Agenda 2030 Garpen Jasangarrirako Helburuak

Informe de progreso da Estratexia de Desenvolvemento Sostible 2030: “Desafíos para o avance da Axenda en Galicia”

O pasado xullo do ano 2023, o Goberno de España publicou o informe que presenta os avances e desafíos na implementación da Estratexia de Desenvolvemento Sostible 2030 en todo o país. Como ben sabemos, a Axenda 2030 adoptada polas Nacións Unidas en 2015, establece 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) co propósito de abordar os principais desafíos globais, dende a erradicación da pobreza ata a loita contra o cambio climático, e dado que xa pasamos o ecuador dos prazos estipulados para acadar estas transformacións, son necesarios maiores esforzos.

Este documento ofrece unha revisión exhaustiva dos avances logrados ata o momento, así como os obstáculos que aínda deben superarse para materializar a visión dun futuro máis próspero e respectuoso co medio ambiente. En concreto, os grandes retos que afronta o estado Español no seu camiño cara un desenvolvemento sostible e inclusivo estrutúranse no informe en 8 grandes liñas chamados Retos-País:

  • Reto País 1: Acabar coa pobreza e a desigualdade.
  • Reto País 2: Enfrontar a emerxencia climática e ambiental.
  • Reto País 3: Pechar a fenda da desigualdade de xénero e poñer fin á discriminación.
  • Reto País 4: Superar as ineficiencias dun sistema económico excesivamente concentrado e dependente.
  • Reto País 5: Pór fin á precariedade laboral.
  • Reto País 6: Reverter a crise dos servizos públicos.
  • Reto País 7: Pór fin á inxustiza global e ás ameazas aos dereitos humanos, aos principios democráticos e á sustentabilidade do planeta.
  • Reto País 8: Revitalizar o noso medio rural e enfrontar o reto demográfico.

Facendo un moi -demasiado- simple resumo dos avances da Axenda 2030 en España, o informe destaca notables logros a pesar das dificultades económicas e sociais derivadas da pandemia da COVID-19 e da guerra en Ucraína. Menciónanse a redución da taxa de pobreza e exclusión social a niveis inferiores a 2019, o aumento da inversión en sanidade, educación e servizos sociais, a aprobación de políticas como o Ingreso Mínimo Vital ou o aumento do Salario Mínimo Interprofesional, así como o compromiso institucional de España coa transición enerxética e a loita contra o cambio climático.

Non obstante, tamén se identifican certos desafíos pendentes, destacando a persistente desigualdade en España, a pobreza infantil que afecta ao 27,7% dos nenos e nenas, e a urxencia da loita contra a emerxencia climática, que require maiores esforzos na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e na procura de medidas de adaptación aos cada vez mais recorrentes desastres meteorolóxicos que poidan ameazar ao país. No xeral, o informe conclúe que España está no camiño correcto para cumprir cos ODS, pero é preciso acelerar o ritmo dos avances, especialmente na redución da desigualdade, na erradicación da pobreza infantil e na transición enerxética.

O informe recolle tamén os avances específicos de cada unha das comunidades que integran o Estado. Nesta comparación, Galicia está tratando de ir á vangarda da transición cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente en algúns dos ámbitos que compoñen a Axenda 2030 a través de diferentes documentos, como a “Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050” ou a “Estratexia Galega de Economía Circular 2030”, o “V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026”, a nova “Estratexia Galega de Mobilidade”, a “Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX)” ou mesmo a recentemente aprobada “Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia”.

Non obstante, a implementación desta ambiciosa estratexia enfronta unha serie de problemáticas particulares entre as que podemos citar as seguintes:

  • Transición cara a unha economía circular: Galicia debe avanzar na adopción dun modelo económico circular que reduza o consumo de recursos e promova a reutilización, reciclaxe e valorización dos residuos. Iso implica repensar a produción e o consumo para minimizar o impacto ambiental e fomentar prácticas sostibles en todos os sectores.
  • Garantía dunha educación inclusiva e de calidade: No ámbito social, é esencial asegurar unha educación inclusiva e de calidade para todas as persoas, promovendo a igualdade de oportunidades e o acceso á formación ao longo da vida, dende a educación infantil até as etapas universitarias.
  • Mellora da saúde e o benestar da poboación: É necesario impulsar políticas e accións que melloren a saúde e o benestar dunha poboación galega cada vez mais envellecida, garantindo o acceso a servizos de saúde de calidade e promovendo hábitos de vida saudables.
  • Mitigación do cambio climático: O noso país debe enfrontar o desafío de reducir significativamente as emisións de GEI para acadar a neutralidade de carbono no ano 2050. Iso require a promoción de enerxías limpas e a eficiencia enerxética, así como a implementación de medidas para loitar contra o cambio climático.
  • Conservación e xestión sostible dos recursos naturais: Galicia conta cunha riqueza natural notable, como os seus bosques e recursos mariños. É fundamental garantir a conservación destes ecosistemas e promover unha xestión sostible dos recursos naturais para preservar a biodiversidade e protexer a saúde do entorno. Compre enfocar a estratexia nunha diversificación das especies que se reforestan, considerando non só a captación de CO2 senón tamén outros servizos ecosistémicos. Iso implica non sobreexplotar o modelo do eucalipto e traballar na conservación e restauración doutros ecosistemas, como as zonas húmidas, como as turbeiras e as brañas, para unha compensación máis equilibrada das emisións.
  • Impulso da economía azul e da economía verde e sostible: A rexión debe fomentar o desenvolvemento de sectores económicos sostibles, como todos os relacionados cos sectores relacionados cos océanos como a pesca, a acuicultura ou as actividades navais e portuarias, pero tamén as enerxías renovables, a agricultura ecolóxica, a mobilidade sostible, o turismo responsable. Estas actividades poden e deben xerar emprego e riqueza ao mesmo tempo que respectan o medio ambiente.
  • Fomento da igualdade de xénero e a participación cidadá: Galicia debe traballar no empoderamento das mulleres, promovendo a igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade, especialmente no ámbito rural e traballando coas mulleres de idade avanzada que se atopen en situacións de vulnerabildiade. Ademais, é fundamental fomentar a participación activa da cidadanía na toma de decisións e na implementación de políticas relacionadas coa Axenda 2030.
  • Desenvolvemento da investigación, innovación e tecnoloxía: Para avanzar cara a un modelo sostible, Galicia debe apostar pola investigación, a innovación e o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e eficientes, aumentando a inversión e favorecendo sinerxías entre as diferentes organizacións públicas e privadas que poidan impulsar unha transición cara a un futuro máis sostible.

A implementación da Axenda 2030 en Galicia preséntase como un desafío, pero tamén como unha oportunidade para transformar a rexión cara a un modelo económico e social máis sostible. Se ben, o maior dos desafíos é dotar dunha asignación adecuada de recursos (técnicos, económicos e humanos) para levar a cabo as medidas necesarias para tamaña transformación. É imprescindible un maior compromiso financeiro para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos. Tamén é esencial que as institucións públicas e o sector privado traballen conxuntamente para mobilizar os recursos necesarios e desenvolver políticas efectivas.

En resumo, a implementación da Axenda 2030 en Galicia é un proceso complexo, que require un esforzo conxunto de todos os actores involucrados, tal e como se recolle no derradeiro ODS, o dezasete: Alianzas para lograr os obxectivos.