Iraq e os accionistas de valores

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego

Conferencia de Doadores. "Doadores" é unha boa palabra (evoca o acto solidario e desinteresado, "doar sangue"); é un corpo moral. A falsificación dun corpo moral "transferencia de significado pola que un corpo ocupa o lugar doutro pero con distinta constitución e substancia" chámaselle isótopo. Por exemplo, denominar unha conferencia de prestamistas e investidores, que non é un corpo moral , senón económico, "Conferencia de Doadores". Unha conferencia de prestamistas podería semellar a Grande Feira dos Grandes Alí-Babás, que sería unha escenificación menos cínica e moito máis coherente da Resolución 1483 do Consello de Seguridade que, o pasado maio, agasallou coa democracia ao Iraq facendo del o país más liberalizado do mundo.

Claro que vistas as cousas así, tamén podería semellar que os doadores son os iraquís. Doadores netos de petróleo, polo que dende 1991 recibiron un total de 85.500 toneladas de bombas que, xunto ao embargamento económico, alixeiraron o país de 1..000 habitantes (cousa que podería alzar a renda per cápita, pero vaia, é que a renda per cápita xa era unha das máis altas do Oriente Próximo). Por riba, di o embaixador ruso, son ricos, teñen petróleo. Si, xa non é seu, hipotecado polos contratos con cretos para "custos engadidos" con cargo ao Fondo de Desenvolvemento do Iraq das multinacionais estadounidenses, máis unha débeda externa de 350.000 millóns de dólares, acrecentada agora polos préstamos dos devanditos Doadores.

Con todo e isto, a Conferencia non se fai porque os EEUU, como potencia ocupante, estan obrigados polo Dereito Internacional a prover á poboación dos medios básicos de subsistencia, e tampouco para lle dar a Palacio unha nova oportunidade de acceder ás sobresaíntes meixelas de Powell. Se fose unha Conferencia de Prestamistas e Investidores o éxito dependería de que o organizador "os propios EEUU cun pin da ONU" lograsen convencer aos países e institucións de que todo o diñeiro que se poña será ben investido. O responsable internacional da patronal CEOE di que "ben investido" quere dicir que as contribucións do goberno para a reconstrucción do Iraq revirtan de xeito íntegro en contratos coas compañías españolas e admite que, infelizmente, as subcontratas ofertadas polas 11 multinacionais estadounidenses que controlan o Iraq, non espertaron interese nos investidores españois. É entón cando sae o da "tarta", que é moi grande, tal como declarou o ministro Rato no forum paralelo do sector privado (225 empresas) no marco da Conferencia.

Sí que é grande a tarta; iso sabémolo dende hai moito. O pasado setembro, o procósul Bremer falou pola autóctona boca do ministro de Finanzas do Consello Gobernativo do Iraq, Kamel al-Kelani, para anunciar en Dubai (Confencia anual do Fondo Monetario Internacional) o plan de liberalización económica do país. Tódalas empresas propiedade do estado, escepto a industria petroleira, serán postas á venda. Pola súa boa disposición, os compradores poderán facerse co 100% da propiedade das súas adquisición e repatriar a totalidade dos beneficios, sendo cargadas cun mínimo imposto. Os investidores tampouco están obrigados a depositar os seus fondos en ningunha institución iraquí por un período de tempo, algo que si é necesario noutros países da rexión.

Pero velaquí que, durante a Conferencia, vostede e eu, potenciais doadores, vemos ao presidente Bush en Filipinas, ¡pedíndolle diñeiro a Filipinas!. Se isto fose a bolsa, os activos EEUU.SA caerían en picado e vostede, empresario emprendedor, pensaríao dúas veces antes de pór diñeiro na grande cuestación.

Que Bush veña de aprobar a exención de 1,8 billóns de dólares nos impostos aos seus contribuíntes máis ricos dá tamén un pouco de rabexa. Non o contemple entón coma un agasallo, unha doazón. É a compra dunha participación no negocio-Iraq, país de moitas oportunidades. É vostede un accionista dun valor seguro e aliado (EEUU) sen os remilgos de xigantes que se están a manter á marxe, como a Shell, que di que "cando a autoridade lexítima o sexa en prol do Iraq, iremos e a recoñeceremos". Ese momento ten data: cando do Iraq saian más dos 3 millóns de barrís diarios de petróleo que producía antes da intervención, e non o millón que sae agora. Sempre e cando, EEUU proceda a unha división parcelaria razoable da súa propiedade (Iraq). Pode estar seguro. "Os países valedores do Iraq arestora, recibirán un trato distinto dos que veñan máis adiante", fixo saber durante a Conferencia o Consello Gobernativo do Iraq, en clara sintonía co que xa vimos na ONU. ¿Qué garantías máis quere? Tarde ou cedo os iraquís decataranse da súa xenerosidade e deixarán a paranoia do terrorismo, de resistírense á liberación. E alí estará vostede.