Especial Irán 2026: Nota de coxuntura Internacional 5
Imaxe dun vídeo tipo Lego-Explosive Media.

De mísiles a memes: a guerra cultural entre Irán e Estados Unidos

Mentres continúan as operacións militares e se intensifica a confrontación entre Irán, Estados Unidos e Israel, a guerra non se libra unicamente no plano estratéxico ou territorial. En paralelo, despregase unha batalla menos visible pero igualmente decisiva: a disputa polo control do relato no entorno dixital. A través de formatos aparentemente triviais —como vídeos animados de estética simple e alto potencial viral—, os actores implicados procuran non só influír na percepción internacional do conflito, senón tamén redefinir o seu significado, os seus protagonistas e as condicións baixo as que poderá interpretarse o seu desenlace.
Apartados xeográficos Oriente Médio Estados Unidos

Nos conflitos contemporáneos, a superioridade militar xa non garante a vitoria. Nos termos do que o analista militar Frank Hoffman definiu como “guerra híbrida”, onde o militar e o informativo se entrelazan, o conflito actual amosa ata que punto a comunicación é xa unha fronte decisiva.

Neste terreo, aparentemente banal pero profundamente estratéxico, os vídeos animados —incluídos os coñecidos como “vídeos tipo Lego”— convertéronse en ferramentas de influencia global.

Lonxe de seren simples pezas propagandísticas improvisadas, estes contidos forman parte dunha arquitectura comunicativa sofisticada. A antropóloga iraniana Narges Bajoghli amosou como o aparato mediático vinculado ao Estado iraniano —especialmente arredor do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica— leva décadas investindo en produtoras, formación audiovisual e estratexias narrativas. A novidade non é a propaganda, senón a súa mutación.

O cambio máis relevante é xeracional. Fronte á estética tradicional do réxime —solemne, relixiosa, centrada no martirio— emerxe agora unha linguaxe visual adaptada á cultura dixital global: animacións coloridas, ritmos de rap, mensaxes simples e altamente compartibles. Non buscan persuadir mediante argumentos complexos, senón activar emocións rápidas: humor, ridiculización, identificación.

Neste contexto, os vídeos tipo Lego cumpren unha función clara: simplificar a guerra e facela consumible en clave dixital. Reducen o conflito a unha narrativa visual accesible para públicos que non consumirán análises xeopolíticas extensas, pero que si conectan con secuencias breves, música recoñecible e códigos emocionais de rápida circulación.

Porén, o máis interesante non é o formato, senón o contido. Nestes vídeos, a figura de Donald Trump aparece sistematicamente representada como un “bully”: arrogante, impulsivo e illado. Nalgunhas pezas, móstrase contactando con líderes europeos como Keir Starmer, Emmanuel Macron ou Friedrich Merz, quen —tras colgar o teléfono— reaccionan con indiferenza ou mesmo burla. A mensaxe é inequívoca: Estados Unidos está só.

Nalgunhas das pezas que circularon recentemente, esta construción do adversario apóiase ademais nun repertorio verbal e musical recoñecible para audiencias novas. As letras, sobre bases de rap, recorren a rimas simples como “loser”, “come closer”, “you’re a poser” ou “liar”, acompañadas de imaxes sinxelas e moi pouco texto. Xunto a isto, introdúcense referencias a acusacións previas contra Trump, como os seus vínculos co caso Epstein ou a contradición entre a súa promesa de evitar novas guerras e a súa implicación actual no conflito. O obxectivo non é só desacreditar ao adversario a nivel internacional, senón tamén incidir sobre públicos novos estadounidenses, máis permeables a estes códigos que a análises complexas.

Este enfoque non é casual. A estratexia parece orientarse a expoñer as contradicións do adversario máis que a recorrer a ataques directos contra símbolos universais. Non precisa facelo. A estratexia iraniana consiste en deixar que sexa o propio Trump quen erosione a súa lexitimidade internacional. O seu comportamento —incluíndo episodios recentes nos que se representou a si mesmo cunha estética próxima á iconografía cristolóxica antes de retirar ditas imaxes tras a polémica— reforza a narrativa iraniana sen necesidade de amplificación externa.

Aquí reside unha das claves desta guerra cultural: a asimetría narrativa. Mentres Irán constrúe unha imaxe de si mesmo como actor racional, moderno e tecnoloxicamente adaptado, o seu adversario proxecta, en ocasións, unha imaxe de desmesura e imprevisibilidade. Isto permite a Teherán disputar un terreo onde historicamente foi feble: a percepción global.

Como sinalou o historiador e analista iraniano Arash Azizi, estas narrativas non se dirixen a unha única audiencia, senón que operan simultaneamente en varios niveis: interno, rexional e global. Os vídeos non só buscan influír na opinión pública internacional, senón tamén reforzar a cohesión interna e enviar mensaxes á diáspora iraniana, cada vez máis fragmentada. Este desprazamento ten implicacións tamén na diáspora iraniana. Figuras como Reza Pahlavi, o príncipe herdeiro no exilio, ou Masih Alinejad, activista polos dereitos das mulleres, apoiaron abertamente a estratexia de presión occidental.

Porén, este posicionamento pode xerar un efecto contraproducente. En distintos sectores iranianos, tanto dentro como fóra do país, percíbese con incomodidade, incluso con aberto rexeitamento, o seu apoio a accións militares que afectan á poboación civil.

O risco, en termos políticos, é evidente. Ao aliñarse con potencias percibidas como agresoras, estes sectores poden quedar deslexitimados tanto dentro como fóra de Irán. A narrativa do réxime, que os presenta como instrumentos de intereses estranxeiros, gaña así credibilidade.

Neste escenario, a batalla polo relato adquire unha dimensión estratéxica central. Non se trata só de quen ten razón, senón de quen logra impor a súa interpretación dos feitos. E nese terreo, os vídeos aparentemente triviais —os memes, as animacións, as pezas virais— convértense en vectores de influencia máis eficaces que moitos discursos oficiais.

A guerra en Oriente Medio segue sendo, sen dúbida, unha guerra de mísiles, alianzas e equilibrios de poder. Pero é tamén, cada vez máis, unha guerra de imaxes. E nese campo, onde a velocidade importa máis que a profundidade, Irán demostrou unha capacidade de adaptación que moitos dos seus adversarios aínda non remataron de comprender.