Ánxela Merkel prometeu facer todo o posible por superar a crise de confianza da institución comunitaria nos seis meses en que ocupará a presidencia rotatoria, que comezou o pasado un de xaneiro. Catro son os principais desafíos que enfronta. O primeiro é o acordo político sobre a modificación do texto orixinal do tratado de constitución da UE rexeitado por Francia e Holanda en 2005. Pero coas eleccións xerais de maio no país galo, a incerteza non pode ser maior. Mentres non se despexe esa incógnita non haberá plan seguro. Sarkozy prometeu o seu apoio a unha versión constitucional simplificada, pero as diferenzas son moitas no socialismo que avala a candidatura de Segolene Royal. Sen clarexar a política francesa e en tan pouco tempo, un acordo estable semella improbable.
O segundo aspecto é a política común de enerxía. A inestabilidade dos subministros rusos polos diferendos con Ucraína antes e con Bielorrusia agora, ameza cun desastre enerxético para a UE. Merkel quer aprobar en marzo un Plan de Acción nesta materia. A súa base debe ser unha política común que non parece doada de establecer. Gran Bretaña e Suecia, por exemplo, promoven a des regulamentación do sector, principio que rexeitan a propia Alemaña e Francia. Por non falar da teima polaca e báltica que nada queren saber do gasoduto que do norte que debe subministrar directamente aos clientes do oeste.
En terceiro lugar, as dificultades ligadas ao alargamento. Coa entrada de Bulgaria e Romanía queda cuberta unha nova fase da expansión. A negociación do ingreso de Turquía dificilmente se reabrirá totalmente baixo a presidencia de Berlín. As perspectivas de arranxo turco-chipriota non son moi optimistas.
A todos estes importantes desafíos debe sumarse a superación da práctica ausencia efectiva nas grandes crises internacionais do momento, desde Oriente Medio a Afganistán e ata Irán. E sen perder de vista, as hipotecas internas que poderían estourar á primeira de cambio, en concreto, nos Balcáns. A maioría albanesa de Cosova podería dar a coñecer unha declaración unilateral de independencia de Serbia se fracasan as negociacións en curso. E conciliar a mellora de relacións con Rusia coa consideración de Ucraína e Xeorxia como "novos veciños" de Europa. Moita cousa para poder con todo. Mesmo para Alemaña.