Finalmente, as achegas institucionais complétanse desde o Consello da Cultura (Xavier Queipo) ofrecendo unha análise arredor dos retos da internacionalización da cultura galega no novo marco xurídico da Lei e a EGAEX 23-27.
Por último, o Informe conta tamén coas imprescindibles achegas da sociedade civil, pezas vibrantes e resistentes das conexións globais de Galicia. Dunha banda, coas análises desde a Academia Galega da Lingua Portuguesa (Angelo Cristovao) e a Asociación Internacional de Estudos Galegos (Carlos Pazos-Justo) arredor das vías abertas en Galicia desde hai case unha década coa Lei de aproveitamento do portugués e vínculos coa lusofonía no marco da recente oficialización do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade (Decreto 134/2023, de 28 de setembro). Doutra banda, a Coordenadora Galega de ONGD (Sara García Mato), corazón e motor do sistema internacional da cooperación galega, achéganos ao estado actual da Cooperación Galega e o seu V Plan Director, aprobado neste 2023, apuntando os éxitos e as incertezas que o rodean, en tempos tan convulsos para a sociedade internacional.
En fin, se no ano 2021-2022 acolliamos con entusiasmo a aprobación da Lei de Acción Exterior na panorámica histórica dos 40 anos de Estatuto, no Informe do 2022-2023, aspiramos a ver como a EGAEX 23-27 marca o rumbo para a normalización da Lei de Acción Exterior en Galicia, multiplicando as potencialidades da universalidade da imaxe e marca Galicia no mundo.
Só nos resta por agradecer a todas as persoas participantes neste Informe a súa valiosa achega, así como a Secretaría Xeral de Política Linguística que desde hai 14 anos apoia a edición deste Informe anual.
Índice de contidos
- Presentación: Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior
1.1. Equipo Informe Nós No Mundo 2022-2023
1.2. 32 Anos do IGADI - Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior
Jesús Gamallo - Como chegamos ata aquí? Construír as autoestradas globais de Galicia
Daniel González Palau - Para que vale unha Presidencia semestral da UE?
Serafín Pazos - Os aspectos económicos da Lei de Acción Exterior de Galicia e a construción da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2023-2027
Diego Sande Veiga - O impacto electoral do voto exterior
María Xosé Porteiro e Facundo Reyna Muniaín - Santiago de Compostela, cara a unha nova imaxe de país
Goretti Sanmartín - A Coruña, punta de lanza na acción exterior galega
Jose Manuel Lage - A lingua galega no mundo
Valentín García - Retos de futuro na Acción Exterior do Consello da Cultura Galega
Xavier Queipo - A Lusofonia no horizonte. Alguns apontamentos
Carlos Pazos-Justo - As relações internacionais e o papel da sociedade civil galega
José Ângelo Cristóvão Angueira - A Cooperación Galega, todo o que podería e debería ser
Sara García Mato - Avances e límites do desenvolvemento da Axenda 2030 en Galicia
Miguel Angel Pellitero
Datos da publicación
- Dirección:
Daniel González Palau (Director do IGADI) - Equipo IGADI:
María Xosé Porteiro (Consello Asesor IGADI)
Diego Sande (Secretario e Coordenador Liña de investigación en Economía)
Serafín Pazos (Coordenador Liña de investigación en Unión Europea)
Miguel Angel Martínez Pellitero (Liña de Investigación en Cooperación Internacional e Axenda 2030)
Facundo Reyna Muniain (Observatorio das Diásporas) - Colaboradores institucionais:
Jesús Gamallo (Xunta de Galicia)
Valentín García (Xunta de Galicia)
Goretti Sanmartín (Concello de Santiago de Compostela)
José Manuel Lage (Concello da Coruña)
Xavier Queipo (Consello da Cultura) - Colaboradores sociedade civil:
José Ângelo Cristóvão Angueira (Academia Galega Lingua Portuguesa)
Carlos Pazos-Justo (Asociación Internacional de Estudos Galegos)
Sara García Mato (Coordenadora Galega de ONGD´s) - Diagramación: BREO.gal
- ISSN: 1989-9130
- Observación: Os puntos de vista que se expoñen nestas colaboracións reflicten exclusivamente a opinión dos seus autores e, polo tanto, non representan o punto de vista oficial do IGADI. The views expressed here are those of individual contributors and do not necessarily represent those of the IGADI as such.