presidencia ue

Para que vale unha Presidencia semestral da UE?

De xuño a decembro de 2023 o goberno de España ostenta por quinta vez a Presidencia do Consello da Unión Europea. Desde o Tratado de Lisboa existe un Presidente do Consello Europeo (Charles Michel durante esta lexislatura comunitaria mandato 2019-2024) polo que Pedro Sánchez non é “Presidente da UE” como quixo dar a entender o ministro Albares cando Sánchez se reuniu con Biden. Ainda así, ser o ministro do ramo Estado Membro que preside reunións do Consello (e algo máis importante, os seus altos funcionarios os grupos de traballo previos onde se deciden a maioría dos asuntos) é algo politicamente relevante sobre todo para os Estados con menos influencia na UE pois permite pór novos asuntos sobre a mesa.

En todo caso, isto é só en parte, pois as prioridades do Consello (que xunta o Parlamento é o colexislador comunitario, sendo a Comisión o responsable case exclusivo das iniciativas lexislativas) están acordadas nos documentos chamados do Trio de presidencias1 (no caso español a precedente sueca e a sucesora belga e húngara en 2024) Así as prioridades da Presidencia Española2 están marcadas por ese acordo plurianual, e condicionada polo fin de mandato da Comisión Von der Leyen e do Parlamento en xuño de 2024.

Así, a España correspóndelle tentar pechar no posible a maioría dos dossieres pendentes3 lanzados pola actual Comisión, coma a lexislación arredor do Pacto Verde Europeo, ou a controvertida lexislación sobre a restauración dos espazos naturais (onde os partidos de tradición agrarista moi presentes no Partido Popular Europeo, ao que pertenece Von der Leyen, fan fronte común cos defensores da Política Agrícola Común aínda moi centrada en modelos productivistas contra as propostas da Comisión) e dossieres relacionados coma o paquete “Fit for 55” ou o afondamento na autonomía estratéxica e tecnolóxica da UE, ao calor da emerxencia dunha China e Rusia que cuestionan o orde político e económico mundial da 2ª posguerra mundial e a posguerra fría.

Agora ben, en moitos dossieres prodúcese unha confluencia entre prioridades colectivas e enfoques do Estado que exerza a presidencia nese momento. No caso de España, celébrase coma era xa tradición un novo encontro con América Latina (Cumio UE-CELAC), pero tamén organizará en Granada un cumio o 6 de outubro para dar forma á UE post 2030 con Ucraína e media ducia doutros pequenos Estados do Leste e Balcáns, a segunda parte da grande Ampliación de 2004 que está a ser acelerada pola crise con Rusia. De feito o día anterior celebrarase alí o terceiro cumio da chamada “Comunidade Política Europea” iniciativa de Macron para involucrar na arquitectura política e de seguridade europea a Estados democráticos que non forman parte da UE coma o caso do Reino Unido post Brexit -amais do Consello de Europa, a UNECE da ONU ou de facto a OTAN-.

Esta nova ampliación afecta aos intereses españois pois por un lado España tentará profundizar na gobernanza da Eurozona e a creación dunha rede de seguridade a nivel Europeo que vaia máis alá do acordado en xullo de 2020 no Plan de Recuperación (iniciativa española en boa parte, financiada en base a endebendamento e no futuro “impostos” europeos, e da que é o segundo receptor, dobrando os recursos que recibe polos fondos tradicionais da PAC e a Política Rexional da UE) pero por outro lado afectará aos equilibrios institucionais e orzamentarios da UE e o papel do Estado Español, pois só a entrada de Ucraína, cunha poboación análoga e tanta superficie agraria coma o resto da UE no seu conxunto, convertirá ao Reino de España claramente en contribuínte neto ao orzamento Europeo. Emporiso o goberno central está a tentar -Consello informal en Murcia o 29 de Setembro- de darlle una novo pulo ao post Next Generation EU (os 750.000 millóns de fondos COVID a programar antes de fin de 2023 e a gastar antes de 2026) e tentar de cambiar a estrutura do orzamento tradicional da UE, que remata en 2027 e do que xa se está a preparar o seu sucesor.

Unha nova ampliación cando o Estado de Dereito fai augas en moitos Estados Membros ten tódolos riscos da de 2004. Emporiso o Parlamento Europeo está a tentar dar forma legal4 ao acordado no proceso participativo coñecido coma Conferencia sobre o Futuro de Europa (2022), e que pasan por reforzamento dos controis do Estado de Dereito, os dereitos sociais, o reforzo a subsidiariedade (clave para Galicia) e a perda da unanimidade nos asuntos claves onda ainda existe, coma a política exterior, algo que o renqueante eixo francoalemán está disposto a considerar.

Coma se pode ver, non falamos nada das pasadas eleccións Xerais. Ao igual cás presidenciais francesas de 2022, non axudan pero tampouco bloquean unha maquinaria moi engraxada en Madrid e en Bruxelas. Ter a presidencia axuda pero non é imprescindible para influír na UE: “Presencia, papeles, procesos e pasta” importan máis, como amosou o activismo do executivo español na crise da COVID-19 e coa excepción ibérica.5

E onde queda Galicia en todo isto? Pois aparte de facer de bonito fondo para reunións (este executivo regou ainda mais ca outros a xeografía de reunións informais ministeriais e técnicas, incluído Santiago e Vigo) e participar na consulta ás Comunidades,6 ao igual cás Conferencias Sectoriais para preparar as negociacións do Consello é máis unha escoita ca unha negociación multinivel, Galicia pode usar o foco da Presidencia para avanzar as súas propias prioridades. Por exemplo a Presidencia anunciou en Sigüenza que en novembro tentará acordar no Consello unhas conclusóns da UE sobre despoboamento. No Comité das Rexións o Director Xeral de Acción Exterior presentará en novembro proposas para renforzar a resiliencia das comunidades costeiras da UE.7 Posibilidades non faltan se se queren exercitar, coma participar no “cumio Atlántico” organizado polo Presidente da Bretaña, ou na Conferencia de Rexións Periféricas e Maritimas Europeas. Para iso darlle contido, planificación, recursos e indicadores á Estratexia de Acción Exterior (EGAEX), actualmente no Parlamento Galego, é esencial.


Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.