Os seis aspirantes do PS francés

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Os seis candidatos ás primarias do PS francés interviñeron o pasado dia 15 nun debate televisivo, o primeiro deica agora, no que expuxeron as súas ideas, as súas promesas e as súas intencións. Algúns deles teñen posibilidades de disputarlle a presidencia a Sarkozy (François Hollande, Martine Aubry e, se ben a certa distancia destes, Ségolène Royal). Os demais (Manuel Valls, Jean M. Baylet ou Arnaud Montebourg), teñen moi escasas posibilidades a ese fin.

O máis sorprendente é que os seis, todos se teñen por socialistas, non só centraron as súas intervencións na economía, senón na redución do déficit público. Ou sexa, que, como ben sinalou “Le Monde” do día 17, dando conta do debate na televisión, os socialistas convértense á economía liberal.

É ese un feito que pon ben de manifesto, ao noso ver, o medo –penso que esta é a palabra máis axeitada- que os bancos producen nos políticos, tanto que se ven na obriga de facerlles as beiras, de procurar que non se alporicen, de telos de man, ao cabo. ¿Tan inútiles se consideran eses políticos como para sentiren unha sorte de temor reverencial diante dos bancos?

De todos eles, catro polo menos teñen información e coñecementos económicos máis que sobrados para saberen que o medo ao déficit público e as medidas neoliberais que prescriben o FMI e demais organismos, como ben sinalou Paul Krugman, non só non deron resultado en ningún país, senón que, en todos eles, sen excepción, contribuíron á ruína económica dos países onde se activaron.

O feito é grave e dá que pensar, porque cando os seis candidatos ás primarias do PS francés fan piña mantendo unha única postura en relación coa redución do déficit público e en contra das experiencias máis coñecidas, están recoñecendo abertamente o que ningún representante do pobo, ou aspirante a selo, pode manter: que so serven aos bancos  (ao “mercados”) e non aos cidadáns que os elixiron. E non se ve por ningures a saída deste tobo, se é que existe.