A PROXIMIDADE LINGÜÍSTICA, UNA OPORTUNIDADE PARA AS RELACIÓNS CON CABO VERDE
diegocaboverde

Innovar en mercados: É Cabo Verde unha oportunidade para Galicia?

O pasado vinte e xaneiro o pobo caboverdiano celebraba o cincuenta e un aniversario do día da súa declaración de liberdade, que non foi recoñecida ata xullo de 1975. A día de hoxe, e con arredor de medio millón de habitantes, as súas dez illas volcánicas macaronésicas son fonte de contrastes.

Cun PIB modesto, pero crecente -por volta de 3.300 dólares, mais case 7.000 en paridade de poder adquisitivo (PPA)-, Cabo Verde concentra a súa actividade económica no sector servizos e na industria. A pesar da súa situación privilexiada para o comercio marítimo, é sen embargo o seu sector turístico o que se configura como motor presente e futuro de desenvolvemento. O clima e a súa singularidade natural conforman, sen dúbida, unha vantaxe comparativa.

image 48

O mar e a pesca constitúen outra das actividades económicas sen as que é posible comprender a idiosincrasia do pobo caboverdiano.  En canto á industria, a dificultade de acceso ás materias primas condiciona o crecemento e desenvolvemento económico, de maneira que apenas unhas poucas grandes empresas relevantes estean localizadas nas illas. Entre elas Toyota, Coca-Cola, ou a cerveceira local Stela (Krioula). Este contexto industrial e de dependencia do turismo, unido ao feito de que a súa produción agrícola apenas cubre un 10% das necesidades locais, converten a Cabo Verde nun país altamente dependente do exterior. Unha realidade que permite que territorios coma o galego poidan amosar o seu interese neste arquipélago atlántico. Máis se cabe, se temos en conta a proximidade lingüística respecto da súa lingua oficial (aínda que o crioulo caboverdiano é o de maior uso común, a poboación exprésase nun portugués de non dificultosa comprensión).

Con estas condicionantes, non sorprende que, tras Portugal e Brasil, Cabo Verde sexa o terceiro destino das exportacións galegas a países da CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa). Máis de cen empresas galegas tiveron actividade comercial co país insular o ano pasado. E é que a economía caboverdiana presenta múltiples oportunidades para os negocios. As vantaxes climáticas ofrecen a oportunidade de desenvolvemento para sectores coma o enerxético (p.e. a través da enerxía solar). O propio sector turístico, o que centra a actividade económica, é aínda fonte de discusión en canto ao modelo a aplicar. Cunha oferta hoteleira atomizada, e o crecente interese inmobiliario, as propostas para o sector son diferentes. Nunha recente estadía como profesor convidado na Universidade de Cabo Verde (pública), tiven a oportunidade de comprobar esta realidade. Mentres inversores e clase alta prefiren apostar máis por un modelo do tipo Sol e Mar (a semellanza das Illas Canarias), desde o ámbito académico deféndense outros modelos máis centrados no turismo verde e “sostible” –unha área na que Galicia conta con coñecemento específico e saber facer-. Se ben o primeiro  modelo é o que parece estar impoñéndose, has aspectos coma o cultural que poderían poterciar e vertebrar calquera das dúas escollas. Ademais do interese histórico, ou a riqueza e variedade musical, Cabo Verde presente interese noutras áreas, como a antropolóxica. Na actualidade compañeiras investigadoras galegas como Luzia Oca tenden tamén pontes desde este último punto de vista co país insular, apoiando proxectos e poñendo en valor, con perspectiva de xénero, a actividade das comunidades e mulleres caboverdianas.

Imax0

Así é que o proceso de desenvolvemento económico está en marcha no país, e as oportunidades de negocio existen. Ás veces máis perto do que poida parecer a simple vista. Tanto é así que é posible percibir que, con alta probabilidade, diversas zonas do país acabarán por presentar un aspecto diferente en apenas un par de décadas, probablemente froito do interese especulador, e non doutras alternativas máis sustentables. Aínda que o modelo que finalmente se acabe impoñendo non sexa do gusto dunha parte da poboación local (e non local), o certo é que as perspectivas futuras de crecemento dotarían ao país dun aliciente máis como mercado.

[Publicado en Nós Diario en febreiro de 2024]