ucraina

Ucraína: é de agardar que a guerra dure máis

O 14 de setembro de 2026, Donald Trump anunciou na rede social Truth Social que Ucraína e Rusia terían supostamente acordado unha moratoria mutua sobre os ataques á infraestrutura enerxética. Esta declaración non se fixo en absoluto por preocupación ante a incesante escalada dos ataques rusos contra infraestruturas e obxectivos civís, nin pola extrema gravidade da ameaza para a supervivencia da poboación ucraína o vindeiro inverno, senón principalmente debido a necesidades de política interna nos EUA.
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Rusia Guerras Ucraína

O aumento dos prezos do combustible nos EUA en vésperas das eleccións de medio termo converteuse nunha cuestión política sensible para a administración Trump. Resulta significativo que, na véspera, Trump criticara publicamente o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenskyi, polos ataques con drons ucraínos contra refinarías de petróleo rusas, afirmando que a destrución das capacidades de combustible rusas tería sido a causa principal do pico nos prezos mundiais do diésel. Con todo, as avaliacións analíticas indican que o factor principal do déficit mundial de diésel foi a redución da súa subministración debido ao conflito dos EUA con Irán, e non os ataques dos drons ucraínos contra a Federación Rusa.

Aínda así, Ucraína declarou de inmediato a súa disposición a cesar os ataques contra as instalacións enerxéticas rusas, condicionándoo a que os socios internacionais proporcionen garantías reais e eficaces de que Rusia deterá os bombardeos contra a enerxía, a infraestrutura crítica e a loxística alimentaria ucraína. Este non é o primeiro caso en que a parte estadounidense intenta limitar os ataques de longo alcance de Ucraína por razóns diplomáticas ou do mercado de combustibles.

No Kremlin non reaccionaron de inmediato ás palabras de Trump, xa que non había acordos ao respecto con ninguén, pero máis tarde celebraron o chamamento a poñer fin aos ataques contra as refinarías rusas, esixindo ao mesmo tempo o levantamento das sancións ao sector enerxético ruso. Os ataques con mísiles e drons en territorio ucraíno non se detiveron, o que confirmou que as tropas rusas continúan levando a cabo as súas actividades en todo o territorio ucraíno.

Polo tanto, non se produciu ningunha «tregua enerxética» efectiva e a declaración de Trump desvaneceuse no aire, como todas as supostas iniciativas de paz anteriores. Cómpre sinalar que, en caso de levarse a cabo, o maior beneficio obteríao Rusia e non Ucraína, e isto é un feito que se transluce en todo. En particular, así ocorreu nas recentes negociacións que levaron a cabo en Moscova e en Kyiv cos enviados especiais do presidente Trump, o seu socio de negocios Witkoff e o seu xenro Kushner.

Cómpre sinalar que a visita a Kyiv foi a primeira visita tras oito viaxes destes personaxes a Moscova. Aínda que a parte ucraína quería presentar a natureza das relacións cos representantes de Trump como máis amigable, Witkoff, ao responder nunha rolda de prensa á pregunta directa de se consideraba a Rusia un agresor, dixo sen vacilar que cando se levan a cabo negociacións, é necesario manter boas relacións con todas as partes. Non hai que esquecer que os enviados especiais representan persoalmente a Trump, e el considera esta guerra como un enfrontamento entre un Putin e un Zelenskyi que se odian mutuamente. Polo tanto, non se plantexa o obxectivo de poñer fin á guerra para restablecer a xustiza; o realismo dos negociadores comerciais consiste en pescudar en que condicións aceptará Putin deterse e, acto seguido, convencer a Ucraína de aceptalas. E, como é ben sabido, para a Federación de Rusia a existencia dunha Ucraína soberana resulta inaceptable.

Non se acadou ningún resultado tanxible no curso deste simulacro de negociacións, pero, a cambio, todos empezaron a falar de que non cabe esperar un alto o fogo nos vindeiros dous anos. A escalada dos bombardeos continuou, cunha Rusia que utiliza cada vez máis medios balísticos contra os cales Ucraína carece de protección; ao mesmo tempo, as provocacións rusas contra os países europeos volvéronse máis e máis descaradas. A pesar do crecente custo que lle supón a condución da guerra, o agresor síntese impune e chantaxea a Europa coa posibilidade dunha invasión, ao ver a súa falta de preparación e a súa indecisión. Vemos así, pois, que a guerra volveu ser realidade diaria tamén en Europa.