Ao remate das vacacións estivais Lionel Jospinlevantou a lebre cando declarou que Francia debería propoñer que a UE tome a iniciativa, nos foros internacionais, de implantar a controvertida taxa Tobin. O rebumbio quedou armado. Os gobernadores dos bancos centrais manifestáronse en contra; o propio ministro de Finanzas francés dúbida da utilidade da medida. A presidencia belga da UE inclúe na orde do día da Ecofin, próximos 22 e 23, a discusión sobre a mesma. Schröder, Chirac e Jospin acordan, a pasada semana, crear unha comisión de "alto rango" para estudiar a aplicación do imposto que mesmo debería incluírse entre os temas a tratar nos próximos cumios de Gent (outubro) ou Laaken (decembro). Sectores da esquerda consideran a taxa un simple parche; mentres o economista norteamericano autor da proposta desmarcase deses "revoltosos da antiglobalización".
A iniciativa de Jospin compre interpretala no marco das presidenciais e parlamentarias da próxima primavera. A campaña electoral comezou con sete meses de antelación. Jospin necesita ilusión para envolver unha xestión brillante, pero esgotada. As 35 horas semanais permitíronlle darlle a volta ás previsións e gañar as parlamentarias. Os .000 postos de traballo e os excelentes indicadores económicos poden non ser suficientes para as súas pretensións presidenciais.Agora ben, semella esaxerado interpretar a proposta do dirixente socialista francés en exclusiva clave electoral, por máis que sexa evidente a intención de limitar os apoios a un Chevènemet, hábil mesturador de "gaullismo", "grandeur" e republicanismo xacobino.
Certo é que enquisas como as de Le Monde, nas que só o 1 % dos franceses consideran positiva, para todos, a mundialización actual, mentres que o 47% considera que só beneficia aos que controlan os mercados financeiros e o 55% coida que son as transnacionais as que tiran proveito da situación, podería levar a pensar nunha antimundialización momentánea. Non é menos certo que ese estado de opinión é resultado de que en Francia o movemento antiglobalización ten unha forte presencia e organización (ATTAC ; Confédération Paysanne, etc); pero tamén é certo que nas propostas do PSF , na era Jospin, mantivo, dende hai anos, que cumpría modificar a dominación financeira sobre a economía real e urxía acadar o 0,7 do PIB mundial para axuda ao desenvolvemento (en Francia o 9% do PIB diríxese á solidariedade internacional). Mesmo as distancias que o socialismo francés mantivo coa "terceira vía" de Blair ou coa temporal versión alemana son ben significativas ao respecto.
O debate é importante. Vai contar con férreas oposicións en Europa (Blair, gobernos conservadores, banco central, corporacións privadas, etc) e, sobre todo, fora dela. Vai ser mistificado por xentes como Fischer que declara fachendoso "si fora mozo tamén estaría en Xénova" como si as propostas antiglobalizadoras fosen unha cuestión de "rebeldía xuvenil" ou o propio ministro de Finanzas de Jospin, Laurent Fabius, que declara que a taxa Tobin non vai resolver os problemas do Terceiro Mundo, cando non é esto o que pretende senón controlar a especulación financeira que arruinou países enteiros (efecto tequila, caipirinha, crise rusa, indonesia, arxentina,â¦). Mesmo vai sufrir descualificacións, unhas perversas como as declaración do propio Tobin ao Der Spiegel (publicadas en El País), cinco días despois da roda de prensa da Jospin; outras máis inxenuas que consideran a proposta limitada. E tanto que o é, é unha simple proposta, unha máis, que aínda non é realidade, nin vai ser en bastante tempo. O debate é un grande triunfo para o movemento antiglobalización e para os cidadáns do planeta; a hipotética concreción deste medida faríao aínda maior.