O futuro dos Lores británicos

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Foron os lores quen tomaron a decisión o pasado 23 de novembro de rexeitar a inmunidade soberana do dictador Pinochet. Esa posición, claramente orientada ó exercicio dunha xustiza transparente e en concordancia co respecto dos dereitos humanos, confrontase coa propia identidade desta Cámara, non democrática, e que Tony Blair pretende reformar.

Reino Unido: A fin dos Lores

A reforma constitucional foi parte destacada do programa eleitoral do Novo Laborismo. O aspecto descentralizador entrou xa no primeiro período lexislativo. A reforma da Cámara dos Lores vai no segundo. Hai certa relación entre os dous proxectos, e pode ser interesante ver os dous nunha perspectiva internacional.

Cando non hai constitución escrita, non hai tampouco, naturalmente, un proceso formalizado de revisión constitucional. Estas reformas estanse facendo por lei ordinaria, acompañada de referendum no caso da transferencia de competencias lexislativas a asambleias das nacions integrantes do Reino Unido (e por agora só a elas, coa excepción de Inglaterra, e non as rexións).

A Cámara dos Lores forma parte do Parlamento, e resulta un caso único de cámara non eleita nun parlamento democrático. Ten catro clases de membros, os pares hereditarios (as dúas terceiras partes, aproximadamente), os pares vitalicios (nomeados polo Goberno, unha cuarta parte), 26 bispos da Igrexa de Inglaterra (de oficio) e os 12 Law Lords, xueces distinguidos que son nomeados para desempeñar as funcións de suprema instancia xudicial que ten a Cámara. Ningún deles eleito.

A lexitimidade dun órgano do poder lexislativo desa natureza foi cuestionada sempre. Pódese defender con argumentos de feitío "orgánico", na tradición de Burke, crítica do xacobinismo, da Revolución Francesa e, en definitiva do racionalismo en materia constitucional.. A necesidade de reforma viría determinada por un entorno internacional no que habería que reencontrarse cos herdeiros da Revolución, pasados xa por moitas vicisitudes, pero cos que hai que convivir e, sobre todo, cos que hai que defrontrase a problemas comúns, europeos e mundiais. A constitución británica, non escrita, e baseada en benentendidos en unha sociedade moi peculiar, pudo subsistir, incluso cando Inglaterra tiña unha proxección mundial hexemónica, pero entra en crise ao rematar esa hexemonía.

A Cámara dos Lores xa foi reformada outra vez neste século, nas súas funcións aínda que non na súa composición. En 1911 perdeu o direito de veto á lexislación e ficou limitada a adiala (só a que non fose financieira e só por tres anos, que agora son un nada máis). Naquela data promeuse unha reforma máis radical no futuro.

Os Lores non impediron nin dilataron moito as grandes reformas do goberno de Atlee na aposguerra. Na década de 1970 demoraron, é certo, moita da lexislación dos gobernos laboristas minoritarios. Pero tamén se opuxeron á lexislación Tory na de 1980. Un bon exemplo é o proxecto de lei de tempos de Major que daba á Policía grandes poderes de vixilancia subrepticia.

A reforma de agora é criticabel desde varios pontos de vista. O primeiro que chama a atención é que, tal como se formula, non suprime o carácter non eleito da Cámara. Non propón aínda como van ser substituídos os pares hereditarios. O que fica ao suprimilos e unha cámara formada por os pares designados polo Goberno, os bispos e os Law Lords. A composición dunha nova Cámara será estudada por unha Royal Commission, de duración e resultado incerto. ¿Por que non ter criado primeiro esa Comisión e presentar un proxecto de lei no que figurase, xunto coa supresión dos pares hereditarios, a composición da nova Cámara?

A acusación á que dificilmente pode escapar Blair é a de que por moito tempo, ou tal vez para sempre, o Goberno pode nomear lores aos seus preferidos e acabar así cun freio a esa especie de dictadura parlamentaria que o sistema permite aos gobernos con maioría ampla ou aplastante, como é o actual. A tendencia do Novo Laborismo a exercer ese poder asoballante e tan forte e tan pouco tradicional como a de Margaret Thatcher, a quen Blair admira e imita en tantos sentidos.

Esa función moderadora é unha das que poden xustificar unha segunda Cámara. No enfrentamento máis recente cos lores ameazados de morte, rexeitaron estes por cinco veces o proxecto de lei que estabelecería o sistema de listas pechadas para as eleicións europeas. Fose por táctica guerrilleira ou por outras razóns, a negativa dos Lores non se pode calificar de "antidemocrática" como fixo Blair. Dificilmente pode caber nun proxecto de "modernización" e efectividade democrática o sistema de listas de partido, criador de alleamento, desinterés e deconfianza no sistema eleitoral e na representatividade da clase política.

Ninguén vai defender o direito de voto dos pares hereditarios, pero non deixa de ser curioso que no mesmo "pacote" lexislativo vaia unha reforma da seguridade social moi dura para os necesitados, e falte a prometida lei de liberdade da información. Parece outro caso do predominio do estilo e o xesto sobre a substancia, que cada vez máis se lle reprocha ao goberno do Novo Laborismo.

A non ser que non se respeite desta vez a Convención Salisbury, que estabelece que os Lores non afundirán proxectos que figuren no manifesto eleitoral do partido maioritario nos Comúns, entendendo que para estas ten o Goberno un mandato especial, pódese dar por certo que os pares hereditarios perderán os seus direitos de escano e voto nesta lexislatura. O que importa é quén os vai substituír. Unha reforma mellor artellada que a que se está a ver podería combinar a dimensión autonómica coa parlamentaria e facer da segunda cámara un órgano representativo das autonomías, unha especie de Bundesrat, por citar un modelo europeo. Non cabe esperar que así sexa, porque sería demasiado federalismo para o Goberno, e tamén porque a descentralización é moi reducida e quedarían sin representar nesa Cámara as nacións sin parlamento, como Inglaterra.

Outra posiblidade, que ninguén parece considerar, sería a de darlle máis iniciativa lexislativa á segunda cámara. Ou a de darlle máis intervención nos asuntos da lexislación europea. O Comité parlamentario que examina agora a lexislación europea e dos Comúns nada máis. E cuase non ten efectividades, porque ao Goberno bástalle, na maior parte dos casos, con informalo do que fai nesa materia. A combinación da representatividade das autonomías con a competencia de examen da lexislación europea sería unha novidade ben interesante, pero que non está nos planes de ninguén.

Unha segunda cámara, moderadora, equilibrante e revisora é unha institución que merece ser tida en conta en calquer arranxo constitucional. A dificultade está en encontrar o principio en que asentala. Pesa moito a ideia de que a única fonte de lexitimidade democrática é a eleición. Sobre todo cando se trata de asambleias, porque, en troques, admítese con relativa facilidade o poder moderador hereditario da monarquía. E a xudicatura, con poder considerable, é eleita en moi poucos sistemas. Na Cámara dos Lores hai, da parte dos vitalicios, unha reserva de pericia técnica ou experiencia moi apreciable e moi útil no proceso da lexislación. Aplicando o principio eleitoral estricto, resulta unha duplicación innecesaria de órgaos lexislativos. O risco dos demais criterios e que poden levar moi perto da representación orgánica ou do corporativismo.

Compre vixiar as reformas constitucionais dos distintos países, porque un día vamos ver, ou estamos empezando a ver xa na Unión Europea, problemas constitucionais internacionais. As segundas cámaras, e máis aínda as asambleias autónomas deben ter un papel que desempeñar na configuración dos posibles espacios políticos superiores ao estado unitario tradicional. Toda reforma debería ser considerada xa nesa perspectiva de futuro. Porque aínda van subsistir, e incluso aumentarán, na esfera internacional, e de inmediato na europea, os problemas fundamentais que esixiron o artellamento de sistemas de contrapesos do poder na esfera nacional.