O mapa ilustra a localización da cidade de Mai Cadera, onde tivo lugar o masacre do 9 de novembro. Fonte: CNN

Etiopía: Guerra civil e catástrofe humanitaria

O conflito armado en Etiopía iniciouse o pasado 4 de novembro, cando o primeiro ministro, Abiy Ahmed, declarou que tomaría medidas contra o Fronte Popular de Liberación de Tigré (TPLF), o partido político que goberna a rexión do mesmo nome, situada no norte do país. Dende entón, as consecuencias dos combates continúan a agravarse, aínda que é cedo para asegurar con certeza o desenlace (e as consecuencias) das hostilidades.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

O conflito armado en Etiopía iniciouse o pasado 4 de novembro, cando o primeiro ministro, Abiy Ahmed, declarou que tomaría medidas contra o Fronte Popular de Liberación de Tigré (TPLF), o partido político que goberna a rexión do mesmo nome, situada no norte do país. Dende entón, as consecuencias dos combates continúan a agravarse, aínda que é cedo para asegurar con certeza o desenlace (e as consecuencias) das hostilidades.

Causas do conflito

É preciso ter en conta que a relación entre o goberno federal de Adís Abeba e o TPLF levaba tempo deteriorándose. O principal motivo das tensións veu dado pola chegada de Abiy Ahmed ó goberno etíope en abril de 2018, cando foi elixido como primeiro ministro.

En tempos, o TPLF fora unha das principais forzas políticas en Etiopía. De feito, lideraba a coalición gobernante durante a guerra contra Eritrea, país veciño, entre os anos 1998 e 2000. Este dato é importante, posto que, de se dar o caso da internacionalización do conflito, o goberno de Asmara probablemente tomase posición en contra do TPLF.

Con todo, o elemento máis destacado entre as raíces do actual conflito é a posposición das eleccións nacionais que estaban previstas para o mes de agosto. Porén, en xuño, o parlamento etíope decidiu alongar o mandato do goberno por mor da pandemia. A extensión destes límites constitucionais ó mandato xustificáronse mediante a seguridade fronte o temor provocado pola COVID-19[i].

Na rexión de Tigré, gobernada pola oposición, esta medida suscitou opinións moi contundentes. Tanto foi así, que o goberno federal decidiu celebrar uns comicios propios (non autorizados polo goberno central) o 9 de setembro. Este xesto de desafío foi, loxicamente, mal recibido por Adís Abeba, que o estimou ilegal. Pouco despois, o TPLF declarou que non recoñecía o goberno de Ahmed, nunha serie de intercambios similares entre as dúas partes.

As tensións seguiron escalando durante semanas, con correspondentes aumentos na presencia militar próxima ás fronteiras da rexión federal de Tigré[ii]. Neste sentido, tal vez o estalido do conflito fora predicible. O goberno rexional avisou á poboación de que debía prepararse para a guerra, mentres que o executivo de Ahmed cualificou o TPLF como “grupo terrorista”[iii].

Finalmente, o TPLF ataca unha base militar o día 4 de novembro, o que dá comezo ó inicio formal das hostilidades.

O desenvolvemento das hostilidades

O 4 de novembro é un día clave para este conflito. Nesta xornada, un grupo armado supostamente afiliado ó TPLF ataca unha base militar pertencente ó Comando Setentrional da Forza de Defensa Nacional Etíope (ENDF) en Mekelle, capital da rexión de Tigré. Durante o ataque falecen varias persoas[iv].

É este feito o que marca o inicio da resposta militar por parte do goberno central. O executivo de Ahmed corta as comunicacións na rexión (internet, teléfono), e declara un estado de emerxencia de seis meses de duración en Tigré[v]. Mentres, o TPLF procede a limitar estritamente os movementos, incluíndo voos e transporte por carreteira[vi].

Ante todo, dicir que é difícil obter información pormenorizada por distintos motivos. Un deles é o corte das comunicacións e a fiabilidade limitada de certas fontes. Outro é o limitado acceso de medios e expertos internacionais á zona, estritamente controlada polo exército etíope.

Un dato relevante para comprender a verdadeira dimensión deste conflito armado remítese á constitución Etíope, segundo a cal os gobernos federais teñen dereito a manter e xestionar as súas propias forzas policiais e de seguridade. Tendo isto en conta, é factible inferir que o TPLF contaba cun número relevante de forzas paramilitares dentro da súa propia estrutura institucional, ademais do apoio de varias milicias locais[vii].

Porén, as hostilidades non só tiveron lugar na rexión de Tigré, senón que se estenderon cara o sur, chegando ate a rexión veciña de Amhara. O TPLF admitiu bombardear varios postos e cidades fóra da área que controlaba[viii], o que instou a varias milicias amháricas a unirse ás tropas da ENDF.

Un dos incidentes máis soados (tendo sempre presente a limitación da información dispoñible) foi o masacre, o 9 de novembro, de Mai Cadera, unha cidade situada ó oeste de Tigré. Varios centos de civís foron atacados con armas brancas (machetes, coitelos e machadas) poucas horas antes de que a ENDF tomara a cidade[ix]. Os culpables están aínda por determinar.

Varias axencias internacionais levan advertindo, dende o inicio das hostilidades, do alarmante número de baixas de non combatentes e da máis que probable comisión de crimes de guerra.

images ethiopia1

O mapa ilustra a localización da cidade de Mai Cadera, onde tivo lugar o masacre do 9 de novembro. Fonte: CNN

Segundo varios informes de medios presentes na zona, as forzas armadas etíopes afirman ter control sobre Mekelle, a capital rexional, despois de varias semanas de ataques aéreos e rápidos avances por terra.

Por outra parte, o TPLF afirma estar en proceso de organizar un movemento insurxente, co obxectivo de recuperar o control en Tigré. O primeiro ministro Ahmed afirmou publicamente que o TPLF non ten os medios precisos para articular unha insurrección que poida representar un perigo, cualificando ó grupo de “pandilla criminal”[x].

A principal preocupación agora é a resiliencia que poida demostrar o TPLF na súa loita de insurrección. E, tamén, se ao facer isto cabe a posibilidade de que reavive unha serie de conflitos subxacentes na rexión, principalmente de natureza fronteiriza.

Unha crise humanitaria

A verdadeira dimensión das consecuencias humanitarias que o conflito en Tigré demostrará nas próximas semanas e meses aínda está por calcular. Non obstante, todo parece indicar que se trata dunha grave crise de difícil xestión, debido á falta de recursos nunha rexión con diversos problemas endémicos, como a fame e certas enfermidades.

En pouco máis dun mes de hostilidades, o número de persoas que vive sen acceso a vituallas básicas (alimentos, electricidade, auga potable) xa é alarmante. Tamén preocupa a escaseza de medicamentos e material médico, polo que os profesionais sanitarios vense moi limitados á hora de atender as necesidades da poboación.

O principal problema a este respecto é o bloqueo que as autoridades etíopes están a impoñer ós traballadores das ONG e de Nacións Unidas, que non poden levar a cabo tarefas de axuda humanitaria porque non teñen permitido acceder ás zonas máis difíciles[xi].

Os movementos de persoas ó redor da fronteira con Sudán preocupan particularmente ás axencias humanitarias, que contan ós desprazados por decenas de miles. Outro dato alarmante é que, segundo estimacións das Nacións Unidas, o 45% das persoas desprazadas polo conflito son menores de idade[xii].

Segundo datos de Amnistía Internacional[xiii], só na rexión de Tigré cóntanse máis de 100.000 desprazados internos, e arredor de 850.000 persoas están necesitadas de algún tipo de axuda humanitaria. Nas últimas semanas, máis de 50.000 cidadáns etíopes deron cruzado a Sudán, quedándose preto da fronteira por temor a seres internados nun campo de refuxiados e non poder retornar ao seu país.

images ethiopia2

Imaxe que amosa o movemento de poboación con orixe na rexión de Tigré, no norte de Etiopía. O principal destino destas persoas é a fronteira con Sudán. Fonte: DW

Conclusión

De se prolongar, o conflito en Etiopía podería ter importantes (e negativas) implicacións para o Corno de África, unha parte do continente castigada por ameazas á seguridade como o terrorismo, a inseguridade alimentaria, epidemias e inestabilidade política, por nomear só algunhas.

Aínda está por ver o total e verdadeiro desenvolvemento das hostilidades, pero é sensato pensar que nas próximas semanas e meses desvelarase moita máis información sobre o proceso da que hai dispoñible nestes momentos. Caberá esperar un reconto de baixas considerable, así como a verdade sobre o alcance da colosal crise humanitaria que o conflito está a xerar na rexión e dentro do propio país.

A principal preocupación deberá ser, ademais de atender as necesidades básicas da poboación, a posibilidade de que o TPLF pase a ser un movemento insurxente perdurable. Que desapareza tras o conflito ou siga a presentar batalla nun contexto asimétrico ou de guerrilla vai ser un factor que determine gran parte do panorama de seguridade en Tigré e arredores.


[i] UN News. (7/12/2020). ‘Quickly restore the rule of law’ in Ethiopia’s Tigray, urges Guterres (news.un.org). Dispoñible en: https://news.un.org/en/story/2020/12/1079472 [Consultado a 9/12/2020]

[ii] HRW. (13/11/2020). Ethiopia: Protect people as Tigray crisis escalates (hrw.org). Dispoñible en: https://www.hrw.org/news/2020/11/13/ethiopia-protect-people-tigray-crisis-escalates [Consultado a 12/12/2020]

[iii] UN News. (8/12/2020). Ethiopia: UN concern mounts over shortages, child welfare, in ongoing Tigray crisis (news.un.org). Dispoñible en: https://news.un.org/en/story/2020/12/1079562 [Consultado a 9/12/2020]

[iv] AI. (11/12/2020). Ethiopia: International humanitarian aid must be allowed into Tigray refugee camps amid food shortage warning (amnesty.org). Dispoñible en: https://www.amnesty.org/en/latest/news/2020/12/ethiopia-international-humanitarian-aid-must-be-allowed-into-tigray-refugee-camps-amid-food-shortage-warning/ [Consultado a 12/12/2020]

[v] Human Rfghts Watch [HRW]. (25/11/2020). Q&A: Conflict in Ethiopia and International Law (hrw-org). Dispoñible en: https://www.hrw.org/news/2020/11/25/qa-conflict-ethiopia-and-international-law [Consultado a 12/09/2020]

[vi] Mules, I. (2020).

[vii] HRW. (25/11/2020).

[viii] The Guardian. (14/11/2020). Ethiopia: Leaders of Tigray region admit they attacked neighbouring Amhara (theguardian.com). Dispoñible en: https://www.theguardian.com/world/2020/nov/14/ethiopia-says-tigray-region-forces-fired-into-neighbouring-amhara [Consultado a 12/12/2020]

[ix] Amnesty International [AI]. (12/11/2020). Ethiopia: Ivestigation reveals evidence that scores of civilians were killed in massacre in Tigray estate (amnesty.org). Dispoñible en: https://www.amnesty.org/en/latest/news/2020/11/ethiopia-investigation-reveals-evidence-that-scores-of-civilians-were-killed-in-massacre-in-tigray-state/ [Consultado a 12/12/2020]

[x] UN News. (7/12/2020). ‘Quickly restore the rule of law’ in Ethiopia’s Tigray, urges Guterres (news.un.org). Dispoñible en: https://news.un.org/en/story/2020/12/1079472 [Consultado a 9/12/2020]

[xi] HRW. (13/11/2020). Ethiopia: Protect people as Tigray crisis escalates (hrw.org). Dispoñible en: https://www.hrw.org/news/2020/11/13/ethiopia-protect-people-tigray-crisis-escalates [Consultado a 12/12/2020]

[xii] UN News. (8/12/2020). Ethiopia: UN concern mounts over shortages, child welfare, in ongoing Tigray crisis (news.un.org). Dispoñible en: https://news.un.org/en/story/2020/12/1079562 [Consultado a 9/12/2020]

[xiii] AI. (11/12/2020). Ethiopia: International humanitarian aid must be allowed into Tigray refugee camps amid food shortage warning (amnesty.org). Dispoñible en: https://www.amnesty.org/en/latest/news/2020/12/ethiopia-international-humanitarian-aid-must-be-allowed-into-tigray-refugee-camps-amid-food-shortage-warning/ [Consultado a 12/12/2020]