20051120 francois hollande

Que foi do socialismo francés?

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego
 François Hollande, clic para aumentar
Despois dunha alta participación (80%) nas eleccións dos socialistas, François Hollande que conseguiu impoñerse co 55% de apoio dos militantes, non foi quen de superar as diferencias que dividen o partido e de impoñer o seu liderado.
 

Francia, convertida durante semanas nun campo de batalla, adoece de alternativas ideolóxicas ás liñas directrices da dereita, ou cando menos, electoralmente, non parece que consolide unha alternativa fiable. Mentres a protesta se instituía na rúa, a desorientación subía graos nos corredores do partido socialista. A oposición e alternativa ó actual goberno no poder da UMP, viviu inmerso en eleccións internas o día 9 de novembro, e nun congreso en Mans o día 18. Da confusión non podía saír máis que unha "entente cordial", entre as distintas faccións do partido -Hollandistas, a facción do Novo Partido Socialista (NPS ) e os Fabiusianos-, coa arela de promover os seus propios candidatos de cara ás presidenciais do ano 2007.

No marasmo de nomes que saltan á palestra como presidenciables para o maio de 2007 (Dominique Strauss-Kahn, Jack Lang, Ségolène Royal, Laurent Fabius, Henri Emmanuelli, Vincent Peillon, e mesmo François Hollande), todos avogan polo mesmo concepto: "unidade" contra a ofensiva da dereita pero sen máis definición.

A crise social pola que atravesa o país, as ambicións persoais e a querela interna aguzada polas divisións arredor da Constitución europea, fixeron estragos no socialismo francés. A confusión non se disipou no congreso do pasado venres nin nas eleccións do día 9. Non obstante, a pesares de que François Hollande gañou uns comicios internos que tentaban sufocar as disidencias de Laurent Fabius (o home que abandeirou o non á constitución europea) e a oposición da alternativa Nouveau Parti Socialiste que pretenden afogalo, nada cambiou en esencia. Despois dunha alta participación (80%) nas eleccións dos socialistas, Hollande que conseguiu impoñerse co 55% de apoio dos militantes, non foi quen de superar as diferencias que dividen o partido e de impoñer o seu liderado.

Emporiso, os resultados de Fabius, co 21,17%, pode negociar dende posicións de forza coa dirección. Co argumento da crise social e urbana, os seus partidarios reclaman unha serie de compromisos entre os que destacan a asunción definitiva do "Non" á Constitución europea polo PS, e un acordo entre as correntes, para propiciar unha reorientación á esquerda, tal e como tamén reclama o NPS.

Fabius e Hollande intentaron aproximar posturas para asentar a devandita "entente". A designación do candidato socialista e o proxecto de partido deben ser configurados de maneira pluralista. Pero logo do congreso de Mans, algo cambiou. Hollande, na busca de ilusións para atraer público ó seu bando, resucitou a vella idea de organizar "estados xerais" (como na época da Francia revolucionaria) para a elaboración do proxecto de programa, cos sindicatos e asociacións. Ademais reitera que a designación do pretendente á presidencia por parte da esquerda do PS, será designado/a en novembro do 2006. Pero nada parece garantir que ata aló non seguirá habendo guerras internas.

Hollande, líder do partido, terá difícil impoñer as súas directrices e mesmo consolidarse por dúas razóns: primeiro, pola falla de convencemento ideolóxico e a confusión existente nas propias filas; e, segundo, pola combinación das diferentes aproximacións e sensibilidades ó ideal da esquerda, conxugado coas ambicións individuais e persoais dos candidatos ás presidencias do 2007, que fan da división e do desconcerto a estratexia común a seguir para resaltar a propia imaxe e aproveitar a oportunidade para converterse no futuro líder saído deste caos. Iso, sempre e cando que algún dos nomes citados saia indemne de tanta discusión, e sobreviva a tanta palabrería e polémica.