O Pacto de Estabilidade pode ser desestabilizador

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Alemaña e Francia xa contan co apoio da maioría de países socios para reforma-lo Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC) que permitiu pór en marcha a Unión Económica e Monetaria (UEM). A iniciativa de Jacques Chirac e Gerhard Schroeder obedece, en primeira instancia, á necesidade de botarlle man ás facendas para revitaliza-la actividade económica, custeando con fondos públicos a construcción de infraestructuras, subvencionando a investigación, e premiando o investimento privado en novos proxectos empresariais. Pero o empeño de Berlín e París vai máis alá, pois o escenario internacional, debido sobre todo ós criterios xeopolíticos e á evolución da economía estadounidenses, aboca ós países altamente industrializados a dispor de resortes vetados polo PEC.

A unión monetaria suscitou lóxicas desconfianzas nuns socios (os máis equilibrados economicamente) e, ó mesmo tempo, proporcionou a outros (los menos desenvolvidos) a posibilidade de beneficiarse, sequera temporalmente, dun escenario favorable para acumular capitais e multiplicar exponencialmente a masa monetaria (o diñeiro en circulación), que a curto prazo xera unha riqueza aparente. Hai socios, como é o caso de España, cunha inflación e unha masa monetaria que comezan a revelar desmesuras que só son soportables gracias a súa pertenza á zona euro.

Sen restar importancia á función preventiva do pacto, prohibir que o déficit anual supere o 3% do PIB condicionou as políticas económicas nacionais. Paradoxalmente, en Eurolandia impúxose esa limitación pero tódolos dirixentes recoñecen que en ocasións o déficit é inevitable porque hai que afrontar gastos extraordinarios (paliar os efectos de desastres naturais ou de guerras, cumprir compromisos político-institucionais como organizar uns xogos olímpicos, ou capear desequilibrios financeiros, monetarios ou xeopolíticos sobrevidos). Ademais, as cíclicas recesións do sistema sempre teñen alcance transfronteirizo e ningún país en por si só pode controlalas nin combatelas con éxito. Sexa por un encarecemento desaforado do petróleo (como ocorreu en 1972-73), ou porque as taxas de cambio da divisa utilizada nos intercambios trasnacionais se deprecia ou se revaloriza esaxeradamente (como ocorre arestora co dólar), ou porque as medidas proteccionistas dun ou máis actores distorsionan un mercado ou un sector fundamental, recorrer ao diñeiro público é en moitas ocasións inevitable.

Fallan á verdade os que afirman que as concepcións de Alemaña e Francia obedecen exclusivamente a razóns internas. Tampouco é certo que os desaxustes orzamentarios de Alemaña e Francia sexan froito dun desmesurado gasto social, pois ese capítulo orzamentario está practicamente conxelado dende hai anos en ambos os dous países. Non é certo tampouco que as exportacións xermanas e galas perdesen atractivo, senón que os seus productos encarecéronse debido á revalorización do euro e ao empobrecemento dos países en vías de desenvolvemento, que son os seus principais clientes. Así as cousas, a proposta xermano-gala de reformar ou pospor as metas do pacto de estabilidade responde a motivos que van máis alá de Eurolandia.

Mentres, o dólar sigue depreciándose; mellor dito, os Estados Unidos acomodan las taxas de cambio da súa divisa aos seus intereses xeopolíticos e financeiros. Os expertos máis acreditados "incluidos os do acreditado MIT bostoniano" prevén que antes de finalizar o ano 2005 a taxa de cambio do euro se estabilizará na horquilla 1,30/1,40 dólares. Facer fronte a esa circunstancia esixirá esforzos extraordinarios aos países da UEM. ¿Cómo paliar os efectos negativos da depreciación da divisa-patrón? Entre outras medidas, haberá que utilizar os orzamentos.

A economía española sempre acusa con atraso certos avatares internacionais porque, en termos relativos, exporta menos co resto de países da UE (exceptuados Portugal e Grecia) e a factura petroleira que abona é inferior tamén á de tódolos países da UE. Por ende, hoxe a economía española se está a beneficiar de tres factores singulares. Primeiro, o consumo interior, que pese a ser conxuntural e artificiosamente alto suaviza e atrasa un axuste que é inevitable; segundo, os fondos de cohesión da UE permiten acometer proxectos públicos sen xerar déficit e, terceiro, as privatizacións realizadas polos gobernos do PP permitiron que Facenda ingresase contías anormalmente elevadas.

Economistas de distintas escolas (marxianos, keynesianos ou ultraliberais) teñan constatado, por exemplo, que o Campionato Mundial de Fútbol de 1998 celebrado en Francia supuxo un balón de osíxeno para a economía gala porque relanzou o consumo. Pero ese acelerón non se produciu gracias ó diñeiro que moveu o torneo, senón a remolque do optimismo social e económico que xeraron o evento e os éxitos do equipo nacional. O optimismo afectou tanto ós afeccionados ao fútbol como aos que desprezan ese espectáculo. Dito doutro xeito: o sistema vixente é ora rigoroso ora caixa de Pandora, polo que fiar a política económica a dogmas (ao pacto de estabilidade, por exemplo) é perigoso e sempre é contraproducente.

Alemaña e Francia, onde gobernan partidos de signo contrario "este detalle é substancial-, son os países da UE que mellor ou máis rápido comprenderon que é desaconsellable recurtar o gasto público a costa de por en perigo a estabilidade social e, con ela, a credibilidade do sistema. Berlín e París apréstanse a reducir prestacións sociais, certo, pero ningún de ámbolos dous casos é comparable ao español. As prestacións sociais (sanidade, pensións, subsidios familiares, gasto en educación, etcétera) das que actualmente gozan alemáns e franceses son as que terán os españois en 2023 se o gasto social medra unha media anual do 5,5% nos próximos vinte anos e, pola contra, esas partidas orzamentarias quedan conxeladas en Alemaña e Francia. Este cálculo está realizado cos datos de que dispón a UE, que son os remitidos pola Administración de cada país comunitario. Polo tanto, facer comparacións entre as políticas socioeconómicas que apliquen ou poidan aplicar Berlín, París e Madrid é, cando menos, absurdo.

Con ou sen o beneplácito do Goberno español, a práctica totalidade dos países comunitarios aprobarán a revisión do pacto de estabilidade. De feito, arestora a aplicación do PEC xa está parcialmente en suspenso. Case tódolos dirixentes institucionais e privados recoñeceron que é posible aplicar unha soa política monetaria flexibilizando o pacto de estabilidade nos seus aspectos máis políticos. Porque o que tampouco case ninguén dubida é que impor un límite do 3% aos déficit orzamentarios é unha medida esencialmente política, que non económica.

A praxe e o acervo económicos de Europa occidental funcionan máis ben que mal dende 1946 porque, entre outras cousas, os parlamentos e os gobernos aplicaron a machamartelo o criterio de que o Estado debe conducir, regulamentar, auxiliar e protexer a estabilidade socioeconómica, ¡que constitúe o piar no que descansa a estabilidade política e institucional!

A xeralidade dos cidadáns comunitarios, sobre todo os de Centroeuropa, as illas británicas e Escandinavia, xamais aceptará impasible que as arcas públicas estean saneadas a costa dun grave deterioro da calidade de vida, incluída a capacidade de consumo.