ferrol tino

Oportunidades para Ferrol no Extremo Oriente

Intervención do xornalista e membro da Xunta Directiva do IGADI, Tino Santiago, na apertura das Xornadas delebradas o 10 de novembro do 2023 no Campus Industrial de Ferrol "Ferrol no mundo do Século XXI: Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente"
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave China Pepe Castedo Ferrol

Grazas Alcalde.

Autoridades.

Miñas donas e meus señores.

Hai cincuenta anos, no final do franquismo, en 1973, España estableceu relacións diplomáticas coa República popular China. O primeiro embaixador democrático foi José Ramón Sobredo y Rioboo, que era de Ferrol. A Sobredo tocoulle en 1978, cinco anos despois do recoñecemento diplomático, organizar a primeira visita dun Xefe de Estado a China, a dos reis Juan Carlos e Sofía. O xornalista Javier Reverte estaba entre os profesionais que cubriron a histórica viaxe. Reverte sinala con certo asombro no seu libro “La aventura de viajar” que todos os intérpretes de español que os acompañaban tiñan acento galego.

O responsable destas entoacións era Pepe Castedo, uns dos principais profesores de español na República Popular. Castedo era de Ferrol. Realmente de Ferrol era a súa nai, el naceu en Madrid, pero sempre se reivindicou ferrolá demostrando que non só os de Bilbao nacen onde queren. “ España é a miña aboa, Galicia miña nai”, era outra das súas frases.

Castedo foi un personaxe tráxico. Foi dos derrotados na Guerra de España, exiliado en Francia, logo na Unión Soviética, de volta a Francia e, despois, a China. Alí chega nun momento especialmente convulso, en plena Revolución Cultural. Castedo foi un pedagogo visionario. Os materiais para o ensino que creou, nunha das épocas de maior penuria económica na República Popular, seguíronse utilizando ata ben estrados os anos 90 do século pasado.

Tivo un final triste. Volveu a España cando xa se consolidaba a democracia pero non puido, non soubo, adaptarse a unha sociedade que non se parecía case en nada á que deixara en 1939. Castedo suicidouse en 1972. A peripecia vital de Castedo é unha historia de Ferrol e é unha evidencia máis de que a historia da cidade vai máis aló do que pasa entre a Ponte das Cabras e os peiraos de Curuxeiras ou entre Canido e Esteiro. Algo do que os ferroláns esquecemos e no noso relato do que somos tendemos a destacar máis os problemas, que naturalmente existe, que os brillantes ou esperanzadores que tamén están aí.

Estas xornadas nacen dun traballo que encargou a Universidade da Coruña ao IGADI. Tratábase de estudar como podía ser a internacionalización da UdC, sobre todo o Campus de Ferrol, en Asia Oriental. Logo falaremos máis polo miúdo do estudo. Pero agora quero centrarme nun aspecto que non contabamos atopar cando comezamos a traballar.

Agardabamos que as claves para poder atraer estudantes e investigadores ao Campus Industrial de Ferrol serían a excelencia académica, que a hai, do axeitado das titulacións e masters, etc… Pero a sorpresa saltou cando redescubrimos que unha das vantaxes era a propia comarca e cidade: Ferroltera.

Estamos nunha cidade, nunha comarca na que se pode vivir razoablemente ben. Cun ecosistema económico/industrial con enormes posibilidades. Con problemas, claro, como calquera cidade cidade do mundo. Nada que imposibilite as enormes potencialidade que ten o tándem Campus Industrial/ Ferrolterra. Por iso o que lles suxerimos é que lle dean unha pequena ‘pensada’ a isto. A como construír unha alianza Universidade/ Ferrolterra pois os retornos económicos, humanos ou culturais que se poden conseguir son inmensos.

Mesmo a curto prazo, que Ferrol xogue nunha liga mundial é un ‘chute’ de autoestima que nos pode permitir vernos a nos mesmos dun xeito máis realista, con cousas boas e malas. Axuda a facer un relato de nos mesmos que vai máis aló da ladaíña de desgracias que tantas veces soemos entoar.

E tamén pode ser a nosa pequena contribución para rebaixar a tensión que preside eses tempos convulsos. Non podemos descartar que vaiamos, de novo, a un mundo dividido en bloques. Hai que fala dunha nova Guerra fría, que foi unha guerra aínda que non nos teñamos moita consciencia diso pois os combates non se dirimiron preto de aquí. Pero hai que recordar que mesmo nos peores momentos da Guerra Fría había que manter canais de comunicación, de diálogo, de comercia, co “outro”. E tamén hai que dicir que non hai mellores canais de entendemento que os que se constrúen ao redor dos intercambios culturais e educativos.

Esta primeira cita de “Ferrol no mundo” e todo o proxecto que ten detrás pode ser a nosa humildísima contribución para deixar aos f¡llos un mundo algo mellor que o que atopamos.

Penso que xa falei demais e agora van poder escoitar os que saben de verdade.

Moitas Grazas