O bipartito británico

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

O 6 de maio celebraranse eleccións no Reino Unido. Aínda que David Cameron, o líder dos conservadores, parte con vantaxe de 7 a 11 puntos segundo as enquisas, sobre o primeiro ministro laborista Gordon Brown, non todo está claro. Dende hai case cen anos, a hexemonía de conservadores e laboristas tiña esclarecido o panorama político de tal xeito que o bipartidismo británico foi clasificado como o estereotipo ideal de democracia estable, entre outros por políticos tan coñecidos como Manuel Fraga.

O particular desta convocatoria é que se achega o momento en que retoma forza e irrompe no escenario o partido dos Liberal Demócratas, un partido político demócrataliberal, que é o terceiro en representación no parlamento de Westmindster, con 63 membros. Este partido foi fundado en 1988 como fusión do Partido Social Demócrata e o Partido Liberal, aínda que xa tiñan unha alianza electoral dende 1983, actuando como coalición e non como partido. O seu líder actual é Nick Clegg, que foi nomeado despois da dimisión de anterior líder Charles Kennedy en 2006.

A aparición de Nick Clegg -un home novo, estereotipo de británico anglosaxón triunfador- nestas eleccións, está descolocando aos conservadores que xogaban a baza da xuventude fronte ao primeiro ministro Gordon Brown, desgastado polas improvisacións na crise, as herdanzas da etapa de Blair, e as incoherencias das intervencións en Iraq e en Afganistán onde o Reino Unido sufriu moitas baixas.

David Cameron xa non parece tan xoven, e os laboristas de Gordon Brown incorporaron aos liberal demócratas na súa estratexia electoral facéndolle as beiras á idea dunha coalición para continuar no goberno. E en cada debate hai alusións e louvanzas ás propostas dos liberaldemócratas.

A primeira semana de campaña, logo do debate entre os tres líderes, deixou unha intención de voto que quedaría nun 29-33% para os laboristas, 35-39% para os conservadores e os liberal demócratas entre o 16-21%. Estas son unhas eleccións complexas porque ningún dos partidos acadará a maioría e é altamente probable que se formen coalicións, factor que poría a Nick Glegg no centro de atención. Despois dunha longa etapa de goberno laborista, os conservadores non foron quen de aglutinar o voto do cambio.

Unha das razóns polas que os conservadores non teñen máis éxito é que tanto eles como os laboristas son percibidos como pouco claros á hora de explicar as súas políticas e non aportan exemplos convincentes, por exemplo, de como se pensa reducir o gasto público, tal e como se desprende dunha enquisa do Sunday Mirror/Independent, onde o 63% concorda con esta opinión de falta de transparencia.

Noutra enquisa previa ao debate do xoves 15 para ComRes/ITV News/Independent, preguntóuselle ao público cal dos tres líderes se esperaba que gañase o debate. O 42% dicía que David Cameron, o 22% Gordon Brown, e o 10% Nick Clegg. A sorpresa saltou cando o último, pescando en mar revolto no debate televisado, propuxo unha nova “terceira vía”, que consiste en escapar da monotonía recorrente dos dous vellos partidos que gobernaron ata agora. E obviamente gañou o debate, o que lle dará máis impulso aos liberaldemócratas en detrimento dos dous partidos maioritarios. Estas expectativas acentúan a presión sobre David Cameron, do que se agarda moito máis e non parece ser capaz de ilusionar. Se os conservadores non gañan por maioría, e os laboristas permanecen no poder co apoio dos liberaldemócratas, é altamente posible que se vexa atacado dentro do partido e que teña que facer fronte ás demandas de dimisión.

Non embargantes non hai que esquecer que o nome de Nick Glegg aparecerá tan só nas papeletas do distrito onde se presenta e 60.000 persoas de 46 millons poderán votar por el. É tamén a confianza no partido, e non só na persoa, a que debe prevalecer noutros distritos para que os liberaraldemócratas teñan maior representación e poidan ser alternativa e condicionar o novo goberno.

Aos laboristas só lles queda defenderse e agardar o que o futuro lles depara, tentando non perder moito terreo, porque estas son unhas eleccións moi incertas e calquera factor inesperado nos derradeiros días pode alterar o resultado final. Agardemos para ver se finalmente temos bipartito nas illas.