Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"

Galicia e Axenda 2030: “Think global, Act local”

A cada vez mais mainstream Axenda 2030 está concibida como unha estratexia global para traballar conxuntamente a través das 17 dimensións identificadas (os 17 ODS) no camiño do desenvolvemento sostible. Mais a pesar de ter esa ambición global, trátase, en esencia, dunha axenda ben centrada na actuación local, no nivel de descentralización mais baixo que poida emprender accións centradas que inflúan sobre o día a día das persoas e o entorno que nos rodea.

Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

A cada vez mais mainstream Axenda 2030 está concibida como unha estratexia global para traballar conxuntamente a través das 17 dimensións identificadas (os 17 ODS) no camiño do desenvolvemento sostible. Mais a pesar de ter esa ambición global, trátase, en esencia, dunha axenda ben centrada na actuación local, no nivel de descentralización mais baixo que poida emprender accións centradas que inflúan sobre o día a día das persoas e o entorno que nos rodea.

Por iso, é tan importante que os diferentes niveis de goberno asuman esta axenda como propia, interiorizándoa e establecendo unha simbiose entre a súa iniciativa e os principios que se desprenden desta, para camiñar conxuntamente na consecución das 169 metas proxectadas de aquí ao 2030.

Esta permeabilización dos ODS tanto ás institucións como á sociedade civil é cada vez mais perceptible: en eventos e cumios internacionais, en comunicación política (só hai que ver que o cargo de “Vicepresidencia de Asuntos Sociais e Axenda 2030” que ostenta Pablo Iglesias no Estado español) e mesmo en museos ou centros educativos podemos atopar referencias e paneis que divulgan o significado de este gran acordo.

Deste xeito, os dous últimos anos foron especialmente frutíferos para avanzar, por unha parte, na difusión da axenda e, por outra, no deseño da súa gobernanza no Estado español nos seus diferentes niveis de goberno. O pasado 29 de xuño de 2018 aprobouse o Plan de Acción do Goberno como guía para a transición ata o deseño dunha axenda integral de desenvolvemento sostible para o período 2030. Publicando hai uns meses un extenso Informe de Progreso sobre a súa posta en marcha e os pasos a seguir para continuar coa súa implementación nos próximos anos.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia aprobou, o pasado 31 de outubro, a creación dunha ‘Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 en Galicia’ para o control do progreso desta Axenda, adscrita á consellería titular das competencias en materia de sustentabilidade ambiental, que será a encargada do seu seguimento e cumprimento en Galicia[1].

A aparición deste órgano é o primeiro gran paso dende a publicación do informeLa implantación de la Agenda 2030 de Desarrollo Sostenible en La Xunta de Galicia: Principales implicaciones y propuestas” do ano 2018, elaborado por un grupo de investigación da Universidade Complutense de Madrid dirixido polo distinguido profesor José Antonio Alonso, que buscaba identificar as posibilidades de adaptación da Axenda e os ODS á capacidade de actuación da Xunta de Galicia e as implicacións que tería este proceso.

Así mesmo, está prevista a creación dunha “Axenda 2030 de Galicia”, a cal incluirá un “exhaustivo diagnóstico da situación ambiental e social, así como o desenvolvemento dunha batería de indicadores adaptados a Galicia en base aos establecidos pola ONU[2] e deberá integrar a Axenda Global aprobada polas Nacións Unidas co rumbo elixido para nosa comunidade para os próximos 10 anos.

Para este punto semellan chave as vindeiras eleccións á Xunta de Galicia, previstas para o 5 de abril pero pospostas pola crise do coronavirus, da conformación do novo equipo de goberno e do papel (rango competencial) que se lle dará ao compromiso pola Axenda se desprenderá a capacidade de mobilización dos recursos necesarios para a súa posta en marcha.

Se observamos o deseño da gobernanza a nivel local, dende a aprobación da Axenda 2030 no ano 2015, foron sucedéndose as diferentes “Axendas Urbanas” como guías para introducir esta na xestión das corporacións locais e das cidades: primeiro chegou a “Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas” no ano 2017, para este curso referendarse a “Axenda Urbana para a Unión Europea[3]” coa Declaración de Bucarest, e a “Axenda Urbana Española”, desenvolvida polo antigo Ministerio de Fomento, construída a partir da identificación dos seguintes 10 obxectivos estratéxicos:

 

Fonte: Axenda Urbana Española (2019)

Todos e cada un destes dez obxectivos están vinculados co ODS nº11 (CIDADES E COMUNIDADES SOSTIBLES), e se asocian a 72 indicadores de seguimento (35 de eles cualitativos e outros 37 cuantitativos) para medir os resultados da aplicación desta axenda en relación coa “calidade de vida, a sostenibilidade urbana e da preparación das cidades para afrontar os retos do futuro” (Axenda Urbana Española 2019).

Esta axenda urbana española sintetiza nun documento (de carácter orientativo e non normativo) unha serie de principios, establece un método de traballo e un proceso aplicable a todos os actores (tanto públicos como privados) que teñen presenza nas cidades ou vilas, co fin de acadar esa sustentabilidade nas cidades que, se cabe en Galiza coa grande emigración do rural cara estas, cobra aínda máis importancia para o noso futuro próximo.

Asumindo a realidade de que a Axenda 2030 vai do global ao local, un estudo realizado polo goberno vasco para implantar a Axenda 2030 no seu Plan Estratéxico e como guía para todos os concellos de Euskadi, establece que ata 80 das 169 metas teñen un alcance directamente municipal, e case a metade dos indicadores de medición e progreso da Axenda (110 de 232) teñen un alcance que é posible medir dende o local[4].

Dende a reestruturación e a conformación do novo goberno do Estado español, esta “Axenda Urbana Española” xa ostenta un rango ministerial directo no antigo “Ministerio de Fomento”, agora denominado “Ministerio de transportes, movilidad y agenda urbana”, titularidade de Jose Luís Ábalos, quen debe traballar en colaboración directa coa Secretaria de Estado para a Axenda 2030 rexida por Ione Belarra.

Para contribuír a súa implantación e asegurar a coherencia de todas as actuacións individuais dentro do marco do Plan Estratéxico do Goberno do que falamos anteriormente, e coa idea de transformar os asentamentos humanos en lugares mais respectuosos, este ministerio está axudando a construír un Plan de Acción a todos os axentes que accedan a participar, poñendo material a libre disposición[5] e ofrecendo axuda directa para a súa confección.

Como exemplo de vila pioneira en integrar as recomendacións da ONU para os Asentamentos Urbanos (ONU-Habitat) compre citar o Plan Estratéxico da cidade de A Coruña (CORUÑA PRÓXIMA 2030[6]) promovido polo ex-goberno da Marea Atlántica e asumido polo actual que deberá guiar o crecemento (a todos os niveis) da cidade para a próxima década.

Do mesmo xeito tamén debemos citar o grande recoñecemento nacional e internacional que obtén sempre a cidade de Pontevedra polo seu bo desempeño no referente a construír unha cidade respectuosa tanto coas persoas e como co seu entorno. E por iso o seu alcalde Miguel Anxo Fernández Lores foi convidado recentemente a explicar o seu modelo de cidade a unha xornada celebrada en Madrid: “Axenda Urbana e Cambio Climático”.

Estes son só dous bos exemplos do camiño que o local debe seguir para axudar a acadar as metas globais que proxecta a Axenda 2030. É unha axenda de todas e para todas, e por iso é imprescindible reivindicar, nun mundo cada día mais globalizado, a importancia do local. E non só das grandes vilas, senón tamén de todos e cada un dos pequenos e rurais concellos tan necesarios no noso país para unha relación en harmonía entre comunidades e planeta.

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.


[1] No artigo 4 do DECRETO 142/2019, do 31 de outubro establécense as funcións desta Comisión interdepartamental, atribuíndo principalmente tarefas de xeración de propostas, coordinación dos diferentes departamentos, seguimento da axenda e verificación do cumprimento.

[2] Información do “Informe de Progreso” publicado polo Goberno de España en setembro do ano 2019.

[3] En marcha dende o Pacto de Ámsterdam en 2016, pretende ser “un conxunto coherente de accións impulsadas por parte dos actores europeos clave, destinadas á mellora do pleno potencia das zonas urbanas e a impulsar a súa contribución aos obxectivos comúns, tanto a escala nacional coma europea”.

[4] Agenda Euskadi – Basque Country 2030. “Cómo abordar los Objetivos de Desarrollo Sostenible desde el ámbito local, GUÍA PRÁCTICA”.

[5] En www.aue.gob.es/implementacion no apartado “¿Cómo hacer mi Plan de Acción?” atopamos unha serie de pautas e material para elaborar un Plan de Acción adecuado ás características da institución en función da súa natureza (pública, privada ou terceiro sector).

[6] Documento do Plan Estratéxico “CORUÑA FUTURA 2030” en http://www.coruna.gal/agendaurbana/es