Bandeira de Ucraína

A escalada bélica continuará

Rusia ten motivo para celebrar unha vitoria: as súas tropas ocuparon a cidade de Lysychansk, a última poboación importante da provincia de Luhansk que quedaba baixa o control de Kíiv. Con isto Moscova pode considerar completada unha das tarefas da súa "operación militar especial": protexer a "República Popular de Luhansk" na totalidade do territorio da provincia que reclama esta formación autoproclamada.
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Rusia ten motivo para celebrar unha vitoria: as súas tropas ocuparon a cidade de Lysychansk, a última poboación importante da provincia de Luhansk que quedaba baixa o control de Kíiv. Con isto Moscova pode considerar completada unha das tarefas da súa “operación militar especial”: protexer a “República Popular de Luhansk” na totalidade do territorio da provincia que reclama esta formación autoproclamada.

A conquista foi posible porque o mando ucraíno decidiu retirar de maneira organizada as súas tropas ucraínas para preservar as súas forzas; a continuación da defensa do saínte de Lysychansk atacado desde tres custados significaría a súa destrución completa por parte da artillería rusa, que posuía unha superioridade múltiple. A parte positiva deste revés é que se evitou un “segundo Mariúpol”.

Segundo a intelixencia militar británica, “a batalla polo Donbás caracterizouse por un lento ritmo de avance e o emprego masivo de artillería de Rusia, arrasando pobos e cidades no proceso”. Conclúe, que “é case seguro que os combates na provincia de Donetsk continuarán desta maneira”. Parece que é o único método que permite aos rusos conseguir algún éxito fronte á tenaz defensa ucraína. Agardan poder avanzar, malia que este mes de xullo a capacidade de combate do exército ucraíno pode aumentar cuantitativa e cualitativamente pola chegada de máis armamentos occidentais.

Existen indicios de que Rusia se prepara para incrementar a intensidade das súas actividades bélicas en Ucraína. Ao recibir o parte do seu ministro de defensa sobre a toma de Lysychansk, Putin dixo que as tropas que participaron nos combates merecíanse un descanso para recomporse e recobrar as súas forzas para novos combates. É a primeira mención de rotación de tropas na fronte, unha medida imprescindible nunha guerra (a que Putin pensaba disimular como unha operación especial). Agora vese que o Kremlin está decidido a seguir avanzando aínda que para isto teña que converter o terreo en terra queimada. E asume que a contenda vai para longo.

Os obxectivos inmediatos son as cidades de Sloviansk e Kramatorsk, a súa conquista permitirá obter control sobre todo o territorio da provincia de Donetsk, outro obxectivo anunciado da “operación especial”. Pero isto non acabará a campaña.

A estas alturas, Rusia mantén ocupada a provincia de Xersón e grandes partes da provincia de Zaporízzhia e o seu estatus futuro é incerto. O que é seguro é que Rusia non abandonará eses territorios: curta toda comunicación (telefónica, mediática, bancaria, etc.) co resto de Ucraína, prohibe o uso do ucraíno, nomea as súas administracións, estende pasaportes rusos. Ata censa ás persoas suxeitas ó servicio militar para incorporalas ás tropas de ocupación.

Nestes territorios probablemente xa non se simulará ningún espectáculo de referendo, como en Crimea, Donetsk e Luhansk. Rusia procede como si se tratara das súas propias terras e disto vai definitivamente esta contenda: ir expandindo o seu control sobre cantas máis áreas. É o modus operandi de sempre dos gánsteres: cando alguén non se somete “voluntariamente” ao seu control, aplícase forza bruta, sen ningún respecto á vida humana. Nada pode detelos nas súas ansias de máis poder, só que se lles opoña unha forza que non lles teña medo e teña suficiente poder para provocar medo aos agresores.

O pobo de Ucraína e as súas forzas armadas mostraron que non teñen medo ao agresor, pero este segue créndose capaz de dobregalo coa súa supremacía numérica. O que quere conseguir é provocar medo ao Occidente colectivo, contra quen en realidade pretende imporse. Por agora ve que Occidente evita enfrontarse directamente con Rusia, proporcionando armamentos para que Ucraína se defenda soa, o que non exclúe a posibilidade de que gañe Putin. Este non querrá perder esa oportunidade e fai como se a actitude de occidente significase un permiso para lograr os seus fins en Ucraína por todos os medios. Nese contexto pódense entender as demagóxicas declaracións do Kremlin  sobre que nunca se opuxera á integración de Ucraína na UE, que nunca aceptaría unha guerra devastadora nun país membro, ou que non lle importa a adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN, sempre que non se instalen novas armas nas fronteiras rusas, e desde a alianza aseguraron que esta afiliación non significaba automaticamente aparición de bases.

En consecuencia, nunha reunión con dirixentes do Parlamento o 7 de xullo, Putin anunciou que continuará a escalada bélica para obter a súa vitoria en Ucraína: “Nun sentido xeral, aínda non comezamos nada en serio”. Asegurou que ninguén pode vencer aos rusos no campo de batalla e acusou a Occidente de terlle obrigado a matar ucraínos: “Occidente quere loitar contra nosoutros ata o último ucraíno.” Concluíu: “ao parecer, todo está chegando a isto”.

O obxectivo de Putin, un cambio da orde mundial a favor dunha potencia, é suficiente para desatar unha guerra a nivel mundial. Se non o consegue con medios menores, e o quere lograr custe o que custe, non dubidará a escalar o que está a facer en Ucraína ata as últimas consecuencias.