eleccions 2024 xunta de gal

Prioridades da Acción Exterior galega logo do 18F

Estamos nunha campaña que malia catro lexislaturas monocores e os esforzos da oposición por reactivarse a paso rápido argumentando unha alternativa aínda por conformar non se apreciaban nas recentes ceas de Nadal o que se chama tensión electoral. En todo caso a labor fundacional do IGADI de analizar e avogar por unha decidida acción galega no exterior continúa e como non podía deixar de ser o caso tamén o faremos desta volta.
Liñas de investigación Paradiplomácia União Europeia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave Paradiplomacia Eleccións

Panorama para 2024

Non hai que retrotraerse aos recentes estudos sobre a difícil conxuntura que nos espera no 2024 que recollemos no Informe Nós No Mundo 2023 do IGADI para saber que se ben electoralmente Galicia asemellase en termos políticos ao paraíso perdido previo as grandes recesións deste milenio, cos mesmos partidos tradicionais con mesmo reparto de escanos que en 1996, non é así no resto de Europa e no mundo: Empezando polo obvio, a nova bipolaridade asimétrica do eixo de resistencia Moscova-Pekín-BRICS expresada no Donbass, a nova conflagración en Oriente Medio remedo e non precisamente como farsa da hibris do Yom Kippur de 1973, e a conseguinte inestabilidade dos mercados e dos prezos.

Pero máis preto da casa común europea estamos a presenciar un cambio de paradigma en tempo real. No próximo mes de xuño o resultado das eleccións europeas pode resultar que a gran coalición da posguerra europea socialdemócrata-cristián-liberal non sexa abondo para conformar maiorías estables na eurocámara e sobre todo no Consello Europeo. Se ben a volta de Donald Tusk a Polonia e o manual de resistencia sanchista do 23X semellan un cambio de tendencia perante a ola populista ou de dereita dura, o certo e que en Países Baixos poden rematar gobernando, ao igual que xa o fan en Italia, Eslovaquia, Hungría, Finlandia  e condicionan desde fóra en Suecia, Dinamarca ou Portugal. Moito peor aínda, o liderado dito xupiteriano de Macron arrasou co sistema partidario precedente, deixando un descampado óptimo para que o ocupe o lepenismo en tres anos. As eleccións de xuño non só son europeas senón á vez eleccións federais e rexionais belgas, cos extremos, e non só en Flandes, capaces de facer xirar o embigo de Europa e con el o resto do continente.

Sen esquecer o incremento da presenza rusa na África subsahariana desprazando a expotencia excolonial francesa (“Chinafrique”), e os investimentos económico-xeopolíticos chineses desde Asia central á Patagonia Arxentina e os gobernos extremistas ou inestables nunha Ámerica Latina que segue a sumar décadas perdidas.

O por que dunha acción exterior galega

Por todo iso, falar de acción exterior galega semella algo pueril, algo dos bos tempos onde o proceso autonómico e a integración europea foron da man, polo que os académicos da época preconizaban un novo orde trasnacional multinivel que sobrardaría as soberanías e razóns de Estado tradicionais.

Mais como diría Trostki un pode non estar interesado nos problemas do mundo, mais eles non se esquecen de ti. De feito os problemas do exterior sono á vez problemas internos.

O verán pasado houbo algún xornal que se felicitaba porque o cambio climático sumado á inestabilidade da nosa contorna e alén do Atlántico permitirá que Galicia, un dos territorios máis envellecidos do mundo, solucione os seus problemas demográficos do xeito ideal, sen ter que gastar un peso nin ter que adoptar medida algunha.

Milei fai táboa rasa das licencias de pesca e 200 barcos de capital galego poden perder os caladoiros arxentinos.

Apróbase un trazado novo das Redes Transeuropeas de Transporte que logo de vinte anos si inclúe plenamente a Galicia , mais  unha vez máis, como xa ocorrera coa anterior crise económica, Portugal comeza de novo a recuar na creación do eixo atlántico do ferrocarril, á vez que as empresas do sur galego se queixan da suposta alta competitividade dos polígonos do norte luso.

Centos de miles de galegos nados en democracia emigraron fóra de Galicia, por moito que o padrón poida dicir outra cousa.

As praias galegas, polas que pasa un terzo do comercio mundial, inzadas de granulados ou “pellets” de plástico.

O ecosistema galego

A acción exterior non deixa de reflectir a cohesión interna dunha sociedade. A nosa é a que é polo tanto pasamos do idealismo das palabras á timidez mesmo pacata nos feitos. Aínda así e malia non só o devandito contexto global como a pouca vontade activa de autogoberno expresada nos feitos resulta unha milagre que na pasada lexislatura se aprobara unha Lei de Acción Exterior e unha pioneira Estratexia de Acción Exterior (EGAEX). Ambas teñen moito máis dentro das súas numerosas páxinas e interminables frases  do que boa parte do establishment galego consideraría politicamente prudente.  Emporiso o IGADI tanto contribuíu ás alegacións e estudo da Lei 10/2021 como deu o visto bo, coas cautelas oportunas, á Estratexia, ás que o IGADI continúa a propor solucións para a súa implementación. Existe un Consello da Acción Exterior (CAEX) do que forma parte o IGADI ou o Consello da Cultura Galega, institucións estatutarias que coma o Parlamento ten acción exterior de seu.

Existe pois  un pequeno mais activo ecosistema galego da acción exterior que vai alén do executivo e a administración cos seus organismos autónomos, así como as outras institucións (Parlamento, entidades locais e deputacións, Eurocidades) pois tamén ten que ver a existencia de organizacións da sociedade civil ou entes parapúblicos como o caso do Eixo ou o propio IGADI. Existe unha cooperación galega ao exterior que é moito maior cá que existe en gobernos autónomos coma o escocés que venden moi ben o pouco que fan no exterior.  Hai desde hai pouco un grao de Relacións Internacionais repartido entre Ferrol e Ourense , se ben semella que aínda non abordaron a Galicia nos seus plans de estudo. A EGAP forma a funcionarios sobre o contido nova Lei.  

Mais estamos a falar de ecosistema e non de comunidade galega de acción exterior.

 Xa hai dúas décadas Antón Losada escribía na súa tese de doutoramento que un dos poucos ámbitos onde existía un consenso sólido entre as forzas económicas e sociais galegas, cara o interior e tamén cara o exterior é o da pesca. O que se coñece coma unha comunidade de políticas.  Só hai que ver o nivel de detalle que a sección de mar ten nos nosos principais xornais, coma se en todos os océanos seguise existindo aquel gran arquipélago flotante que falaba galego.

Infelizmente, agás tomas de posicións conxuntas en asuntos puntuais de grande emocionalidade – os saharauis do Tinduf,  que non o conflito con Marrocos, os gazatíes- o vello adagio das grandes democracias polo cal a política doméstica remata no borde do mar, tampouco foi nunca o caso en Galicia, dividida como está do seu entendemento do exterior por clivaxes da cando menos a Guerra Fría e mesmo antes.

Por suposto no fondo o grande fenda interior é aquela que responde a cuestión de para que serve a autonomía – remedo se cadra desoutro que se escoita máis abertamente de para que serve o galego- . Aínda así como diría Galileo, a acción exterior galega sen embargo móvese. A cousa é que hai moitas cousas por facer e que precisan ser feitas, sen ter que pensar sequera nos límites da chamada lealdade institucional.

Prioridades do novo mandato

Por iso, un programa de mínimos de calquera forza política autonomista debería cubrir alomenos os seguintes cinco eixos:

Ordenar e coordenar a acción exterior galega: como se dixo no anterior, para un país autónomo con limitadas que non inexistentes competencias para a súa presenza exterior existe unha densidade de actores e institucións xa desexaría algún país soberano. Mais non se salva do minifundismo galego ni por suposto do partidismo. Corresponde á Xunta animar e financiar, mais a Lei nin a EGAEX se deberían usar coma instrumentos coercitivos e moito  menos de parte. A mellor colaboración é na que se basa na consecucións de obxectivos que benefician aos interesados. Cómpre ademais unha mínima avaliación e priorización, cousa que nin a Lei nin a EGAEX foron quen de facer – gobernar é escoller- e que o IGADI porfía en que ainda se incorpore ao desenrolo das mesmas.

Emigración e cooperación ao desenvolvemento no interese público galego: No derradeiro Goberno de Fraga tivemos a primeira carteira do gabinete para un dos ámbitos da Acción Exterior como foi a Consellería de Emigración. Obviamente o interese político si foi quen daquela de vencer as timideces habituais sobre posible sobrardamento competencial. Hai eleccións que deciden fóra e nas que os buses de Bos Aires teñen cartaces electorais galegos.  Cambiouse a Lei electoral estatal dúas veces nos últimos tempos, a primeira para dar conta das irregularidades do voto da emigración galega.  O patrimonio galego no exterior é inmenso, coma amosa o feito que o cuarto no que morreu Castelao permaneza intacto no Hospital do Centro Galego desde aquela, e está ameazado pola propia deixadez galega.  No eido da axuda ao desenvolvemento, iniciativas coma o Fondo Galego están moi por enriba do que países do mesmo tamaño fan, mais unha vez máis as institucións galegas son doantes sen que se busque un artellamento coa acción exterior galega. Nin Emigración -e políticas de retorno- nin Cooperación poden ser outra cousa que parte da acción exterior galega.

Que saiban que existimos. Resulta incrible que mesmo en Latinoamérica, Portugal ou Bruxelas cunha ampla pegada galega non se saiba nin sequera que é Galicia. Hai factores esóxenos a nos mais certamente nisto somos os nosos peores inimigos. Nin á hora de promocionar a nosa cultura, os nosos produtos – o Galicia Calidade non é precisamente o “Made in Scotland”, a Rubia Galega é agora signo mundial de calidade e non se asocia co país do que vén- nin as iniciativas que facemos no exterior se fai dun xeito consciente e pedagóxico de difundir o coñecemento de Galicia como sociedade distinta.

Pensamento vs. “Embaixadas”: desde a anterior crise instaurouse un discurso interesado no que a presenza exterior das institucións autonómicas, mesmo cando a xurisprudencia constitucional e o propio Estatuto – caso de Portugal e a galeguidade- , presentase como algo bordeando a inconstitucionalidade. A Lei Margallo foi o exemplo máis obvio, se ben foi por portas ao campo. Se ben Galicia foi quen de evitar as manobras que descapitalizaron a presenza exterior de moitas autonomías co gallo da devandita Lei e o argumento da austeridade o suposto malgasto de ter oficinas no exterior non deixa de ser recorrente. Tamén se fala de se a presenza galega no exterior, nomeadamente en Bruxelas, non debería ser unha delegación oficial, como permite desde o 1996 o Constitucional e prevé a nosa nova Lei. Sen embargo, nun mundo conectado coma o actual, a forma non pode seguir condicionando o fondo. Temos unha representación efectiva? Está o goberno coordenado? Úsanse as Conferencias Sectoriais – alén da inoperancia que moitos lle presupoñen- non só para influírna posición exterior do Estado senón para actuar de mediador entre as autonomías? Aproveitamos o coñecemento estratéxico das empresas radicadas no exterior, e apoiámolas desde a administración, as universidades e centros de reflexión?

A paradiplomacia non é un insulto. Continuamos sen seguir a aplicar claramente a Lei Paz Andrade, a nova Lei prevé a creación dun novo Observatorio da Lusofonía -se ben hai máis dunha década o IGADI xa ten un, o OGALUS– namentres que ao goberno central lle entraron as ganas repentinas de sumarse como observador á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa xusto cando a Xunta, logo de moitos anos de poder facelo – decidiu aplicar a devandita lei e os artigos 7 e 35 do Estatuto de 1981. Malia todo existe un amplo marxe de participación das institucións galegas -e non só as autonómicas– nas institucións internacionais. Non precisamos o “In Foro Interno, In Foro Externo” das rexións belgas ou as provincias arxentinas ou australianas para participar nos organismos multilaterais da ONU, OCDE ou Consello de Europa, como amosa o estudo comparado feito recentemente polo IGADI.

Neste eido máis ca en moitas outras políticas, querer é poder. Nas próximas semanas veremos como responden os partidos a estes cinco puntos cardinais, que por suposto vencellan ao autor dos mesmos e non necesariamente ao  IGADI no seu conxunto.