DIEGO SANDE VEIGA
Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 31 de outubro do 2023
Eolica Galicia1

Os últimos movementos do sector eólico en Galicia en clave económica

A pesar de que a influencia das enerxías renovables no prezo da enerxía é aínda limitada (este fíxase pola última unidade consumida, habitualmente de combustibles fósiles), a recente proliferación de informacións sobre o sector eólico leva á necesidade de explicar os últimos sucesos que o incumben en clave económica.
Liñas de investigación Economia
Idiomas Galego

A perspectiva europea

A decisión occidental da desconexión dos combustibles fósiles e a aposta retorno pola transición enerxética e pola xeración de electricidade renovable está a atopar acubillo nos corredores das institucións europeas. A situación internacional creada pola guerra da Ucraína e Rusia deu orixe, coa suxestión norteamericana, á aceleración da desconexión do gas de alén dos Montes Urais. Nesa dirección, o Plan REPowerEU (baseado na substitución de antigas infraestruturas enerxéticas por outras novas ou máis eficaces),trasladado por Bruxelas ao Parlamento Europeo e ao Consello de Europa en maio de 2022, sentou as bases da nova estratexia europea. Unha estratexia que pretende a promoción das enerxías renovables asentando sobre a desregulación do sector.  

Neste contexto normativo europeo, o proxecto de lei de orzamentos autonómicos para o ano que vén recollerá a declaración de interese público “superior” da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica. Este regulamento, aprobado polo consello da Xunta a mediados de outubro, afectaría aos parques eólicos de competencia autonómica cuxa data de inicio estivese comprendida entre o 30 de decembro de 2022 e o 30 de xuño de 2024 (así como aqueles que se iniciasen con anterioridade e nos que non recaese resolución definitiva na vía administrativa antes do fin de 2022). Precisamente, a mediados deste ano os gobernos autonómico estatal deron a autorización a 18 instalacións de parques eólicos en Galicia.

As cifras do sector e a propiedade dos medios de produción

Galicia conta con máis de 300 instalacións eólicas (180 parques) repartidas no territorio. A potencia eólica multiplicouse por máis de 7 desde o ano 2000. De acordo co último informe realizado por Deloitte para a Asociación Eólica de Galicia, o sector eólico contaba con 5.436 empregos asociados (3.484 directos), e contribuía ao PIB galego nun 0,6% (+0,24% inducido). A actividade do sector permite cubrir o 54,3% da demanda eléctrica autonómica, e xerar uns ingresos fiscais superiores aos 100 millóns de euros (42,2 para a admón. autonómica e local). Ademais, o uso desta enerxía permite aforrar máis de 250 millóns de euros en combustibles fósiles, evitando que 5,2 millóns de toneladas de CO2 sexan arroxadas á atmosfera.

Se falamos da propiedade dos medios de produción, o sector do vento está en mans de oito empresas en Galicia: Iberdrola (maioría de capital qatarí, con preto de 700 MW instalados), Acciona (capital nipón e da familia madrileña Entrecanales, arredor de 600 MW non compartidos), Enel Green Power (capital italiano de Enel, preto de 500 MW) Eurovento (capital holandés, Tripower), Gas Natural Fenosa (capital de La Caixa, arredor de 300 MW), EDP (capital chinés de Three Gorges e luso, máis de 200 MW), Elecnor (capital vasco, máis de 120 MW) e Norvento (familia Fernández de Casto en Lugo, arredor de 100 MW).

Enerxía eólica - O Pindo
Enerxía eólica – O Pindo

A ausencia de debate

Como case todas as opcións enerxéticas, a eólica presenta as súas vantaxes e desvantaxes. En canto ás primeiras, podemos subliñar a súa condición de renovable, a súa aplicabilidade a diferentes escalas, o impulso ao desenvolvemento tecnolóxico, os baixos custos de mantemento, ou a posible instalación en contornas remotas. Pero esta fonte de enerxía tamén presenta algunhas desvantaxes. Así, a eólica provoca ruídos molestos de baixa frecuencia e efectos sobre a saúde humana e animal, ten impacto ambiental e provoca perturbacións estéticas, ademais de requirir grandes extensións de terra e depender do impredicible clima. 

Non obstante, a urxencia imposta na desregulación do sector dificulta o debate e o desenvolvemento de protocolos máis adecuados para a protección medioambiental, e de quen padece os efectos adversos desta fonte de enerxía. Pero a urxencia tamén provoca a perda de poder de negociación para que os esforzos económicos efectuados, o emprego xerado, os coñecementos e beneficios da innovación necesaria, o excedente do consumidor e o resto de lucros que acompaña a estes grandes investimentos poidan reverter en maior medida no territorio.