20020402isaf kabul musharraf e ahmed karzai

Paquistán baixo fogo

Apartados xeográficos Asia ARCHIVO
Idiomas Galego

 Pervez Musharraf e Ahmed Karzai, clic para aumentar
Musharraf intenta manipular a súa estratéxica posición pedindo a Occidente un apoio frontal mais duradeiro e cualificándose a si mesmo como o único factor de estabilidade para Paquistán. Pero os efectos desta política poden ser tamén contraproducentes e provocar a súa inesperada caída. (Na foto se observa a Pervez Musharraf (á esquerda) co presidente afgano Ahmed Karzai, durante unha visita ás tropas da ISAF en Kabul o 2 de abril de 2002. ©UK Ministry of Defence/MOD).
 

Se perciben graves sensacións de descontento en Paquistán. O país, gobernado polo xeneral Pervez Musharraf, estratéxico aliado militar de EEUU e Gran Bretaña na ecuación antiterrorista global, corre o risco de experimentar unha imprevista rebelión étnica e social que podería colocar a Islamabad no centro da atención mundial, principalmente por constituír o único estado musulmán en posuír armamento nuclear.

Na actual conxuntura internacional onde se mestura o descontento dos países islámicos coas caricaturas ofensivas ao profeta Mahoma, publicadas en medios europeos, e nun momento en que se aprecia unha puxa occidental cara o programa nuclear iraniano, a crise paquistaní identificaría un serio problema de seguridade global non só polo asunto nuclear senón pola súa proximidade con potencias emerxentes como China e India, así como outros escenarios conflitivos como Afganistán, a presenza de redutos talibáns e islamitas, as especulacións sobre a actividades das células de Al Qaeda e o delicado mosaico étnico e tribal en rexións afastadas do control estatal.

Neste sentido, o 2006 non comezou con boas novas para o segundo país con maior poboación musulmán tras Indonesia, cun total de 100 millóns de habitantes. As consecuencias do terremoto na rexión de Cachemira controlada polo goberno paquistaní provocou unha seria crise sanitaria e social durante o duro inverno no Himalaia. Un ataque mortal da CIA na rexión de Waziristán, coa finalidade de atopar ao nº 2 de Al Qaeda, o exipcio Aywan al Zawahiri, provocou 20 civís mortos nun estrepitoso fracaso que activou unha espiral de violencia social contra o goberno de Musharraf, atenazado pola súa estreita alianza con EEUU e Europa occidental e o avance interno do islamismo.

A actual crise das caricaturas ten tamén a Paquistán como centro activo de descontento social e violencia, especialmente nas rexións de Waziristán e Baluchistán, onde o exército paquistaní ven librando, dende hai tres anos, unha guerra secreta contra grupos armados locais. A crise das caricaturas revela a paulatina activación dunha rebelión social e territorial contra Musharraf e o goberno de Islamabad.

A importancia estratéxica de Baluchistán é indubidable. Se considera que polo seu territorio transitan as principais vías de oleodutos e gasodutos, así como as represas hidráulicas, que constitúen os baluartes da economía nacional. Dentro da estrutura federal estatal, nesta rexión goberna unha coalición orixinalmente favorable ao presidente Musharraf pero que ven manifestando tensións co goberno central polas concesións gasíferas e petroleiras e a aplicación da sharia ou lei islámica.

Se cre que, tanto en Waziristán como en Baluchistán, dominan politicamente xefes tribais pashtuns vinculados a grupos islamitas e a militantes afganos e paquistanís do réxime talibán, que se mesturan coa posible presenza de células de Al Qaeda. Velaí a recente detención dun alto líder islamita local e 100 simpatizantes, tralos choques internos que provocaron a morte de tres homes de negocios chineses. Outro foco de descontento e avance do islamismo se identifica en Karachi, a segunda cidade do país.

Conducir esta crise non supón unha tarefa sinxela para Musharraf. Contando co total apoio occidental, o seu control político e militar semella absoluto, aínda que diversas fontes de intelixencia revelan o ascenso de militantes islamitas nas forzas armadas e a administración estatal. Existe un velado temor ante a posible irrupción ao poder, nas próximas eleccións presidenciais pautadas para o 2007, dun movemento islamita e as súas posibles implicacións para o panorama rexional e o control sobre o armamento nuclear.

O goberno de Musharraf tamén ten nas súas mans un factor revelador sobre a potencialidade do programa nuclear iraniano. A retención en Islamabad do científico paquistaní Abdul Qadeer Khan, cerebro do programa nuclear paquistaní, supón un elemento de importancia para EEUU, quen ven pedindo interrogalo pola súa presunta participación na activación das centrais nucleares iranianas e outros secretos atómicos deste país.

Se ben o apoio occidental constitúe un factor de poder importante para a cohesión interna do poder de Musharraf, resulta evidente que este elemento acrecenta o descontento interno cara o seu goberno, incrementado polos recentes contactos diplomáticos e políticos entre Paquistán e Israel. Este acercamento diplomático se activou paralelamente ao desenvolvemento da crise nuclear iraniana. Pero esta intima dependencia occidental de Musharraf non supón exactamente un factor de estabilidade para o seu goberno.

Musharraf intenta manipular a súa estratéxica posición pedindo a Occidente un apoio frontal mais duradeiro e cualificándose a si mesmo como o único factor de estabilidade para Paquistán. Pero os efectos desta política poden ser tamén contraproducentes e provocar a súa inesperada caída.