Mudanzas parisienses

Coa incorporación de Laurent Fabius ao goberno, a "esquerda plural" que levou a Jospin ao Palacio de Mantignon achegase á "terceira vía" de Blair e Schröder. O ex primeiro ministro ocupa agora a carteira de economía e proponse iniciar as reformas necesarias para adaptarse á "nova economía". As claves da remodelación cumpre buscalas nas próximas citas electorais. Ao tempo o dirixente libertario Daniel Cohn- Bendit impulsa a Terceira Esquerda Verde (TGV).
A cuestión "rexional" é outras das preocupacións parisienses. Ás conflictivas conversas sobre a autonomía corsa engadiuse un novo foco de tensión ao producirse a primeira víctima mortal tras un atentado atribuido ao Exercito Revolucionario Bretón (ARB) e a ruptura da tregua que dende hai 18 meses mantiña a organización vasca Iparretarrak.

Os cambios ministeriais teñen mellor compresión si os enmarcamos dentro das estratexias electorais. Jospin, advertido polo rotundo fracaso dos seus colegas españois e o máis levadeiro dos italianos, pretende aproveitar o desconcerto na dereita francesa para aglutinar ás familias do socialismo francés e partir con vantaxe na carreira presidencial. A economía vai ben e a taxa de paro redúcese, mesmo Francia está a substituír á locomotora alemana sen necesidade de renunciar aos postulados máis queridos da tradición republicana da esquerda francesa. Un ministro como Fabius pode acougar as relacións cos "liberais" do PS e iniciar as reformas fiscais encamiñadas á unha reducción de impostos que se estenda a todos os sectores sociais e non só aos traballadores (baixar 1 punto o IVE, reducir o de vivenda e renda) e resolver a cuestión da taxa sobre as "opcións sobre accións" (aumenta un 10% a plusvalía das superiores a un millón de francos, mantense nun 40% as inferiores e redúcese a un 26% as que se conservan durante dous anos). As reformas fiscais iran dirixidas tamén a impedir o branqueo de diñeiro e evitar a sangría que supón a "emigración fiscal" de contribuíntes e empresas que se establecen no estranxeiro para fuxir da presión fiscal.

A confirmación de que os cambios obedecen a unha estratexia electoral, é a substitución do ministro de Educación, Allégre polo ex ministro do período Mitterrand, Jack Lang. A reforma Allégre provocou amplas mobilizacións de profesores e alumnos do bacharelato. O novo ministro, tras catro semanas de conversas cos sindicatos e organizacións estudiantís, decidiu manter só unha pequena parte das reformas propostas polo seu antecesor. Jospin era consciente da necesidade de calmar os excitados ánimos dos profesores e outros funcionarios para poder enfrontar as presidenciais con posibilidades.

Ao tempo o vello líder do Maio do 68, o esquerdista libertario Cohn-Bendit presenta a súa alternativa da Terceira Esquerda Verde (TGV), sigla que coincide coa de Tren de Gran Velocidade para indicar a modernidade e aceleración do proxecto. A proposta dirixida nomeadamente aos sectores xuvenís é unha mestura de diversas doses de individualismo, ecoloxismo e esquerdismo xunto coa preocupación polas tensións internacionais e a busca dun mercado máis ético que limite os efectos da globalización sobre o Terceiro Mundo. Agora pretende consolidar a formula que lle deu un espectacular resultado nas pasadas eleccións europeas nas que se acercou ao 10% dos votos, mesmo superando ao PCF que se quedou no 7%.

A bomba colocada nun establecemento de McDonald´s polo ARB, grupo armado que comezou as súas accións en 1998, causou a morte dunha empregada. O atentado foi criticado tanto por dirixentes do movemento nacionalista de esquerdas Emgann, quen mesmo suspendeu a marcha que organiza dende hai tres anos, como por José Bové, líder da Confédération Paysanne e símbolo da loita contra a Organización Mundial do Comercio.

Aos poucos días noutro establecemento de McDonald´s estouraba outra bomba que provocaba importantes danos materiais. Nesta ocasión foi en Anglet. Con anterioridade Iparretarrak tiña reivindicado a colocación doutro artefacto nunha antiga xendarmería en Lecumberri que se interpreta como unha ruptura da tregua que viña mantendo dende hai ano e medio.

Con rachar a tregua tamén ameazou a Fronte Patriotu Corsu ante a lentitude de París para asumir compromisos concretos. Pola súa banda a FLNC, resultado da fusión de catro organizacións clandestinas, confirmou que mantén o "alto ao fogo" aínda que acusou a Jospin de dilatar o proceso. O primeiro ministro pretende manter unha posición de arbitro e solicitar o acordo das forzas políticas corsas na Asemblea Territorial. Nos primeiros días deste mes celebrouse o debate e a posición favorable a demandar de París o traspaso de competencias lexislativas e fiscais contemplando un futuro referendo sobre o status da illa obtivo 21 votos (de 51). Esta posición é a defendida pola coalición Corsica Nazione e polos liberais do presidente do órgano territorial, José Rossi. Na fronte contraria e con 26 votos, os partidarios que que París non delegue competencias lexislativas xa que abriría as portas á independencia. Esta é a posición defendida polo Partido Radical de Esquerda (PRG), o Partido Comunista e o Partido Socialista, os tres forman parte do goberno de París, e o neogaullista RPR.