Do 10 ao 12 de xuño debería terse celebrado nos EUA un cumio de líderes do G-7. Donald Trump, que ostenta a presidencia temporal do grupo (Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Francia, Alemaña, Italia e Xapón), barallou a posibilidade de realizala de forma presencial e non virtual, como a última, pero, finalmente, os receos europeos, especialmente de Alemaña, obrigaron a aprazar o encontro para setembro, como moi pronto, antes en todo caso das eleccións estadounidenses do 3 de novembro.
Do 10 ao 12 de xuño debería terse celebrado nos EUA un cumio de líderes do G-7. Donald Trump, que ostenta a presidencia temporal do grupo (Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Francia, Alemaña, Italia e Xapón), barallou a posibilidade de realizala de forma presencial e non virtual, como a última, pero, finalmente, os receos europeos, especialmente de Alemaña, obrigaron a aprazar o encontro para setembro, como moi pronto, antes en todo caso das eleccións estadounidenses do 3 de novembro.
Nese contexto, Trump anunciou tamén a súa intención de dar cabida a un grupo de países máis “representativo” da situación económica actual, isto é: Rusia, Australia, India e Corea do Sur, excluíndo a China, naturalmente. Angela Merkel expresou a súa desconformidade coa idea de levar de volta a Rusia ao rego (obrigada a abandonar o grupo en 2014 pola anexión de Crimea), argumentando que os EUA non teñen dereito a alterar o mecanismo do G7 pola súa conta. En paralelo, Berlín intensifica o diálogo con Beijing, tanto a nivel da presidencia como do Consello de Estado con videoconferencias cada vez máis frecuentes.
O G7 leva tempo ferido de morte. A raíz da crise de 2008, o G20 asentouse como unha estrutura moito máis representativa e diríase que igual de pouco eficiente. O unilateralismo de Trump, que recentemente abandonou a OMS e o Tratado de Ceos Abertos á vez que tenta resucitar o delirio atómico co reinicio das probas nucleares, está a orixinar un cisma profundo na alianza transatlántica. En Bruxelas, os pronunciamentos a prol de alentar unha “autonomía estratéxica” ou a negativa a embarcarse nunha reedición da guerra fría contra China, súmanse ás reservas expresadas na orde da política interna estadounidense (dende o combate á pandemia ata a resposta ás mobilizacións en contra do racismo).
A “desactualización” que Trump invoca para alargar o G7 ata un G10 ou G11, é un novo embarque da Casa Branca de futuro incerto. Sen dúbida, sobrevalora a súa capacidade para impoñer unha axenda xeopolítica marcada pola confrontación coa China sen contar co parecer dos seus aliados mais directos, que en boa medida están a outra cousa. Na propia Asia, Xapón, por exemplo, debe adoptar este ano decisións cruciais a propósito do TLC a rubricar con Corea do Sur e a China e tamén a participación na Asociación Económica Integral Rexional. Esta filigrana que se borda en Oriente consolidando a integración comercial contrasta cos intentos estadounidenses de contención a toda costa a través de estratexias como a do Indo-Pacífico, ideada para conxurar as novas rutas da Seda. Se este ano, coa presidencia alemá da UE se asina o tratado bilateral de investimentos China-UE, o illamento de Washington subirá varios chanzos de golpe. A capacidade de liderado dos EUA está baixo mínimos, co seu poder brando en caída libre.
Todos saben que nesta altura para Trump este mecanismo do G7 só ten un valor: impulsar a súa axenda anti-China; pero o resto de países non están na loita pola hexemonía senón por seguir encarando os grandes problemas propios e da sociedade internacional, dende o desenvolvemento ata as epidemias que virán, o cambio climático ou a revolución tecnolóxica, aspectos que requiren imperiosamente da cooperación internacional. Para todos eles, China seguirá sendo un socio vital que ninguén pode pasar por alto, particularmente nun momento en que a economía global enfronta unha presión sen precedentes Esa bifurcación de intereses acentuarase cada vez máis. Non estrañe, pois, que Trump, se as cousas non van como el quere, dea a sorpresa e nos anuncie tamén o próximo abandono do G7.