Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 1 de agosto do 2023
hidroverde

A carreira do hidróxeno verde en Galicia

O hidróxeno verde é un tipo de hidróxeno producido a través de electrólise –descomposición das moléculas de auga (H2O) en oxíxeno (O2) e hidróxeno (H2)- que emprega  para este proceso electricidade xerada a partir de fontes renovables (enerxía solar, eólica ou hidráulica) ou baixas en carbono. A diferenza dos restantes métodos para a obtención de hidróxeno o hidróxeno verde é limpo e só libera auga en estado gasoso. Ao contrario, o hidróxeno gris (reformado por vapor de gas natural), o negro (procede da gasificación de carbón bituminoso ou lignito) e o hidróxeno azul (conta tamén cun proceso de reformado, pero o CO₂ é capturado e almacenado baixo terra, e non liberado á atmosfera), son altamente contaminantes e emiten grandes cantidades de CO2.  Como exemplo, o hidróxeno verde require para a súa certificación unha redución de emisións de máis do 60-70% respecto do hidróxeno gris. A clave entón da sostibilidade do hidróxeno verde é a forma de produción xa que, en caso de que este se fose producido a partir de combustibles fósiles, xeraría emisións contaminantes.

Sendo así, algunhas das principais vantaxes atribuídas ao hidróxeno verde son a xeración de enerxía limpa  (non produce emisións de CO2 nin outros gases contaminantes), a súa natureza 100% renovable (prodúcese a partir de recursos naturais inesgotables) e a facilidade de almacenamento e transporte (pódese licuar e almacenar durante longos períodos de tempo sen perder as súas propiedades). Alén destes puntos fortes, o hidróxeno verde tería múltiples aplicacións, xa que se pode empregar como combustible para vehículos eléctricos con pila de combustible (só emiten vapor de auga), para xerar electricidade e calor en edificios ou empresas industriais, ou para producir produtos químicos como metanol ou amoníaco.

Mais se falamos das vantaxes do hidróxeno verde, cómpre recoller tamén as súas desvantaxes. Sinalaremos tres delas. En primeiro lugar destaca o seu elevado custo, xa que require de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables -na altura máis caras que a proveniente de combustibles fósiles-, e de infraestruturas específicas para o seu almacenamento e transporte. En segundo lugar, outro aspecto a mellorar é a baixa eficiencia do seu proceso de obtención, xa que na súa produción só se aproveita entre o 50-80% da electricidade necesaria para a electrólise da auga, razón pola que este proceso de obtención precisa máis enerxía que outros métodos. E por último, existe tamén un risco de seguridade aparellado ao almacenamento e o transporte, xa que se trata dun gas inflamable e con grande volatilidade.

Hydro Quebec Canada

Toda esta serie de condicionantes provoca que o hidróxeno verde non sexa aínda unha alternativa consolidada. Non obstante, estímase que nos próximos anos os seus custos de produción serán sucesivamente menores, un factor que combinado co aumento da demanda  podería facer que o hidróxeno verde fose accesible a todo o mundo en 2050. Neste escenario, algúns países van incrementando os seus orzamentos para promover a produción de hidróxeno verde e situarse no mercado.

A nivel orzamentario en Galicia, e no conxunto do Estado, a xeración de hidróxeno e o almacenamento enerxético é unha das liñas fundamentais dos fondos NextGenerationEU. Tanto é así que existe un PERTE específico denominado Enerxías renovables, hidróxeno renovable e almacenamento. Mais como se explicou, o almacenamento da enerxía é un punto crítico para o hidróxeno verde. Galicia conta neste punto cunha vantaxe xa que, ademais de ter infraestrutura de almacenamento, pode producir hidróxeno verde sen ter que verter electricidade á rede convencional nin levantar grandes infraestruturas de evacuación. Así, a propia Xunta de Galicia estima en 3.800 millóns de euros as posibilidades de negocio do hidróxeno.

A día de hoxe existen varias propostas de proxectos que aproveitarían o hidróxeno como tecnoloxía de almacenamento, sendo a máis avanzada delas a fábrica de baterías (Vigo). Sen embargo, a maioría dos proxectos están vinculados á implantación de novos parques eólicos na comunidade autónoma (offshore e onshore). Pero hai tamén outras propostas enriba da mesa, como é o caso da instalación fotovoltaica de xeración de hidróxeno (CZFV), a conversión as infraestruturas de xeración de enerxía eléctrica convencional (Meirama e As Pontes), ou a xeración a partir de xurros. Sen saber aínda se o hidróxeno verde se consolidará como alternativa, a carreira xa comezou.