Berlín segue dividido

O mesmo título encabezaba, hai dous anos, a reseña acerca das eleccións rexionais na cidade-land de Berlín. Daquela comentábamos a victoria dos democristiáns (CDU) na flamante capital da Alemaña unida e o fracaso da coalición gobernante encabezada por Schröder. Pouco durou. A moción de censura impulsada polo SPD provocou a caída do goberno conservador e a convocatoria anticipada de eleccións.

Nas do pasado domingo os vencedores foron os socialdemócratas e os grandes derrotados os democristiáns. Ata aí os titulares. Logo o detalle. O comportamento electoral ben distinto entre o Leste e o Oeste. Na banda oriental de Berlín, o Partido do Socialismo Democrático (PDS) , quen se recoñece na tradición do SED gobernante na Alemaña do Leste ata 1989, roldou a maioría absoluta. Van ala doce anos da caída do muro, pero Berlín segue dividido.

O Partido Socialdemócrata foi o vencedor co 30,2 % (22,4 na pasadas) nunhas eleccións convocadas por mor da retirada do apoio que os socialdemócratas viñan prestando ao alcalde conservador e a posterior moción de censura impulsada. A CDU foi a gran derrotada pasando do 40,8 % de hai dous anos ao 22,6 actual. O Partido do Socialismo Democrático, o outro gran triunfador na xornada electoral, aumentou máis de cinco puntos, pasando do 18% de 1999 ao 22,6% actual e mesmo ameazando a segunda praza do CDU no reconto definitivo.

O SPD quedou nunha posición comoda ao poder elixir aos seus compañeiros de goberno entre Os Verdes, quen mantiveron o tipo e baixaron unhas decimas, quedando no 9,1%, a pesares das novas disputas internas orixinadas pola guerra de Afganistán; os liberais da FDPque perderan a representación no 99 e agora acadan o 9,9% ou mesmo cos excomunistas. O éxito do SPD aparece moi vinculado á figura do seu líder Klaus Wowereit, un dirixente en ascenso dentro do partido.

A decisión do SPD pode ser un indicio das preferencias cara o goberno federal resultante das eleccións a celebrar dentro de 11 meses. Con Schröder recuperando popularidade , o FDP pretende substituír aos Verdes como socio na coalición gobernante. Pola contra a CDU de Angela Merkel verase inmersa de novo en fortes discrepancias internas tras o estrepitoso fracaso e a súa dirixente será criticada con forza por non ser quen de impoñer unha renovación na organización local do partido.

O PDS tamén entra neste movemento de alianzas. Coñecidos os resultados, o seu líder, o popular Gregor Gysi, ofreceuse a cogobernar a cidade de 3,5 millóns de habitantes. A diferencia de hai dous anos Schröder non rexeitou esta posibilidade aínda que semella ben complicada.

O persistente apoio na banda oriental da capital federal ao PDS acadou nesta ocasión uns resultados esmagadores e mesmo bordeou a maioría absoluta co 47,9 %. As diferencias entre as dúas metades de Berlín son ben elocuentes: O SPD acadou o 33,6 no oeste e baixou ao 24,2 no leste; os Verdes e o FPD pasaron do 12% ao 6%. Máis espectacular foi o caso da CDU, mentres no oeste acadaba o 31% no leste reducía a porcentaxe ata o 12,1 %.

Doce anos despois o sistema de partidos segue sen unificarse na Alemaña unida. O persistente apoio popular ao PDS pon sobre a mesa de debate tanto o resultado dunha apresurada unificación coma a división existente entre a esquerda alemana cando menos na banda oriental ou mesmo a necesaria reconsideración sobre moitas valoracións interesadas que se teñen feito sobre o réxime da RDA.