Esta entrevista fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Luis Bará, Portavoz de acción exterior do BNG

Entrevista a Luis Bará, Voceiro de infraestrututuras, medio ambiente e acción exterior e cooperación do BNG

1. O mundo cambiou moito desde 1997. Que acontecementos ou procesos galegos ou internacionais destacaría?

No ámbito galego, o proceso de estancamento do autogoberno e a recentralización, que se insire nun proceso máis amplo de concentración de poder político, económico e financeiro en Madrid. Esta deriva centrípeta deixa a Galiza sen instrumentos de defensa e impulso no ámbito económico, social ou cultural, e explica a evolución negativa que sofre o noso o país desde o punto de vista demográfico, industrial, laboral, lingüístico… Precisamos poder político e capacidade de decisión para mudar o rumbo e comezar a sentar as bases dunha nova Galiza, forte, viva, libre e con futuro.

No plano internacional estamos asistindo a un proceso acelerado de transformacións, alimentado polas crises sucesivas, cuxas manifestacións máis visíbeis son a cada vez maior concentración de poder e riqueza, o incremento das desigualdades, a perda de dereitos e liberdades. A emerxencia do feminismo e o ecoloxismo como movementos sociais masivos son fenómenos tamén salientábeis. E as mudanzas no ámbito xeopolítico, coa perda da hexemonía dos USA e os seus satélites, e a evolución cara un mundo multipolar. Neste contexto é especialmente preocupante a perda de peso e influencia da UE, que renunciou a ser un actor protagonista na escena internacional e asumiu o papel de paria, ao servizo da OTAN e dos USA. Unha dependencia pola que pagamos un alto prezo e que crea un escenario de incerteza e inestabilidade no futuro inmediato.

2. 40 anos do Estatuto, 25 da creación da Secretaría Xeral de Acción Exterior: cal é o balance?

O balance é pobre e, ademais, cunha evolución minguante: aquela Secretaría Xeral de Acción Exterior ficou reducida a unha simple Dirección Xeral que nin é dirección nin é xeral. Perdeu peso político e capacidade de coordinación e impulso do goberno. Non existe nin vontade política, nin medios nin unha axenda de prioridades na política exterior galega. A renuncia da Xunta a formar parte da CPLP foi a expresión máis clara da subordinación e submisión da acción exterior do actual goberno galego.

3. E desde o balance, canta marxe queda, dentro do Estatuto, para desenvolver máis a acción exterior de Galiza?

A marxe é cada vez máis reducida, sobre todo despois da aprobación da lei 2/2014 da Acción e o Servizo Exterior do Estado. O control preventivo por parte do Estado (Departamento de Exteriores) da política exterior ten como finalidade “domesticar” a acción exterior das “comunidades autónomas”, guión que o goberno galego seguiu ao pé da letra. Aínda así, o exemplo de Euskadi ou Catalunya demostra que -malia este marco limitado- outra acción exterior é posíbel.  

4. Que prioridades e desafíos inmediatos ten a política pública de acción exterior en Galiza?

As prioridades inmediatas deben ser: crear unha nova estrutura institucional que lle dea peso político e centralidade á Acción Exterior e que permita un maior nivel de coordinación institucional, fortalecer as relacións con Portugal e a Lusofonía (incluíndo o desenvolvemento efectivo da Lei Paz Andrade e a creación do Observatorio da Lusofonía), e definir unha estratexia clara de defensa dos intereses de Galiza en Europa.

5. Que prioridades e desafíos de medio e longo alcalce ten a política pública de acción exterior en Galiza?

Os cambios no organigrama institucional deben ir acompañados do impulso dos mecanismos de participación (redefinición do CAEX) e da aprobación dunha verdadeira Estratexia Galega de Acción Exterior dotada de medios e plans plurianuais de actuacións, medíbeis e avaliábeis. Entre as principais liñas de actuación estarán: a creación de estruturas de formación en relacións exteriores e paradiplomacia; o fomento da coordinación e complementariedade entre institucións (Xunta, concellos, deputacións, Universidades, terceiro sector…); o impulso da presenza de Galiza, con voz propria, en foros e redes internacionais a favor da paz, a diversidade cultural e lingüística, os dereitos humanos, a ciencia e o coñecemento, a ecoloxía…; a definición das prioridades por áreas xeográficas e a implementación de plans para cada unha delas (Lusofonía, Europa, Latinoamérica, Norteamérica; Asia e Pacífico…);  a internacionalización das empresas e da economía galega; a creación da marca país; a creación dun organismo de promoción da lingua e a cultura galega no exterior…

6. Europa, Eurorrexión, Lusofonía, Diáspora, internacionalización empresarial e académica… Mais no desenvolvemento da lei de acción exterior que papel pode xogar o Xacobeo?

O Xacobeo pode cumprir un importante papel da promoción da imaxe internacional de Galiza, e para iso hai que inserilo na idea da marca país, xunto coa identidade nacional, a tradición, a paisaxe, a creatividade, a innovación, a moda ou o deporte. Ten que evolucionar de produto turístico descontextualizado a unha especie de carta de presentación dun país con historia, dinámico e con futuro. Ademais dun camiño de ida ten que actuar como un camiño de volta, que teña retorno no plano inmaterial como plataforma de promoción da cultura e da identidade galega, do noso xeito de ser e estar no mundo.